MAREA ATLÁNTICA | NOTA DE PRENSA | 100 DÍAS

María García: “O goberno de Inés Rey pasou cen días con proxectos herdados da Marea Atlántica”

Iago Martínez: “Os tres grandes proxectos do inicio do mandato sairán do noso acordo co PSOE: gratuidade das escolas infantís, novo operador enerxético 100% municipal e constitución da Área Metropolitana”.

A voceira e o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica fixeron balance dos primeiros 100 días de goberno do PSOE da Coruña, salientando a falta de iniciativa, xestión e liderado

María García: “O goberno de Inés Rey pasou cen días con proxectos herdados da Marea Atlántica”
19_09_23_Balance100dias
19_09_23_Balance100dias

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro Iago Martínez, fixeron balance dos 100 primeiros días do goberno de Inés Rey, que se cumpren neste 23 de setembro. “Foron cen días de boas palabras, pero de poucas ideas, nos que atopamos e facilitamos un cambio de talante cara ao diálogo, pero no que os únicos proxectos que estamos a ver son os que quedaron do mandato anterior”, resumiu María García.

Desmontando o tópico negativo da “herdanza recibida”, a práctica totalidade das iniciativas que se materializaron desde a toma de posesión de Inés Rey quedaron resoltas e deseñadas polo equipo de Xulio Ferreiro. “Desde o dispositivo de limpeza e concienciación no San Xoán, que logrou reducir as toneladas de lixo nas praias, ata o plan para a Intermodal, pasando polo Festival Noroeste e todas as obras desenvolvidas nestas semanas”.

Na mesma liña, Iago Martínez sinalou que “os que serán os grandes proxectos deste inicio de mandato saen do acordo que a Marea Atlántica e o PSOE asinaron para estes primeiros meses”, e salientou tres medidas concretas: gratuidade das escolas infantís municipais no curso 2020-2021, creación dun operador enerxético 100% municipal e baseado en enerxías renovables, e avances na constitución da Área Metropolitana. En palabras do vicevoceiro: “Nestes tres puntos confiamos en que haberá avances nos próximos días. Serán o inicio dun mandato que está tardando en botar a andar”.

Existen outros puntos no acordo, como os descontos na tarifa do bus para maiores de 65 e menores de 25, a ampliación do carril bici ou o desenvolvemento dos Bosques da Coruña e o Plan de Infraestrutura Verde, fundamentais na loita contra o cambio climático. “Temos confianza en que os compromisos se irán cumprindo, unha confianza que será fundamental para manter unha maioría de progreso na corporación municipal da Coruña”, engadiu Iago Martínez

Pouca axilidade na xestión

María García sinalou tamén que “pese as leccións que o PSOE quería dar desde a oposición, percíbese unha falta de axilidade na xestión, preocupante sobre todo no que respecta ás persoas máis vulnerables”. Un exemplo “especialmente grave” son os atrasos no pago da Renda Social Municipal que, aínda que están en vías de resolverse, “mantén a un mínimo de 55 fogares agardando durante semanas por unha axuda á que teñen dereito, a pesar de que nós advertíramos dos riscos durante o traspaso de poderes”.

“Cando o goberno municipal leve a Pleno o modificativo de crédito necesario para dotar de fondos á Renda Social e ás axudas de emerxencia, garantiremos a solución cos nosos votos, como xa anunciaramos”, confirmou a voceira. “Unha oposición baseada no bloqueo e o partidismo, como a que vivimos no anterior mandato, ao final pásalle factura á cidade, polo que nós nunca nos situaremos nesa posición”. Un exemplo foi o bloqueo dos Orzamentos 2019, que non só deixou sen fondos ás axudas sociais, senón que fixo que A Coruña perdera 20 millóns en investimentos.

Ademais, a voceira da Marea Atlántica incidiu en que se están a ver unha serie de xestos “que poden indicar perda de orientación en temas tan importantes como a laicidade institucional, co goberno acudindo a actos relixiosos, o benestar social, ou a loita contra o cambio climático, convertendo o Obelisco nun anuncio de coches na Semana da Mobilidade”.

Finalmente, García sinalou que “vemos unha certa descordinación entre as áreas de goberno, e unha falta de liderado que se traduce en debates sobre quen debe xestionar materias tan importantes como as escolas infantís ou o Festival Noroeste, con recados a través da prensa. É preocupante e agardamos que estes puntos de fricción se resolvan pronto”.

Comentarios
María García: “O goberno de Inés Rey pasou cen días con proxectos herdados da Marea Atlántica”