Marea Atlántica | nota de prensa

PP e PSOE suman votos para traizoar a moción de Defensa do Común contra a especulación no porto

María García: “Inés Rey pode pasar á historia coma a alcaldesa que vendeu os peiraos. É unha transformación urbana decisiva e insiste en afrontala de costas á veciñanza”.

PP e PSOE suman votos para traizoar a moción de Defensa do Común contra a especulación no porto
202100506_SGR_pleno_ordinario__Z7F3117
Pleno de maio

A moción contaba co respaldo de 40 entidades da área metropolitana, reclamaba unha consulta cidadá sobre o futuro do porto e un bando de alcaldía. PP e PSOE mudaron os acordos para eliminar toda referencia á participación cidadá

A Coruña, 5 de maio de 2021.- Como xa fixeran no Pleno de abril, PP e PSOE sumaron os seus votos no Pleno do Concello da Coruña para non comprometerse contra a especulación nos peiraos. Pero se daquela alteraran os acordos dunha moción da Marea Atlántica, hoxe fixérono cunha iniciativa da Comisión en Defensa do Común, apoiada por máis de 40 entidades e trasladada á sesión plenaria polo noso grupo, o BNG e a concelleira non adscrita.

A nosa voceira, María García, denunciou que Inés Rey pretenda ir por libre nunha decisión tan importante coma o futuro do porto, “a transformación urbana máis importante que afrontará A Coruña nas vindeiras décadas, decisiva para o emprego, a mobilidade e a loita contra a crise climática” e advertiuna de que “pode pasar á historia coma a alcaldesa que vendeu os peiraos”. E pediulle que non esqueza que “se chegamos ao punto de revisar os convenios do porto é precisamente polo traballo incansable da cidadanía e as entidades que hoxe trouxeron unha moción”.

De costas á veciñanza

Así, mentres en 2017 Xulio Ferreiro apoiou á manifestación convocada contra a especulación no bordo litoral, cun bando de Alcaldía, unha asemblea no Salón de Plenos e unha colaboración constante, Inés Rey dedícase en 2021 a alterar as demandas de Defensa do Común para apoiar a manifestación convocada para o 30 de maio. Pedíanlle o mesmo que fixo Xulio Ferreiro hai catro anos e negouse: nin bando de Alcaldía, nin asemblea nin consulta popular.

“Este goberno local rexeita dialogar coa veciñanza. Non se apoia nos grupos da oposición, e mesmo nos nega información na Comisión do Bordo Litoral. Non ten apoio do Estado, que insiste en facer caixa coa débeda do porto da Coruña mentres condona a de Valencia. E non ten apoio da Xunta, que so pensa en montar un Vaticano nos peiraos a prezo de saldo .Ten unha responsabilidade enorme, señora Rey. Esquézase das fotos e pense no interese xeral”, resumiu María García.

Un goberno ausente e sen empatía

Este Pleno do mes de maio estivo, unha vez máis, baleiro de contido e iniciativas do goberno municipal. No primeiro trimestre do ano destruíronse 800 empregos na Coruña, segundo os datos da Seguridade Social, onde o paro re reduce máis lentamente que nas outras cidades galegas, e temos 1.200 empresas menos na provincia. E fronte a isto, o único que Inés Rey ten que ofrecer é un trámite urbanístico de suspensión de licenzas nunha parcela do Castrillón, para decidir os seus usos dentro dun ano.

Como sinalou o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “é desolador ver isto, outro mes máis sen Orzamentos 2021, sen ampliación dos convenios co terceiro sector, e sen novo Presco”. E engadiu que “este goberno non esta realmente paralizado, o problema é o que fai e como o fai, por iso bate a marca de facturas irregulares e de contratos a dedo. Traballan con dúas velocidades, a velocidade Percebeiras cando lles interesa, e a velocidade Presco cando a súa falta de empatía lles impide ver un tema como prioritario. Logo está a de Nostián, que non é velocidade, é o que se coñece como punto morto”.

Martínez lembrou que a mesma fórmula de suspensión de licenzas que se aprobou hoxe para O Castrillón e nas Xubias en novembro, pode aplicarse para parar o pelotazo en Percebeiras, pero a Inés Rey non lle interesa.

PSOE e PP: pelotazos si, xustiza social non

Na quenda de mocións, o PSOE votou en contra dunha moción da Marea Atlántica que recollía as demandas da Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero de Labañou. Incluía propostas como derrubar os muros da Cidade Escolar para gañar espazo público, a rehabilitación das pistas deportivas, melloras de mobilidade e ampliación do carril bici. E, desde logo, parar o pelotazo e facer un parque na parcela das Percebeiras en lugar de torres de vivenda.

Esa foi a escusa do grupo de goberno para votar en contra da moción, sen máis debate, mentres o PP se abstivo. “Poñen os intereses da construtora Metrovacesa por diante dos da veciñanza”, como dixo a concelleira Claudia Delso. En todo caso, os barrios volveron ser protagonistas das iniciativas da oposición neste Pleno, no que falamos de Labañou, O Castrillón, Novo Mesoiro, Barrio das Flores, Matogrande e Palavea, fronte a un goberno que non sae dos Cantóns.

PP e PSOE aínda fixeron outra pinza nesta sesión, para rexeitar a nosa proposta de ampliar a cobertura da Renda Social Municipal como resposta á crise e a pandemia. Nas súas intervencións falaron de tender a man á cidadanía e responder ás situacións de emerxencia, pero votaron en contra de facelo sen dar alternativa ningunha.

Como sinalou a concelleira Silvia Cameán, “se de verdade queremos que ninguén quede atrás, temos que traballar desde a empatía A curva da desigualdade está disparada, cada vez hai máis persoas que non chegan a fin de mes e viven nun grao de incerteza intolerable. E esa xente precisa respostas, non palabras baleiras”.

No Pleno tamén se lle deu lectura a unha declaración institucional, acordada por todos os grupos, pedindo a retirada do ERTE na refinería, que destrúe 212 postos de traballo pola cobiza de Repsol. Como xa fixemos desde o comezo, trasladámoslle todo o noso apoio ás mobilización do cadro de persoal en defensa do emprego na industria.

Comentarios
PP e PSOE suman votos para traizoar a moción de Defensa do Común contra a especulación no porto