Memoria histórica

#As9deCornide recorrerán ante a Audiencia Provincial a súa sentenza

Bieito Lobeira: “A sentenza é un disparate, un escándalo democrático. Ademais, nela detúrpase o nome da cidade e Carmen Polo aparece citada como Duquesa de Franco, unha denominación que só utilizaría a Fundación Franco”
#As9deCornide recorrerán ante a Audiencia Provincial a súa sentenza
Declaracións aos medios 9 de Cornide
Declaracións aos medios 9 de Cornide

A Coruña, a 10 de febreiro de 2021. Após seren condenados a unha multa de 180 euros por protagonizaren un acto simbólico na fachada da Casa Cornide –despregaron unha faixa coa lenda Que nos Devolvan o Roubado. Franquismo Nunca Máis-, unha representación do colectivo #As9deCornide compareceu esta mañá perante o palacete para valoraren a sentenza ditada contra elas polo titular do xulgado número 4 da Coruña, Víctor Pardo.

“A sentenza só pode ser cualificada como un disparate, un escándalo democrático”, avaliou Bieito Lobeira, en calidade de voceiro do colectivo. “Ímola recorrer perante a Audiencia Provincial. Pensamos que non se ten de pé e que hai base xurídica máis que suficiente para a tombar”, engadiu Carolina Fernández tamén como portavoz do grupo.

Explicou Lobeira que a sentenza “esaxera” os feitos dunha forma “torticeira”. “Acúsasenos de utilizar a forza, a violencia, a intimidación. Mais non sabemos como, nin contra quen. Iso non se di na sentenza”, engade. “As e os xornalistas fostes testemuñas de que o acto foi absolutamente pacífico. Limitámonos a subir ao balcón da fachada para despregarmos unha faixa. O problema está en que o que puña nela non é nin do agrado da familia Franco nin do xuíz”, indicou Lobeira.

“Estamos moi orgullosas do que fixemos. Foi útil para provocarmos un impacto social e para que o espolio perpetrado polo ditador, e que agora os seus descendentes aspiran a perpetuar, sexa coñecido polo maior número posíbel de persoas”, dixo Carolina Fernández.

O colectivo vai recorrer a sentenza perante a Audiencia Provincial, convencidas de que “hai base xurídica máis que suficiente para a tombar”, enfatizou Fernández.

Alén das accións xudiciais para a defensa dos seus dereitos, as #9deCornide voltaron a demandar á Xunta da Galiza que acelere “dunha vez” a declaración do palacete como BIC e dirixíronse expresamente ao Goberno Local da Coruña para que o Concello presente a querela con vistas a recuperar o inmóbel para o patrimonio público.

“Teñen un informe xurídico desde hai meses, un acordo plenario desde hai ben tempo (unha moción da autoría do BNG). Non entendemos por que o Goberno Local está a demorar tanto a formulación desa demanda. Que o fagan xa”, concluíu Lobeira.

#As9deCornide recorrerán ante a Audiencia Provincial a súa sentenza