Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “Inés Rey, coa súa estratexia de ir por libre e fuxir do consenso, está a prexudicar á Coruña, no porto e en todos os asuntos de cidade”

A voceira da Marea Atlántica pediulle á alcaldesa que respecte os consensos dos últimos anos, e que non fique calada mentres o Estado lle pecha á porta á condonación da débeda do porto e ao financiamento do tren a Punta Langosteira

María García: “Inés Rey, coa súa estratexia de ir por libre e fuxir do consenso, está a prexudicar á Coruña, no porto e en todos os asuntos de cidade”
20210303_SGR_com_bordo_litoral_Z7F6583
Reunión da Comisión do Bordo LItoral

“Non é o momento de baixar a cabeza, senón de esixir o que merece a xente da Coruña: recuperar o seu porto como espazo público e motor de emprego”, sentenza María García

A Coruña, 3 de marzo de 2021.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, lamentou hoxe que Inés Rey manteña unha estratexia de “ir por libre”, sen negociar nin procurar consenso cos grupos da oposición, mesmo en cuestións tan relevantes como a transformación dos peiraos interiores. “Con esta actitude está a prexudicar á cidade da Coruña, no porto e en todos os asuntos da cidade. Non é o momento de baixar a cabeza mentres o Estado despreza á cidade, hai que esixir o que merece a veciñanza, recuperar o porto como espazo público e motor de emprego”.

“A Marea Atlántica convocou hoxe á Comisión Especial do Bordo Litoral, que presido, para renovar o consenso sobre o futuro do porto cunha declaración únanime, que foi aceptada por todos os grupos agás, por agora, o PSOE, e que recolle os consensos dos últimos anos, comezando pola urxente condonación da débeda, como en Valencia. E saímos dun Pleno extraordinario convocado polo PP para reclamar algo de sentido común: que o Estado financie o tren á dársena exterior de Punta Langosteira, como en Castellón. E onde está a alcaldesa? Por que teima en ir en solitario?”, declarou a nosa portavoz.

O maior exemplo desta estratexia fallida viuse a semana pasada no encontro entre as diferentes administracións implicadas na recuperación dos peiraos interiores, que foi anunciada como un “cumio histórico” e rematou sen ningún avance e con varios pasos atrás. “Prometéusenos que se abriría unha porta e atopámonos cun portazo”, resumiu García.

O Estado péchalle a porta á Coruña

Ese “portazo” refírese a que entes como Puertos del Estado e ADIF saíron da xuntanza sen ningún compromiso e falando mal da Coruña. Francisco Toledo, presidente de Puertos, falou claramente de manter o escenario de 2004 e vender os peiraos para pagar o préstamo de 200 millóns á Autoridade Portuaria coruñesa. Un préstamo que, como ben sinala María García, “ten condicións de usura, cun interese 10 veces superior ao do Banco Europeo de Investimentos, e polo que o porto xa pagou 36 millóns sen chegar a amortizar un euro”.

Ademais, ADIF está a cuestionar a viabilidade da conexión ferroviaria a Punta Langosteira, “nun argumento circular e absurdo, porque un porto non pode ser viable sen tren, e de feito concibiuse co tren que agora se nega”, engade a nosa voceira.

“Como pode a alcaldesa permanecer calada ante estas inxustizas, vendo como en Valencia, cun acordo político, se condonan 400 millóns da débeda nacida da Copa América e a Fórmula 1, mentres na Coruña se hipoteca o bordo litoral para financiar unha obra de interese xeral?”, pregúntase García, Un porto exterior que, por certo, foi pensado para afastar os grandes buques despois de tres mareas negras co Urkiola, o Mar Exeo e o Prestige.

pleno extraordinario

Por unha volta ao consenso

Na Comisión do Bordo Litoral, todos os grupos da oposición esixíronlle ao goberno municipal que defenda neste organismo os acordos aos que o pleno chegou por unanimidade sobre a transformación do porto. O goberno local debe trasladar os acordos da Comision de Borde Litoral, presidida pola Marea Atlantica, antes das próximas xuntanzas coa mesa interinstitucional. E que, ao remate, rinda contas ante a Comisión como é a súa obriga democrática.

María García pediulle a Inés Rey que tomase exemplo de Xulio Ferreiro, un alcalde que en todo momento procurou integrar á oposición no debate sobre a transformación do porto e que traballou, xunto á veciñanza, para fortalecer os consensos que agora son de sentido común: a condonación da débeda é o único realista; os peiraos deben ter uso e titularidade pública, deben conservar a pesca e os usos produtivos limpos; hai que financiar o tren a Punta Langosteira e hai que contar sempre coa participación cidadá, sen encerrar o debate en despachos.

Nisto céntrase a nosa proposta de declaración institucional, que só o PSOE evita apoiar por agora. Declaración institucional que auna os consensos básicos dos últimos anos, e recollidos tamén no protocolo que a Marea Atlántica lle remitiu a todos os grupos e institucións hai uns días. “Unha proposta, por certo, á que non tivemos ningún tipo de resposta, nin positiva, nin negativa”, engadiu García.

A voceira da Marea Atlántica, María García, no pleno extraordinario

A cidade paga as liortas internas do PSOE

Para rematar, a presidenta da Comisión do Bordo Litoral lamentou que A Coruña teña que pagar as liortas internas do PSOE, vendo como esa “liña directa” coa Moncloa que Inés Rey prometera en campaña electoral está estropeada desde o primeiro día. A alcaldesa cala ante declaracións intolerables como as de Puertos del Estado, e deixa que hoxe, no Pleno, sexa o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, o que tente xustificar os malos resultados na xuntanza sobre o porto. O mesmo concelleiro ao que desautorizou hai unhas semanas por negarse a defender a condonación da débeda.

María García: “Inés Rey, coa súa estratexia de ir por libre e fuxir do consenso, está a prexudicar á Coruña, no porto e en todos os asuntos de cidade”