Eleccións municipais | BNG

Avia Veira: “Os orzamentos deben incorporar un impacto de xénero se se quere pular en serio pola igualdade”

Avia Veira incide na “autoorganización das mulleres” a través de redes de voluntarias no traballo contra a violencia de xénero e con ferramentas como o Consello Municipal das Mulleres.

Avia Veira: “Os orzamentos deben incorporar un impacto de xénero se se quere pular en serio pola igualdade”
Encontro Igualdade (1)
Encontro Igualdade

A Coruña, 12 de maio.- “Non imos esperar ao último pleno do mandato para acordar unha ordenanza de igualdade, que é o que vén de facer este goberno. Nós empezaremos por esixir que cada orzamento municipal incorpore un informe de impacto de xénero, para avaliar o gasto público e decidir as prioridades do gasto”, dixo Avia Veira no comezo do Encontro sobre Igualdade que as nacionalistas celebraron este domingo no Local comarcal do BNG, na Cidade Vella, e que reuniu a tres ducias de militantes e simpatizantes. “O compromiso do BNG coas loitas feministas é indiscutíbel”, afirmou Patricia Cordo, a número 4 da lista do Bloque, que acompañou á concelleira e número 2 da candidatura no acto.

Veira e Cordo avanzaron o programa do BNG en materia de Igualdade. Subliñaron a estratexia de apostar “por políticas transversais” que concretaron en impulsar un estudo sobre o uso do tempo e dos espazos na cidade, e en levar ás escolas infantís un proxecto educativo que introduza a perspectiva de xénero desde idades temperás, ademais da iniciativa respecto dos orzamentos, a inclusión dun informe de impacto de xénero que queren ampliar a todas as ordenanzas municipais que afecten ás persoas. 

Veira foi moi crítica co balance do goberno municipal en materia de igualdade. En presenza de representantes do servizo de axuda a domicilio, apuntou á precariedade na que desenvolven o seu labor as traballadoras e comprometeuse “a seguir sendo firmes na defensa dos dereitos das traballadoras, empezando polos servizos públicos municipais e aqueles que están máis feminizados”.

As nacionalistas apostan ademais por crear unha rede social de apoio ás vítimas de violencia de xénero; así como a autoorganización das mulleres e a súa participación social a través da creación do Consello Municipal das Mulleres. Entre outras medidas en diferentes áreas, comprometen o reforzo do servizo de canguraxe municipal, incentivar a práctica deportiva das mozas e a as actividades onde as mozas sexan suxeitas activas de creación cultural.

“As políticas de igualdade deben comezar pola educación, por iso entre as primeiras medidas proporemos programas de reforzo para a educación en igualdade”, subliñou Veira, quen confía que a través de iniciativas como o informe de xénero a incluír nos orzamentos e o reforzo educativo “poidan empezar a producirse mudanzas de fondo nesta materia na Coruña.” 

Avia Veira: “Os orzamentos deben incorporar un impacto de xénero se se quere pular en serio pola igualdade”