Actualidade Coruña

Primeiro contacto entre Inés Rey e Núñez Feijoo

Ambos conviñeron en rebaixar a tarifa dos residuos que se levarán desde Nostián á planta de Sogama. Daranlle máxima celeridade á Estación Intermodal co fin de executar a infraestrutura nos vindeiros meses.
Primeiro contacto entre Inés Rey e Núñez Feijoo
Inés Rey e Núñez Feijoo
Inés Rey e Núñez Feijoo

A Coruña, 30/07/2019.- A alcaldesa e o presidente da Xunta déronlle luz verde ao proxecto de reubicar un centro de saúde no mercado de Santa Lucía, que terá un uso mixto. Rey pediulle a Feijóo que A Coruña forme parte activa do Xacobeo 2021 e ambos estudarán a posibilidade de construír un albergue de peregrinos.

A alcaldesa Inés Rey agradeceu o espírito dialogante do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo da reunión de hoxe, na que trataron os asuntos que competen ao Goberno autonómico na cidade: "A comunicación debe ser fluída e constante e isto é un exemplo do regreso á normalidade institucional". "Hoxe comezamos a recuperación do diálogo coa Xunta polo ben da cidade, que está por riba de todos nós", afirmou Rey. A rexedora amosou a súa dispoñibilidade para cooperar na construción dun novo hospital público na antiga Fábrica de Armas ou ben anexo ao existente (en espello), un proxecto que estará resolto a finais de ano e que supoñerá un 50% máis de superficie de asistencia á area sanitaria coruñesa.

Ademais, Rey acordou poñer en marcha un centro de saúde no mercado de Santa Lucía para trasladar así aos usuarios do ambulatorio de Federico Tapia ao novo edificio de carácter mixto.

Con respecto a Nostián, ambos acordaron unha rebaixa da tarifa dos residuos que se deriven á planta de Sogama por estar xa tratados previamente, de forma que non se produza máis acumulación de restos con todo o que isto perxudica á contorna e aos coruñeses.

En canto á Estación Intermodal, coincidiron ambos en sacar adiante o último acordo asinado e executar a infraestrutura nos vindeiros meses para que vertebre o transporte público dunha urbe na que destacaron o bo funcionamento das liñas metropolitanas.

No ámbito de vivenda, Rey comunicoulle o interese do Goberno local por formar parte do Programa de Vivendas Baleiras co fin de facilitarlle un fogar a aqueles coruñeses en risco de exclusión social así como valorou positivamente o Programa Rexurbe para a recuperación de edificios, que na cidade comezará a ser efectivo na zona de Pescadería.

Noutra orde de asuntos, Rey pediulle que a cidade sexa parte activa do Xacobeo 2021 e as dúas administracións estudarán a construción dun albergue de peregrinos.

Para a Cidade das Tic, onde estará presente tamén a Universidade, Rey contou co compromiso de Feijóo a cooperar na creación da mesma co fin de darlle acubillo ás demandas do sector da Industria: "O proxecto é compatible cunha infraestrutura sanitaria se se dera o caso", apuntou a rexedora.

A alcaldesa aplaudiu a intención da Xunta de abrir unha nova residencia para maiores que dará cobertura a 150 persoas, unha obra que prevén licitar antes do ano e que se completará cos dous novos centros de día de Monte Alto e Eirís por parte do Goberno autonómico.

Xa no eido educativo, Rey valorou positivamente a posta en marcha do novo colexio de Novo Mesoiro no curso 2020-2021 e os traballos que se están a acometer na actualidade no IES Eusebio da Guarda e no colexio de Formación Profesional de Someso. Todos estes proxectos xunto coas tres recentes escolas infantís de Monte Alto, Eirís e Sardiñeira, virán a completar a oferta pública.

No encontro tamén se falou da redefinición do porto interior para o que os dous acordaron voltar a reunirse unicamente para abordar o futuro do litoral. Por último, Rey aprobou a iniciativa do Goberno autonómico de desenvolver en Elviña un Ecobarrio polo aforro enerxético que isto implicará.

Primeiro contacto entre Inés Rey e Núñez Feijoo