BNG | Nota de prensa

O pleno aproba unha proposta de emenda dos orzamentos da Xunta asinada por BNG, MAREA e PSOE

Jorquera cualifica as contas da Administración galega de “desprezo á Coruña e á súa comarca”

O pleno aproba unha proposta de emenda dos orzamentos da Xunta asinada por BNG, MAREA e PSOE
pleno
pleno

A Coruña, a 12 de novembro de 2019.- Nunha sesión extraordinaria convocada a instancias dos grupos municipais do BNG e a Marea Atlántica, o pleno do concello da Coruña aprobou este martes unha proposta resolutiva de emenda aos orzamentos da Xunta para 2020 no que ten a ver co trato que neles recibe a nosa cidade.

O texto da proposta resolutiva foi redactado conxuntamente polos grupos municipais de BNG, Marea Atlántica e PSOE. Obtivo os votos a favor destas formacións e foi votado en contra polo PP.

A proposta vai ser comunicada agora á Mesa do Parlamento galego, órgano de goberno da cámara que a súa vez dará traslado do texto aos distintos grupos parlamentares, para estes, se así o consideraren, utilizar a iniciativa como base para redactar emendas aos orzamentos.

Na súa intervención no pleno para defender a proposta, Francisco Jorquera cualificou o proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 de “desprezo para A Coruña e a súa comarca”.

Razoou Jorquera que a Xunta anuncia un investimento de 1.691 millóns de euros para o conxunto do país, isto é, 608 euros per cápita. Desa cantidade só se destina á nosa cidade “uns raquíticos 84 millóns de euros”. “Un investimento por habitante de pouco máis de 340 euros. Un 43,5 por cento menos que a media galega”, aduciu.

“Tanto é así que o maior investimento previsto na cidade da Coruña (15 millóns de euros) non é froito do esforzo investidor da Xunta, senón que corre a cargo dunha entidade privada, a Fundación Amancio Ortega”, denunciou o portavoz nacionalista.

A falta de compromiso do Goberno galego coa nosa cidade é tal que, tal e como se pon de relevo na proposta de resolución, “os investimentos da Xunta de Galiza non conseguen nin sequera cumprir os seus compromisos adquiridos e recollidos en convenios xa asinados co Concello da Coruña”, alega Jorquera. E para ilustrar esta afirmación recorreu á débeda contraída pola Administración galega coa Orquestra Sinfónica de Galiza, que ascende xa “a máis de cinco millóns de euros”. Este débito vai continuar a medrar sendo que a partida consignada pola Xunta para 2020 é menor do que a cantidade prevista no convenio, o que “comprometería o futuro da Orquestra, do coro, da orquestra xoven e das agrupacións infantís”, alertou Jorquera.

Baixando ao concreto, en materia de política sanitaria, a xuízo do portavoz do BNG en María Pita o Goberno galego opta por substituír “a falla de compromiso práctico e material” pola “propaganda dun novo hospital”.

Nese sentido, Jorquera ve “totalmente insuficientes” os 2 millóns orzamentados para o Chuac, ao tempo que xulga como “clamorosa” a ausencia dunha “partida específica” para “o tan demandado centro de saúde de Santa Lucía”.

“Mais as necesidades en materia sanitaria da nosa cidade non afectan só as infraestruturas”, apuntou e a seguir remarcou a necesidade de “reforzar e ampliar servizos nos centros de saúde e no centro de orientación familiar”, ben como urxe “incrementar o número de médicos e persoal sanitario”, nomeadamente na atención primaria.

Canto ao ensino, as contas fican ben curtas a respeito das necesidades. “O curso”, relatou Jorquera, “comezou coas protestas de nais e pais por falta de profesores de apoio ou coa nova de as chuvias teren provocado o asolagamento de tres aulas e outras dependencias do Instituto de Monelos”. Pois ben, neste contexto o investimento é “claramente insuficiente”, e brillan pola súa ausencia as partidas que se deberían destinar á construción de novas escolas infantís. Neste capítulo tamén é notorio o incumprimento por parte da Xunta de convenios asinados co concello como o que se fixo para dotar de patios cubertos centros de educación infantil e primaria.

Denunciou tamén Jorquera, xa en materia de benestar e atención social, que “o maior investimento anunciado pola Xunta é a construción dunha residencia de anciáns en Eirís financiada pola Fundación Amancio Ortega”. Non critica o BNG “o compromiso” desa entidade privada, que é “ben recibido” segundo se le na proposta resolutiva asinada coa Marea e o PSOE, mais si que fique en evidencia “a ausencia de compromiso do goberno galego coa cidade da Coruña, sendo que sen a achega da Fundación o investimento da Xunta sería inexistente, esquecendo que a evolución demográfica de Galiza e o incremento da desigualdade obrigan a incrementar os esforzos na busca do benestar das persoas”.

As cousas non son mellores en vivenda, o cal é aínda máis grave tendo en conta que as políticas nesa materia son competencia autonómica. A pesar diso, as contas do goberno galego só contemplan 3 millóns de euros para a construción de 40 VPP no Ofimático, un “investimento minúsculo para facer fronte ao problema de acceso á vivenda que existe nesta cidade”, considerou Jorquera, para quen “esta falta de compromiso” é “extensíbel a outros moitos eidos”, entre os que citou “a loita contra o cambio climático, o tratamento dos residuos e o compromiso co futuro da fachada marítima”.

Nulos tamén son os orzamentos en materia de política industrial, sen fondos específicos para a Cidade das TIC, e en relación ás infraestruturas de comunicación, sen atención á Vía Ártabra, ao levantamento da peaxe sobre a AG55 e cunha “raquítica” partida de apenas 300 mil euros para a Intermodal, denuncia Jorquera.

En conclusión, avalía o portavoz nacionalista, o proxecto de orzamentos da Xunta para 2020 “non atende as necesidades sociais desta cidade e a súa comarca, nin vai contribuír para a dinamización económica e a xeración de emprego”.

“Por iso”, concluíu, “consideramos necesario un pronunciamento da Corporación para instar a Xunta a atender as demandas da cidade e incorporalas aos orzamentos”.

O pleno aproba unha proposta de emenda dos orzamentos da Xunta asinada por BNG, MAREA e PSOE