Xunta de goberno local

A Xunta de goberno local acorda a adquisición do club social e aparcadoiro da Fábrica de Armas por un millón de euros

O executivo municipal dá este paso despois de ter comunicado ao Ministerio de Defensa en 2016 a súa intención de executar a opción de compra que ten sobre este espazo, que dará servizo aos e ás veciñas de Palavea

A Xunta de goberno local acorda a adquisición do club social e aparcadoiro da Fábrica de Armas por un millón de euros
Espazo deportivo da Fábrica de Armas
Espazo deportivo da Fábrica de Armas

A Coruña, 9 de maio de 2019.- A Xunta de goberno local extraordinadia celebrada este venres acordou executar o seu dereito de compra sobre o clube social e os aparcamentos da Fábrica de Armas, propiedade neste momento do Ministerio de Defensa, así como iniciar os trámites para adquirir as citadas instalacións por un prezo dun millón de euros. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou que “o executivo municipal executa este trámite, que servirá para que o Concello poida actuar sobre estes equipamentos, cousa que até o de agora non podía facer a pesar de estar en vigor unha concesión demanial gratuíta que foi acordada en 2014 por un prazo de cinco anos”. “Deste xeito, teremos capacidade para mellorar unhas instalacións que poderán ser usadas por toda a cidadanía en xeral e, especialmente, pola veciñanza da contorna de Palavea, coa que, historicamente este Concello ten unha grande débeda en canto a equipamentos públicos”, dixo.

Segundo recordou o rexedor, o goberno local “leva xa tempo facendo os deberes para posibilitar o exercicio do dereito de compra destes equipamentos”. De feito, xa en 2016, o Concello puxo en coñecemento do Ministerio de Defensa a súa intención de facerse coa titularidade dos terreos, unha posibilidade recollida, precisamente, no acordo subscrito en 2014. Posteriormente, en 2017, o Pleno municipal aprobou unha modificación puntual do PXOM, pola que estes terreos na Fábrica de Armas pasaron a ter condición de espazo libre deportivo de titularidade pública, cualificación urbanística que permitiría a renovación ou ampliación das instalacións deportivas existentes. “O executivo municipal fixo o seu traballo. Esperamos a mesma dilixencia por parte da Dirección Xeral de Infraestruras de Defensa”, apuntou o primeiro edil.

O terreo en cuestión comprende a instalación que alberga os vestiarios, así como a edificación de dúas plantas que alberga tanto unha sala de lectura na súa parte alta como tres piscinas na baixa.

A Xunta de goberno local acorda a adquisición do club social e aparcadoiro da Fábrica de Armas por un millón de euros