Asciación Veciñal de Eirís Uxío Carré | nota de prensa

Asociación Veciñal Uxío Carré: "A ineptitude do Concello bloquea o campo de fútbol de Eirís"

Dende hai 3 meses, o campo de fútbol de Eirís está inutilizado. En abril instalaron un valado de obra, e enchérono de ramallos dunhas árbores taladas polo concello. Tamén cortaron o camiño principal de acceso ó Lugar de A Lamadosa e desprazaron os contentores do lixo, afastándoos moito das vivendas. E sen rastro da obra, nin comunicación algunha.

Asociación Veciñal Uxío Carré: "A ineptitude do Concello bloquea o campo de fútbol de Eirís"
Localizacion conflicto A Lamadosa
Localizacion conflicto A Lamadosa

O pasado 30 de maio sorprendíanos ver na prensa ó Concello responsabilizando a unha veciña “por non ceder o seu terreo para dar servizo”. Que hai de certo nisto? Que hai detrás das acusacións?

A rocambolesca historia deste campo de fútbol axudará a ver ós verdadeiros responsables:

O Campo de Fútbol de Eirís inaugurouse no 2006, sendo alcalde Javier Losada. Construído no Parque de Eirís, froito dunhas conflitivas e controvertidas expropiacións. Pero inaugúrase en precario, xa que lle faltaban 6 metros para ter as medidas regulamentarias para poder xogar nel partidos de fútbol afeccionado. Sen vestiarios e en terra.

2015. O entón alcalde Carlos Negreira, anuncian a renovación do campo de 800.000€.

2016. Gobernando xa Xulio Ferreiro, anuncian trasladar a este campo de Eirís para 2018 as instalacións deportivas da Grela-2 para venderlle o terreo a Estrella Galicia e amplíe a fábrica.

-2018. Anuncian que haberá un campo de fútbol regulamentario, con vestiarios e dous campos de fútbol 7, O novo proxecto contempla desprazar a cancha para evitar os restos arqueolóxicos.

Febreiro de 2021: Valorase xa en 1 millón de € e anúnciase para marzo o comezo das obras, xa adxudicadas, con 8 meses de duración. “O Concello da Coruña só está pendente de que a Xunta de Galicia dea o visto bo ó proxecto arqueolóxico que se viron obrigados a facer tras atoparse restos de interese patrimonial”. Así que en ningún caso estará operativo para a liga 2021-2022 se en febreiro anuncian que en un mes comezan as obras e que durarán 8 meses.

O 30 de maio o Concello sorpréndennos con novas como: “A negativa a pechar un camiño atrasa dende febreiro as obras do campo de fútbol de Eirís. Unha veciña rexeita que se ocupe o vial por ser da súa propiedade. O atraso impedirá usar o terreo ó inicio da próxima liga”.

O lugar da Lamadosa, a continuación do campo de fútbol, só ten un camiño de acceso, que é o mesmo que de saída, e dun só carril de ancho. Parte dese acceso vai ser usado para ampliar o campo, xa que do lado contrario atopouse un pozo de orixe romano. O acceso futuro será por un novo vial que se fará en terreo municipal, paralelo ó acceso actual dende a avenida da Lamadosa, en terreo municipal. Polo que toda a veciñanza négase ó peche sen alternativa.

Pero o Concello da Coruña non pedira ata agora os permisos regulamentarios a Patrimonio da Xunta para facer o novo camiño, aínda que saben dende 2015 que teñen que facelo por terse atopado no parque e na contorna numerosos restos romanos.

E no canto de asumir o erro (erro cometido repetidamente dende 2015 ata 2021) e tratar de negociar coas propietarias de 2 fincas que poden servir de alternativa temporal, preséntanse nas terras dunha delas dicindo que llas van ocupar (si, a iso chámanlle negociar), e facéndoas responsables días despois na prensa da falta de planificación municipal. Néganse a falar con elas, néganse chegar a un acordo rápido e satisfactorio para ambas partes, e escollen a vía máis longa, con un expediente de ocupación temporal para 8 meses, que saben xa de antemán que non van cumprir.

Que para cortar un paso hai que asegurarse de ter antes outro é evidente, pero o Concello da Coruña non o soubo ata que a empresa concesionaria da obra comunicou que debían atrancar o camiño para meter a maquinaria. Isto supón que tampouco pediran os permisos e que por tanto a obra non se rematará en novembro como estaba previsto.

A falta de diálogo coa veciñanza, e coas entidades veciñais parece xa marca da casa. E os barrios necesitan solucións, non máis conflitos.

Comentarios
Asociación Veciñal Uxío Carré: "A ineptitude do Concello bloquea o campo de fútbol de Eirís"