Eleccións xerails e europeas | Marea Atlántica

A Rede da Marea Atlántica fai un novo chamamento a manter a unidade do espazo político do cambio nas eleccións xerais e europeas

A asemblea acordou este martes manter unha posición autónoma e dar liberdade á mareancia e representantes institucionais no caso de que as forzas políticas da confluencia concorran divididas en dúas o máis candidaturas

A Rede da Marea Atlántica fai un novo chamamento a manter a unidade do espazo político do cambio nas eleccións xerais e europeas
Rede_12M_Votación
Rede_12M_Votación

A Coruña, 13 de marzo de 2019.- A Marea Atlántica debateu este martes, 12 de marzo, na súa Rede, a posición política da organización de cara ás eleccións xerais de abril e as europeas de maio. Alí, decidiuse facer novo chamamento á unidade do noso espazo político e á necesidade de actuar con responsabilidade na loita contra o avance das dereitas a nivel estatal e europeo. E, por consenso, acordouse manter unha posición autónoma e dar liberdade á mareancia e representantes institucionais da Marea Atlántica se finalmente a confluencia nacida en 2014 se fragmenta en dúas ou máis candidaturas nestes procesos electorais.

O punto de partida para o debate era a proposta que se redactou desde o Grupo de Relacións Políticas, a petición da Coordinadora, na pasada semana. Foi aprobada, asumindo o seguinte acordo detallado en cinco puntos:

  1. A Marea Atlántica apela á responsabilidade de todos e de todas e insta a conformar unha candidatura de unidade tanto de cara ás eleccións xerais de abril como de cara aos comicios europeos de maio. Vivimos momentos de excepción nos que cómpre deixar a un lado os intereses de parte, por lexítimos que estes sexan, asumindo a provisionalidade das fórmulas e sen renunciar ao propósito fundamental: desunidos somos menos útiles á cidadanía, en común somos quen de poñer ás persoas no centro.
  2. De non conformarse unha candidatura de unidade, a Marea Atlántica manterá unha posición autónoma ao respecto das diferentes opcións que compitan nas urnas, para garantir o respecto á diversidade interna e á pluralidade que representa na Coruña e para conservar os seus órganos como lugares de encontro e coidado mutuo. As persoas que forman parte da nosa organización poderán apoiar libremente calquera das opcións, pero tanto a marca como os seus recursos quedarán á marxe da confrontación electoral.
  3. A Marea Atlántica reitera, hoxe e de cara ao futuro, o seu compromiso coa construción dunha alternativa de unidade en Galicia, procurando fórmulas de cooperación e innovación que permitan, o máis axiña posible, desaloxar á dereita das institucións do país e recuperalas para a xente, como fixemos nos concellos.
  4. A Marea Atlántica seguirá a comprometerse co municipalismo baixo as condicións de autonomía e a cooperación en rede, como movemento político e social que fai da proximidade o seu valor máis prezado, e que se está a demostrar eficaz para o cambio real nas condicións de vida da xente. Chamamos, por tanto, ao conxunto das organizacións políticas a revalidar a súa aposta polas mareas municipalistas.
  5. A Marea Atlántica estará presente tanto nas eleccións xerais como nas europeas na defensa dunha axenda municipalista de cambio e dos intereses da Coruña. A nosa vontade é a de seguir achegando moitas das loitas que, en chave de xustiza social, defensa dos bens comúns e ampliación de dereitos, estamos a dar a nivel local, coa esperanza de que teñan tamén unha tradución noutras escalas.

Sinalouse, ademais, que, “o espazo plural que construímos paso a paso, con distintas fórmulas, apelando á xenerosidade e á participación de todos e de todas en cada treito do camiño, un espazo que é debedor tamén de iniciativas anteriores á gran primavera municipalista de 2015, está en risco”. E a fragmentación deste espazo “suporía un paso atrás na sempre difícil forxa da unidade popular e colocaría os únicos gobernos que fomos quen de arrebatarlle á dereita, entre eles o da Coruña, nunha situación indesexada”.

Polo tanto, como xa fixera Xulio Ferreiro o pasado 18 de febreiro, a Rede da Marea Atlántica insistiu no chamamento á unidade de todas as partes e na necesidade de actuar con responsabilidade na loita contra o avance das dereitas a nivel estatal e europeo.

A Rede da Marea Atlántica fai un novo chamamento a manter a unidade do espazo político do cambio nas eleccións xerais e europeas