CORONAVIRUS

O Pleno aproba o plan de choque contra a Covid-19 acordado polo BNG co resto de grupos municipais

Jorquera destaca que o Concello mobiliza 13 millóns de euros cando a Xunta, cun orzamento de por volta de 10 mil millóns, non é quen de pór sobre a mesa nin sequera 100 millóns

O Pleno aproba o plan de choque contra a Covid-19 acordado polo BNG co resto de grupos municipais
Avia Veira e Francisco Jorquera no pleno municipal
Avia Veira e Francisco Jorquera no pleno municipal

A Coruña, a 1 de xuño de 2020. O Pleno da Coruña aprobou este luns por unanimidade o Plan de Choque de medidas socio-económicas contra os efectos da pandemia da Covid-19 acordado polo BNG co resto de grupos municipais.

O plan mobilizará 13 millóns de euros, produto da reprogramación de partidas do orzamento 2020 e da aplicación de remanentes de tesourería de exercicios anteriores.

Na súa intervención perante o Pleno, o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, destacou que o Concello é quen de mobilizar 13 millóns de euros en contraste cunha Xunta de Galiza que, pese a ter un orzamento por volta dos 10 mil millóns de euros, non é quen de destinar ao combate contra a Covid-19 nin sequera 100 millóns.

“O Concello da Coruña, tendo moitas menos competencias e gobernando para un universo moi inferior e tendo moito menos orzamento, vai aprobar un plan moito máis ambicioso que as medidas anunciadas pola Xunta de Galiza”, remarcou Jorquera, quen a seguir instou o Goberno galego a que exerza as súas competencias e que, consecuentemente, goberne. “Para exercer de comentarista criticando o mal que o fai o Goberno central, ou recomendando a outros o que hai que facer, non necesitamos un Goberno galego”, dixo.

O portavoz da formación soberanista comezou a súa intervención felicitándose polo acordo co resto de grupos arredor do Plan de Choque do Concello. “Podemos gabarnos por sermos capaces de aparcar as nosas diferenzas”, salientou. A sociedade o que agarda das forzas políticas, remarcou, é que saiban “antepoñer o interese xeral ao partidismo de curto alcance”.

O Plan de Choque, puxo en valor Jorquera, incorpora aspectos que para o BNG son prioritarios no combate contra a pandemia: incrementa o investimento público co propósito de reactivar a economía e xerar emprego, reforza as políticas sociais para atender as persoas en situación máis vulnerábel e articula medidas específicas destinadas aos sectores económicos máis afectados polo parón de actividades.

Sen querer estabelecer ningunha relación de xerarquía entre as distintas medidas que compoñen o Plan de Choque, o voceiro nacionalista si puxo en destaque algunhas delas, desde o reforzo ao programa bolsa de vivenda en aluguer e a activación dunha bolsa de locais comerciais até a creación dos Bonos 10 e o Bono 5 para incentivar o consumo no comercio e a hostelaría local pasando polo lanzamento dun Bono Cultura que sexa un estímulo para un sector que “sufriu como o que máis o parón da actividade provocada pola pandemia”.

Saudou tamén Jorquera que o Plan de Choque contemple a posta en marcha do Consello Económico e Social, unha proposta do BNG acordada xa no seu día co grupo municipal do PSOE. Un organismo que, subliñou, está chamado a “deseñar en diálogo con outras administracións e os axentes sociais o futuro económico desta comarca”.

FEITOS E PROPAGANDA

Non quixo deixar pasar a oportunidade Jorquera para facer “varias apelacións” ao Goberno Local. A primeira, a de que sexa dilixente na aplicación da modificacion orzamentaria hoxe aprobada. A segunda, a de que se absteña de substituír a política dos feitos pola política da propaganda, en alusión á campaña de cartaces e insercións publicitarias en que equivocamente o Goberno Local se atribuía a mobilización de até 500 millóns de euros “cando, como xa dixemos no pasado Pleno ordinario, esa cantidade simplemente é un compendio de todos os contratos que está previsto licitar e adxudicar neste ano e nos vindeiros”, esclareceu o portavoz nacionalista.

Jorquera pediulle tamén flexibilidade ao Goberno Local á hora de adaptar a “ferramenta orzamentaria” a unha situación, a da crise da Covid-19, que por definición é cambiante. “Por ese motivo, se é necesario dentro duns meses aprobar unha segunda modificación orzamentaria, fagámolo. E se é necesario subscribir unha operación de crédito para financiala, fagámolo tamén”, apelou.

Comentarios
O Pleno aproba o plan de choque contra a Covid-19 acordado polo BNG co resto de grupos municipais