Presentará a moción no pleno do vindeiro luns

Moción do BNG para que a Casa Cornide sexa patrimonio público

A organización nacionalista solicita mediante esta iniciativa que o Pleno da Corporación Municipal inste tanto a Xunta de Galiza como ao Goberno do Estado a que a Casa Cornide se reintregre ao patrimonio público

Moción do BNG para que a Casa Cornide sexa patrimonio público
Casa Cornide
Casa Cornide

Avia Veira: “O espolio da Casa Cornide está clara e debidamente documentado: existiu unha trama, na que interveu o Concello da Coruña, o Ministerio de Facenda, o Ministerio de Educación e a Casa Civil do Caudillo para enmascarar como poxa un auténtico espolio en beneficio de Carmen Polo que desexaba unha casa en plena Cidade Vella. E hora xa de que se devolva á cidade e se reintegre ao patrimonio de todas as coruñesas e de todos os coruñeses”

A Coruña, 3 de xaneiro de 2018. O BNG presentou esta maña unha iniciativa pola cal se demanda que a Casa Cornide pase a formar parte do patrimonio público e non do dereito de sucesión da familia Franco.

Así, as nacionalistas, na moción que presentan para o seu debate no vindeiro Pleno do luns, e tendo en conta o recente pasamento da filla do ditador Francisco Franco, herdeira, entre outros bens, da Casa Cornide, e tal e como se ten acreditado recentemente, adquirida mediante un proceso manipulado, consideran que é un bo momento para que as administracións da Xunta e do Estado adopten as medidas necesarias para a súa reincorporación ao patrimonio público.

E é que a formación nacionalista, e toda vez que quedou acreditado, como se ten documentado polos historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez, na súa obra “Meiras: un pazo, un caudillo, un espolio”, que a Casa Cornide foi adquirida mediante a montaxe dun complexo proceso administrativo que involucrou distintas administracións, entre elas o propio Concello da Coruña, e distintos particulares adscritos ao réxime que serviron fielmente ao interese do ditador e, especialmente, da súa muller Carmen Franco, para se dotar dunha “casa” en plena Cidade Vella da Coruña, lembran que aínda queda pendente unha débeda a respecto da restitución dos distintos bens públicos enaxenados e espoliados en beneficio do ditador, e que neste caso concorrendo precisamente a participación do propio Concello, colaborador necesario, sinalan que a administración local debe, precisamente, tomar a iniciativa e iniciar o camiño de volta ao patrimonio da cidade deste emblemático edificio da Cidade Vella para a súa restitución e reintegro plenos.

 “O espolio da Casa Cornide está clara e debidamente documentado: existiu unha trama, na que interveu o Concello da Coruña, o Ministerio de Facenda, o Ministerio de Educación e a Casa Civil do Caudillo para enmascarar como poxa un auténtico espolio en beneficio de Carmen Polo que desexaba unha casa en plena Cidade Vella. E hora xa de que se devolva á cidade e se reintegre ao patrimonio de todas as coruñesas e de todos os coruñeses”, conclúe a portavoz nacionalista no concello Avia Veira.

Moción do BNG para que a Casa Cornide sexa patrimonio público