PSOE, Marea e BNG sacan adiante un orzamento de 260 millóns

O Pleno deu onte o si definitivo ao orzamento xeral e ao cadro do persoal para o 2020 cos votos a favor de todos os grupos da Corporación agás os do PP.
 
PSOE, Marea e BNG sacan adiante un orzamento de 260 millóns
Iago Martínez. Marea Atlántica. Pleno orzamentos 2020. 23 de febreiro de 2020. Política municipal.
Iago Martínez, portavoz de Marea Atlántica, durante o pleno.

"Os orzamentos do 2020 aséntanse sobre tres piares: a reactivación económica da cidade, a mellora das políticas de Benestar e a aposta polo desenvolvemento sostible, con especial incidencia na mobilidade urbana" explicou o voceiro de Facenda, José Manuel Lage, recordando que son os tres eixos definidos pola alcaldesa para o mandato 2020-2023.

O documento recolle unha previsión de ingresos e gastos que ascenden a 260 millóns de euros, e atende as reclamacións presentadas polos sindicatos, CIG, UXT e Comisións Obreiras nas que pedían que se incrementasen as prazas do grupo C1 do cadro de persoal a 134 e se convocasen 82 prazas de promoción interna do grupo C2 ao C1. 

"Nas contas plásmase o compromiso coa sustentabilidade e a loita contra o cambio climático, medidas para ir avanzando cara outro modelo de mobilidade. Hai tamén  un crecemento importante do gasto social, un reforzo dos servizos municipais, unha aposta decidida polas políticas de vivenda e pola rexeneración urbana. Que teñamos uns novos orzamentos de por si é unha boa noticia", resaltou o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.

Pola súa banda, Iago Martínez, portavoz da Marea Atlántica, aproveitou a sesión para lanzar varios mensaxes. "As cidades sempre se gobernan en coalición. O que temos que decidir é en coalición político-inmobiliaria, como se fixo nos anos do vazquismo, ou en coalición público-comunitaria, da man da veciñanza", dixo. E tamén sinalou: "Hai outra razón para que o voto da Marea sexa favorable nestes orzamentos: enviar unha mensaxe de entendemento para as eleccións autonómicas".  

Pola súa banda, José Manuel Lage lamentou a actitude do Partido Popular durante o proceso de elaboración dos orzamentos e acusounos de presentar emendas, disfrazadas de alegacións, que suman 15 millóns de euros. "Puideron facer un debate rigoroso, pero refusaron presentar propostas, a pesar de que ninguén lles pechou a porta". Lembroulles que renunciaran "a ser un grupo construtivo". Lage agradeceulle á portavoz de Ciudadanos o seu espírito construtivo e aberto ao diálogo á hora de sacar adiante os orzamentos, a pesar, dixo, das diferenzas ideolóxicas. Tamén tivo palabras de recoñecemento ao traballo e postura do grupo municipal do BNG e remarcou a lealdade do seu portavoz Francisco Jorquera, "como se fósemos parte do mesmo goberno".

Agradeceu a colaboración de Marea Atlántica recoñecendo o difícil labor de pasar á oposición despois de estar no Goberno e confía en seguir na mesma senda de traballo para que A Coruña teña orzamentos nos seguintes anos. 

PSOE, Marea e BNG sacan adiante un orzamento de 260 millóns