BNG | nota de prensa

O BNG comprométese coa asociación de veciños de Palavea a levar a pleno unha moción para o goberno local negociar a cesión dos 52 pisos da Sareb ao parque municipal de vivendas

A formación nacionalista formulará tamén unha iniciativa no Congreso tendo en conta que a Sareb é unha sociedade participada polo Estado

O BNG comprométese coa asociación de veciños de Palavea a levar a pleno unha moción para o goberno local negociar a cesión dos 52 pisos da Sareb ao parque municipal de vivendas
Reunión coa AA VV Os nosos lares de Palavea
Reunión coa AA VV Os nosos lares de Palavea

A Coruña, a 20 de abril de 2021. O grupo municipal do BNG comprometeuse hoxe coa Asociación de Veciños “Os nosos lares” de Palavea, coa que mantivo unha reunión en María Pita, a levar a pleno unha moción para o Goberno Local negociar coa Sareb a cesión dos 52 pisos que esta entidade decidiu sacar a poxa pública.

Os pisos, unha vez transferidos ao patrimonio municipal, terían de engrosar o parque municipal de vivendas.

En realidade, esta iniciativa pretende dar cumprimento a unha moción, tamén da autoría do BNG, xa aprobada polo Pleno do Concello en xullo de 2020 e por unanimidade.

“Nesa moción xa instabamos o Goberno Local a que establecese negociacións coa Sareb. Que nos conste non o fixo. A moción está por tanto viva e ten de ser cumprida. É por iso que nos comprometemos coa Asociación de Veciños a volver colocar esta cuestión no Pleno. Non é posíbel asistir agora de brazos cruzados á posta no mercado libre destas vivendas que claramente teñen que ter un uso social. Non é lóxico que se especule con elas”, afirma o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.

O BNG vai elevar tamén o asunto ao Congreso, anunciou o voceiro do Bloque, dado que a Sareb é unha sociedade participada tamén polo capital público estatal (o FROB ten o 45% da entidade).

“Sempre defendemos que o parque de moradas da Sareb tiña que ir destinado a promocións públicas co fin de efectivamente garantir o dereito das e dos cidadáns a accederen a vivendas dignas a prezos razoábeis e a non seren vítimas da especulación inmobiliaria”, defende Jorquera.

Comentarios
O BNG comprométese coa asociación de veciños de Palavea a levar a pleno unha moción para o goberno local negociar a cesión dos 52 pisos da Sareb ao parque municipal de vivendas