Eleccións xerais | BNG

Néstor Rego: "Temos que recuperar o orgullo e iso significa votar BNG"

Néstor Rego foi activista nacionalista dende a súa mocidade, participando en ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e nos CAF (Comités Abertos de Facultade). 
Néstor Rego: "Temos que recuperar o orgullo e iso significa votar BNG"
Nestor Rego entrevista
Nestor Rego

Foi profesor de Lingua galega e literatura galega no IES Antón Losada Diéguez da Estrada. En 1995 foi elixido concelleiro de Santiago de Compostela e en 1999 entrou no goberno municipal, asumindo a Concellaría de Medio Ambiente e Servizos. Nas municipais de 2003 encabezou a lista do BNG ao concello. Grazas a un pacto de goberno co PSdeG-PSOE, foi tenente alcalde e concelleiro de Cultura. En 2008 dimitiu.

En xuño de 2012 foi elixido secretario xeral da UPG[1], substituíndo no cargo a Francisco Rodríguez. En 2016 foi elixido membro da Executiva do BNG.[2]

É profesor no IES Antón Fraguas Fraguas de Santiago de Compostela.

Por que o lema “ Facer valer Galiza con voz propia”?

Porque é o que nos define. Defender os intereses de galegas e galegos, ser a voz que representen a defensa dos nosos sectores produtivos, da reindustrialización, dos investimentos no país, dos dereitos e as liberdades. O que si quedou claro despois destes anos é que a ausencia do BNG no Congreso tivo repercusións moi negativas para Galiza. Saímos perdendo, saíu perdendo o país. Nós poñemos no debate dous datos que explican ben o que estou a dicir. O proxecto de orzamentos apoiados polo PSOE e Podemos este mesmo ano tiñan previsto destinar a Galiza 745 ME. En 2009, cando os votos dos dous deputados do BNG eran determinantes, o consignado para o noso país chegou a ser de 2.100 ME, tres veces máis. Con estes datos, é fácil ver que o lema responde á realidade, o BNG fai valer Galiza con voz propia.

Que achega o BNG que non acheguen outros partidos?

En primeiro lugar, responder unicamente aos intereses de Galiza. Non hai máis mandatos. Sacaría agora un senfín de casos en que deputados e deputadas que saíron elixidos cos nosos votos acabando erguendo a man e apoiando medidas claramente nocivas para Galiza. O caso dos propios orzamentos é un dos máis chamativos. Por exemplo, os propios representantes de Unidas Podemos manifestaron que as contas eran claramente negativas para Galiza e ao día seguinte estaban votando a favor. A falta de compromiso co país notouse tamén en temas de especial relevancia como o AVE, a tarifa eléctrica galega, a AP9, a exención de cotas para a pesca artesanal... Co BNG iso nunca acontecerá. Estaremos no Congreso só para defender os intereses galegos, políticas verdadeiramente transformadoras e dereitos e liberdades democráticas. O BNG é tamén a única forza que defende que Galiza teña capacidade para decidir por sí propia de maneira soberana.

FOTO TRAIL MOVIE

Por que é máis representativo de Galicia un/a deputado/a de o BNG que un/a de outro partido?

Como antes dicía, porque eses votos van ser os valedores de Galiza no Congreso. Para que valen cinco votos dun partido que cando se trata de temas que nos afectan van erguer a man co que lle digan, mesmo indo en contra dos nosos intereses? Infelizmente, iso acontece continuamente e son moitos os casos que podiamos citar. Nestes días, percorrendo o territorio na campaña podo dicir que foron moitas as persoas que me falaron das melloras conseguidas grazas ás iniciativas dos deputados e deputadas do BNG no Congreso. Tamén podemos darlle unha volta á pregunta, que pasou cando o BNG non estivo? Que quen se resentiu foi o país enteiro, que desaparecemos do debate político no congreso, que os investimentos diminuíron... en definitiva, que o país perdeu oportunidades que son esenciais para establecer un mellor nivel de vida e benestar de todos os galegos e as galegas.

Vostede ten experiencia de gobernar Compostela en coalición co PsdG. Cre que vai haber un goberno de coalición?

O que podo dicir que, sempre que estivo na man do BNG, a dereita non gobernou. Demostrámolo na Xunta, nos Concellos e nas Deputacións. Con un BNG determinante a dereita, e máis aínda neste caso coa extrema-dereita de partenaire, non gobernará. Mais tamén dicimos que o apoio do BNG nunca será de balde; sobre a mesa terán de estar contrapartidas para favorecer os investimentos, o emprego, o desenvolvemento do País e políticas sociais imprescindíbeis. Entre outras cousas consideramos urxente derrogar as medidas regresivas como a LOMCE, a Lei da Mordaza, a reforma laboral ou das pensións. Nós debémonos ás galegas e galegos.

FOTO MITIN BOIRO

Serviu a experiencia do bipartito na Xunta para lograr avances na cultura e a lingua galega?

É evidente, por esa e por outras experiencias, que cando o BNG goberna é quen de facer políticas diferentes e transformadoras que reverten na mellora das condicións de vida de todos os galegos e galegas. No ámbito da cultura, é claro que se produciu un impulso que infelizmente logo non foi mantido polo goberno do PP que de forma moi evidente traballou contra a nosa lingua e a nosa cultura.

Como interpreta o “ procés” de Cataluña?

É claro que nós defendemos o dereito de autodeterminación para Galiza e para todos os pobos do mundo. Polo tanto, cremos que é preciso garantir a expresión da vontade democrática do pobo catalán. A sentenza é máis unha decisión política que xurídica, un exemplo da profunda involución democrática que vivimos e supón un retroceso nas liberdades e nos dereitos básicos como o de manifestación e a liberdade de expresión.

Que destacaría das candidaturas que presenta o BNG nas provincias galegas?

Que son candidaturas de homes e mulleres comprometidas co país, que son garantía de defensa dos intereses das galegas e galegos. Coa experiencia que temos podemos dicir con certeza que as persoas que forman parte das nosas candidaturas non van defraudar, porque teñen Galiza na cabeza e no corazón. Cando o BNG ten presenza, Galiza está presente e iso xa ninguén o pon en cuestión.

Cales son os eixos programáticos que presenta?

Presentámonos ás eleccións do 10N cun programa que ten Galiza no centro e que pula por desenvolver os seus sectores produtivos, pola mellora das infraestruturas e por construír un futuro de benestar para galegos e galegas. Defendemos un programa con propostas para a mellora da calidade de vida, programas para que ninguén fique á intemperie, en especial, nun tempo como o que vivimos en que case medio millón de persoas están en situación de exclusión, que se garantan os dereitos básicos, que a mocidade que está a emigrar poda retornar ao seu país. Propomos un programa que defende os dereitos e liberdades públicas en tempo de involución democrática en que se está branqueando a extrema-dereita. Concorremos ás eleccións cun programa que defenderemos con toda a nosa forza porque reverterá na mellora da vida das galegas e galegos. E defendemos, claro está, a capacidade de decidir do noso país.

FOTO MITIN BNG FERROL

Por que cre que vai se é posible esta vez que o BNG obteña representación no Congreso?

Porque somos a única forza galega que se presenta, a única que representa Galiza e será a súa voz en Madrid. Desde o pasado abril, o panorama electoral clarificouse. Desta volta, só o BNG concorre como forza galega e, despois diso pasar, sentimos que cada vez son máis as voces que se suman e nos mostran o seu apoio para que Galiza estea presente. O BNG vai xuntar todo o voto en chave galega e recollerá, sen dúbida, o das persoas defraudadas con outras forzas que se presentaban para cambiar o mundo e non foron quen nin de conseguir poñer a Galiza no mapa político. Se Euskadi, Cataluña e mesmo rexións como Cantabria teñen representación... unha nación como Galiza non vai ter? Temos que recuperar o orgullo e iso significa votar BNG.

Néstor Rego: "Temos que recuperar o orgullo e iso significa votar BNG"