BNG | nota de prensa

No pleno sobre o enlace ferroviario a Punta Langosteira, Jorquera afirma que “a pinza que sufriu sempre este país é a pinza PP-PSOE”

O BNG critica o “duplo xogo” do PP galego –silente durante os gobernos de Raxoi, agora “moi esixente”, mais vota a favor da súa proposta resolutiva por estar de acordo co seu contido

No pleno sobre o enlace ferroviario a Punta Langosteira, Jorquera afirma que “a pinza que sufriu sempre este país é a pinza PP-PSOE”
Avia e Jorquera
Avia e Jorquera no pleno extraordinario

Jorquera pídelle á alcaldesa que ante o Estado teña “unha posición de firmeza e non de condescendencia”


A Coruña, a 3 de marzo de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, criticou no Pleno extraordinario deste 3M o “duplo xogo” do PP –calado durante os gobernos de Mariano Raxoi á hora de defender reivindicacións da cidade e “moi esixente” agora-, mais votou a favor da proposta resolutiva formulada pola formación conservadora por estar de acordo co seu contido (que se prorrogue a vixencia do estudo de impacto ambiental e que se liciten as obras antes do mes de xuño).

Na súa intervención durante este Pleno convocado a instancias do grupo municipal do PP, lembrou Jorquera que na tramitación dos orzamentos do Estado para 2021 o Bloque defendeu unha emenda para garantir o financiamento do enlace ferroviario a Punta Langosteira. Pois ben, foi botada abaixo polos votos do PSOE e de Podemos, “os dous partidos que cogobernan no Estado”.

Nada novo baixo o sol: emendas moi semellantes en lexislaturas anteriores foron votadas en contra polas deputadas e deputados do PP, incluídas as galegas e os galegos. Iso non empece que nun exercicio de evidente oportunismo político a formación conservadora convocase un Pleno extraordinario para pedir aquilo que, cando eran goberno central, rexeitaron en Madrid.

Recordou Jorquera que nas súas redes sociais o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, falou recentemente dunha suposta pinza PP-BNG. Facíao levado polo malestar que seica lle causou a mobilización, a caravana automobilística, do Bloque para demandar as rebaixas das abusivas peaxes.

“Ultimamente parece que está de moda falar de pinzas. Mais o certo é que a pinza que sufriu sempre este país é a pinza PP-PSOE”, remarcou Jorquera. “A súa pinza e os seus eternos xogos de espellos ou bailes de máscaras para encubrir a realidade. Bailes de máscaras consistentes en dicir unha cousa aquí e a contraria en Madrid. Ou xogos de espellos intercambiando papeis dependendo de quen detenta o Goberno central e quen está na oposición”, acrecentou.

Jorquera criticou por un lado a má xestión da Autoridade Portuaria ao longo destes últimos anos –por non diversificar os tráficos, por apostar no monocultivos dos cruceiros-, mais ao tempo dirixiu reproches á Administración competente, a central, sendo que o enlace ferroviario é unha competencia de titularidade estatal.

“A construción do porto exterior da Coruña foi unha decisión de Estado e o Estado non pode agora ollar para outro lado como se non fose da súa responsabilidade”, remarcou o portavoz nacionalista.

Naturalmente, a cimeira de María Pita apareceu no discurso de Jorquera. En resumo: está ben que se dialogue e que se normalicen as relacións entre as institucións, mais o diálogo ten que se traducir en logros concretos. “E esta cimeira non só non os produciu, senón que foi, no que ten a ver coa actuación dos representantes do Estado, un insulto para a cidade”, dixo Jorquera.

E por iso volveulle pedir o voceiro nacionalista á alcaldesa que “teña unha posición de firmeza e non de condescendencia”. “Motril é o único porto de interese xeral da península que carece de acceso ferroviario. É presentábel que aconteza o mesmo con Punta Langosteira?”, inquiriu Jorquera.

En definitiva, o BNG votou favorabelmente, como o resto de grupos municipais, a proposta resolutiva formulada polo PP –“é unha cuestión de cidade, é unha cuestión de país”-, mais despois de deixar clara a súa crítica ao “duplo xogo” dun partido que durante os gobernos de Mariano Raxoi “nunca esixiu a condonación da débeda nin demandou que se licitase o acceso ferroviario ao Porto Exterior”.

Comentarios
No pleno sobre o enlace ferroviario a Punta Langosteira, Jorquera afirma que “a pinza que sufriu sempre este país é a pinza PP-PSOE”