Laboratorio Cidadán da Coruña

Participación cidadá: seis proxectos de innovación social

A edil Claudia Delso lembra que o Co-Lab “é un programa aberto á cidadanía que quere contribuír, a través do coñecemento, ao desenvolvemento social cultural, económico da cidade”

Participación cidadá: seis proxectos de innovación social
Claudia Delso
A edil Claudia Delso presentou as seis propostas que acollerá este ano o Co-Lab

Concello da Coruña | 7/09/2017

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu conta esta mañá dos seis proxectos que o Laboratorio Cidadán da Coruña (COLAB) acollerá este ano coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento cultural, social e económico da cidade a través de mecanismos de produción de coñecemento colaborativo, aberto e reutilizable. Tal e como lembrou a edil, o Co-Lab é un espazo aberto á veciñanza impulsado polo goberno local que naceu o ano pasado "coa intención de dinamizar e transformar, desde a proximidade e a innovación social, pensada por e para as persoas, a propia cidade". "O Laboratorio Cidadán é un espazo de reflexión, de colaboración, de coñecemento e experimentación, aberto á veciñanza, no que se pode abordar, en común, diversas problemáticas de cidade", explicou Delso, "para acadar unha cidadanía máis igualitaria, así como para mellorar a calidade de vida da veciñanza da Coruña".  Neste sentido, a responsable municipal lembrou que un dos obxectivos da súa área, "como o seu nome indica", é "facer partícipe á cidadanía das políticas públicas". "O CoLab naceu coa intención de perdurar no tempo como eixo dinamizador da cidade. É un programa transformador no que as veciñas e veciños actúan como axentes activos, produtores dun coñecemento que pode contribuír ao desenvolvemento social, cultural e económico do municipio e da área metropolitana", incidiu.

O Laboratorio Cidadán da Coruña contará este ano con seis proxectos de participación e innovación social que se presentaron esta mañá no centro cívico municipal da Cidade Vella. As iniciativas, como lembrou Delso, cumpren coas normas consensuadas polas e polos participantes, o pasado mes de novembro, durante o Obradoiro Aberto que deu lugar á creación do Co-Lab: transversalidade dos saberes, liberdade de acceso ao coñecemento e reutilización, prototipado rápido, comunidade de aprendizaxe e un espazo de convivencia.

Os seis proxectos seleccionados en convocatoria aberta presentan liñas concretas de desenvolvemento: mellora dos barrios, reforzo do tecido asociativo, apoio a persoas maiores, ou apertura de novos espazos á cidade, entre outros. "Un dos aspectos máis importantes do Co-Lab é favorecer a interacción e participación da veciñanza da Coruña. Todas e todos poden colaborar e contribuír nos procesos que se poñan en marcha no Laboratorio", lembrou a concelleira, quen salientou que, entre as novidades para este ano, incorporaranse tamén seis persoas mediadoras --tamén seleccionadas a través dunha convocatoria pública--, coa finalidade que establezan relacións entre os proxectos a desenvolver e outros do mesmo tipo existentes na Coruña ou na área metropolitana. "Ademais de apoiar a creación de sinerxías entre as iniciativas, estas seis persoas acompañarán a cada unha das mesmas para favorecer o coñecemento e a colaboración entre todas elas, así como con aquelas propostas que se estean a dar tanto na cidade como na súa contorna", destacou Delso, quen engadiu que esta medida "responde á propia filosofía do Co-Lab: é un espazo de colaboración, para todas e todos, que posibilite o crecemento da Coruña".

Os proxectos que albergará o Co-Lab neste 2017 son:

  1. Creación de novos espazos de convivencia na Agra do Orzán: nun barrio cunha alta densidade de poboación e unha baixa cantidade de espazo público, esta liña de traballo buscará o emprego dos patios das mazás como novos lugares de convivencia. Este proxecto segue a liña de ideas semellantes que foron levados a cabo en cidades como Barcelona e que resultaron tanto éxito de participación como no seu desenvolvemento.

  2. Aprendizaxe e práctica para a resolución dos problemas urbanos: o crecemento das cidades e a súa expansión urbanística levan unha serie de problemáticas que afectan á veciñanza e que A Coruña sofre desde hai anos. Esta iniciativa busca achegar e compartir as consecuencias derivadas dos proxectos urbanísticos para que á veciñanza poida avaliar, e incluso cuestionar, os procesos e operacións urbanísticas da Coruña, entendendo, preguntando e participando con toda a información.

  3. Construción de lugares de encontros entre artistas e entidades para a mellora de recursos: o "gabinete de imaxinación política" que propón a iniciativa quere establecer espazos de reflexión entre colectivos, entidades, cooperativas e grupos informais para que, a través da combinación de artes e das tecnoloxías sociais, se doten de recursos para acadar maiores cotas de autonomía, capacidade creativa e resiliencia.

  4. Desenvolvemento cultural, social e económico de Monte Alto: mediante a metodoloxía OASIS, posta en marcha en máis de 350 cidades de 20 países, a proposta quere transformar colectivamente o barrio coa participación da veciñanza, comerciantes, hostaleiros, comerciantes e outros axentes sociais chaves do barrio e así experimenten o poder do traballo colectivo, sendo eles mesmos os suxeitos activos de transformación.

  5. Diagnose da situación actual das persoas maiores da cidade e contribución a mellorar a súa situación: a problemática social perentoria das persoas maiores que viven en soidade na Coruña e en Galicia urxe a buscar solucións e mellora das súas situacións de vida. O proxecto entende como fundamental diagnosticar a situación deste colectivo para integrar aos colectivos que colaboran e traballan con eles nunha iniciativa social de abordaxe global e mellora da súa realidade social.

  6. Plataforma de intercambio de bens para o seu mellor aproveitamento. Esta liña de traballo procurará obter recursos abertos e etiquetados con novas licencias que permitan novas interaccións e posibilidades sociais e culturais para persoas e organizacións interesadas en compartir, alén da propiedade conforme ás esixencias tanto dos posibles usuarios como das cousas que se prestan.

 

Participación cidadá: seis proxectos de innovación social