Buscar
12:26h. Viernes, 16 de Noviembre de 2018

Pleno municipal

O Pleno aproba por unanimidade instar ao goberno central a que revise o plan director do aeroporto de Alvedro

O goberno local porá en funcionamento un servizo piloto de “paradas seguras nocturnas” no servizo de transporte público do Bus Búho

Pleno municipal
Pleno municipal

Concello da Coruña | 02/07/2018

O Pleno municipal aprobou hoxe, por unanimidade, unha moción presentada de forma conxunta por todas as formacións con representación na Corporación e que insta ao Ministerio de Fomento a que, a través de AENA, modifique o plan director do aeroporto de Alvedro de cara a aumentar o investimento do mesmo e, do mesmo xeito, incrementar a súa competitividade. A Cámara acordou demandar ao xestor aeroportuario unha revisión á alza dos horizontes previsibles da súa estimación de crecemento para Alvedro, tanto en número de pasaxeiros e pasaxeiras como en operacións, de forma que tamén revise o seu plan director e, con el, as previsións de actuación. Segundo explicou durante a sesión plenaria o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, "é preciso incluír no plan director do aeroporto o compromiso de execución das medidas necesarias para incrementar a operatividade da pista da terminal". Por outro lado, o edil indicou que o aeroporto "debería dotarse dunha conexión directa coa AP-9, así como ampliar e mellorar o servizo do bus lanzadeira, axustándose ao sistema xeral de mobilidade da área metropolitana".

"A pesar das melloras para o aeroporto que recolle do plan director, como por exemplo a previsión de ampliar a terminal ou a plataforma de aviación en xeral, este documento non recolle ningunha medida que supoña, realmente, un verdadeiro aumento da operatividade da pista, de cara a adaptala ás necesidades de aeronaves con maior capacidade de carga, o cal limita o crecemento da terminal, así como as rutas e destinos superiores ás tres horas de voo as que pode optar", salientou Lema. "O aeroporto ten unha limitación de carga importante e é necesario mudar esa limitación para poder aspirar a rutas e cidades máis afastadas. É necesario ampliar a capacidade da pista de aterraxe", insistiu, á vez que apuntou á necesidade de que se regule o servizo de bus lanzadeira para unir o aeroporto coa cidade mediante unha liña de transporte público en condicións e horarios adecuados.

O Pleno tamén deu o visto e prace á unha iniciativa do grupo de goberno para declarar A Coruña como territorio libre de caza. Tanto o grupo de goberno como o PSOE votaron a favor, mentres que a representante do BNG se abstivo e o PP se posicionou en contra. A este respecto, a concelleira de Medio Ambiente, María García, indicou que a iniciativa insta á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para suspender a ordenación dos "dereitos cinexéticos" no termo municipal da Coruña, tanto por motivos de interese xeral, como porque o tecor (Terreo Cinexéticamente Ordenado) San Fernando-Vicente, próximo aos núcleos de Mesoiro e Novo Mesoiro, non conta coa superficie mínima esixida pola lei de caza de Galicia. "Na Coruña, dende hai décadas, contamos cun tecor, o que antes se denominaba coto de caza, que afecta pola súa proximidade a distintos núcleos de poboación. Nunha cidade onde escasean as zonas verdes e de recreo, a caza é unha actividade excluínte, xa que moitas persoas non se achegan até o monte por medo a sufrir algún accidente", comentou a titular municipal.

Ao fío da súa intervención, e en relación á intensa treboada que na tarde do sábado anegou distintas rúas da cidade, a concelleira García demandou da oposición "rigor á hora de facer determinadas críticas ao goberno". "Non é de recibo que o PP intente dicir agora que as canalizacións da cidade non están limpas ou non funcionaron ben a pasada fin de semana, cando en 2013, cun volume inferior de auga caída, ocorreu o mesmo. Os bombeos funcionaron correctamente; simplemente, a intensa choiva, ademais da preamar, impediron o desaugue correcto durante unhas horas", recordou.

Tamén saíu adiante, cos votos a favor de todos os grupos con representación, unha moción do BNG, que incluíu unha emenda do grupo municipal da Marea Atlántica, para solicitar ao Ministerio de Sanidade que os tratamentos das mulleres con endometriose sexan incluídos na súa totalidade na carteira de medicación financiada pola Seguridade Social, así como instar á Consellería de Sanidade á creación dun censo de mulleres afectadas por endometriose encamiñado a determinar as necesidades sanitarias en Galicia, así como facilitar ás mulleres con esta doenza un mellor acceso aos tratamentos de fertilidade nos hospitais públicos. A moción tamén solicita ao Sergas establecer unha programación de xornadas de formación sobre a endometriose.

Entre as mocións presentadas polo BNG foi aprobada unha para declarar persoas non gratas no Concello da Coruña aos compoñentes de La Manada. A iniciativa, que tamén foi aprobada por unanimidade, solicita ao Pleno que indique á representación legal dos condenados e da vítima este acordo. A este respecto, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, salientou a necesidade de que o Pacto de Estado contra as Violencias Machistas teña en conta de forma especial o tratamento cara as violencias sexuais.

Por outro lado, tamén foi aprobada por unanimidade outra moción presentada de forma conxunta polo Bloque e o PSOE para a mellora da mobilidade peonil e ciclista na cidade. A este respecto, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, salientou o traballo que está a facer o goberno local no que atinxe, por exemplo, a posta en marcha do carril-bici, estando xa a piques de rematar as obras no tramo de Salgado Torres, en marcha as actuacións do carril-bici metropolitano e próximas a comezar as do tramo A Palloza-Matogrande. Por outro lado, Díaz Grandío tamén quixo poñer en valor o plan de revitalización da Cidade Vella, iniciado xa coa peonalización da mesma o pasado mes de xuño.

Sistema de paradas seguras

 

A respecto dunha moción do grupo socialista para instaurar as denominadas paradas "antiacoso" no transporte público nocturno, o concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, avanzou que este servizo comezará a implantarse cun programa piloto no servizo de Bus Búho a partir da noite do 13 ao 14 de xullo, de cara a poder estendelo posteriormente ao resto de liñas. O edil indicou que o seu departamento "leva xa moitos meses estudando medidas nesa liña, de forma que A Coruña pase a engrosar a lista, aínda pequena, de cidades que teñen este servizo no seu transporte público". A moción socialista, que foi aprobada por unanimidade, reclamaba un servizo que, efectivamente, se porá en marcha a partir do 13 de xullo na liña nocturna, de forma que as mulleres que viaxen soas poidan solicitar a parada onde o consideren, sempre que non supoña un perigo para a circulación e, ademais, poidan baixar pola porta dianteira.

O Pleno tamén aprobou este luns unha moción do PSOE relativa "aos traballos de mantemento e mellora da praia do Matadoiro e a súa contorna", que contou co voto favorable de todas as formacións excepto o grupo de goberno, que se abstivo ao entender "que a moción encerra unha crítica que non se corresponde coa realidade". Así, a concelleira de Medio Ambiente, María García, recordou o traballo que está a facer o goberno local con respecto ao coidado tanto dos areais como das calas da cidade o que, entre outras cousas, derivou este verán na consecución das cinco bandeiras azuis para as praias da Coruña. A responsable municipal tamén destacou que o Matadoiro conta con papeleiras novas e de recollida selectiva. "Os accesos á praia límpanse diariamente e, ademais, realizáronse obras de mantemento e reparacións, como a varanda da finca dos Mariño. Houbo tamén melloras noutras calas como Bens e As Lapas que se verán completadas cun investimento previsto de 185.000 euros procedentes dos fondos europeos DUSI", dixo.

No que atinxe ás mocións presentadas polo grupo municipal do PP foi rexeitada unha para a baixada do IBI en 2019, que contou co único voto a favor dos e das concelleiras do Partido Popular e a oposición do resto de formacións con representación. Os votos favorables do PP e do PSOE sacaron adiante unha moción na que o grupo popular solicita que o Concello compareza como acusación particular no proceso xudicial aberto contra persoas investigadas polo incidentes do pasado día 23 de maio, tras a recuperación posesoria da antiga Comandancia de Obras. Tanto o grupo de goberno como o BNG se posicionaron en contra. A este respecto, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, con competencias en materia de Seguridade Cidadá, lamentou "un novo intento do grupo popular de instrumentalizar o corpo da Policía Local". "Algo curioso, cando nin sequera estivo á altura de manter para con estes e estas traballadoras un acordo como o da reclasificación. Os dereitos das traballadoras municipais non se defenden con mocións, senón con realidades", comentou. O Pleno rexeitou, por último, outra moción do PP sobre a formalización da adxudicación do uso da antiga prisión provincial á entidade sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere.