BNG | nota de prensa

A preguntas do BNG, o goberno local informa de que iniciou “os primeiros contactos” para lograr do Estado a cesión do antigo cárcere provincial

O Goberno Local iniciou os “primeiros contactos” co Goberno do Estado para lograr a cesión do antigo cárcere provincial durante a recente visita á nosa cidade do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez.
A preguntas do BNG, o goberno local informa de que iniciou “os primeiros contactos” para lograr do Estado a cesión do antigo cárcere provincial
Antigo cárcere
Antigo cárcere (imaxe do BNG)

A Coruña, a 19 de xaneiro de 2021.- Así llo indica o Executivo coruñés ao BNG en resposta a unha pregunta por escrito formulada pola concelleira Avia Veira.

A cesión do antigo cárcere ao Concello é un dos compromisos que contraeu o grupo municipal socialista co BNG ao asinar o Acordo de Investidura en xuño de 2019.

A edil nacionalista inquiría tamén o Goberno Local sobre cando pensa pór en marcha a redacción do plano director da cadea. A resposta, moi lacónica, é que “está pendente de asignación orzamentaria”. Veira quería saber os prazos que manexa o executivo presidido por Inés Rey para desenvolver ese proxecto, mais a súa pregunta non atopou resposta concreta.

Na súa pregunta por escrito, Avia Veira remarcaba que o antigo penal “está próximo a facer os cen anos, mais o abandono por parte do Estado desde 1999 pon en risco que un dos poucos exemplares en pé da arquitectura penitenciaria panóptica poida facer o século de vida”.

Sobre este asunto, alén do Acordo de Investidura, o BNG levou a Pleno en outubro de 2019 unha moción, que obtería o apoio da cámara municipal, para instar a Xunta a que procedese á declaración da cadea como BIC.

“Meses despois”, relata Veira, “o Goberno Local reuniu unha sorte de mesa de traballo, cun concelleiro de cada grupo municipal para nos informar de que as técnicas e os técnicos do Concello aconsellaban a redacción dun plano director, entre cuxas conclusións podía figurar a declaración de BIC”.

Esa mesa non se volveu convocar e Avia Veira interpelou o Goberno Local cando pensaba volvela reunir. “Tras o cumprimento do fallo xudicial [refírese á sentenza que obriga o Concello a pagar 1,2 millóns de euros se quere conseguir a restitución da cádea]. En todo caso, a principios de ano”, respóndelle ao BNG o executivo coruñés.

Como se sabe, o BNG considera que se existir vontade política por parte do Goberno do Estado se poden arbitrar mecanismos que permitan que o Concello se faga coa cadea, construída sobre terreos municipais cedidos no seu día ao naquela altura chamado Ministerio da Guerra, sen ter que pór un euro da Facenda local.

Avia Veira denunciaba tamén na súa pregunta os “episodios vandálicos” sofridos pola cadea e “as invasións de persoas coa finalidade de permaneceren dentro, co consecuente risco de accidente que iso ten”.

A respecto diso, o Goberno Local manifesta ser coñecedor deses episodios, mais despraza a responsabilidade da vixilancia do inmóbel á SIEP, a Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios.

   

Comentarios
A preguntas do BNG, o goberno local informa de que iniciou “os primeiros contactos” para lograr do Estado a cesión do antigo cárcere provincial