BNG | nota de prensa

O BNG pídelle ao goberno local que dialogue coa asociación cultural Gomes Gaioso

A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou un rogo oral para que o Goberno Local estableza un diálogo coa Asociación Cultural Gomes Gaioso con vistas a atopar unha “solución axustada á normativa local” co propósito de que esta entidade poda retomar o seu labor na súa sede da Rúa Marconi.

O BNG pídelle ao goberno local que dialogue coa asociación cultural Gomes Gaioso

A Coruña, a 29 de xullo de 2021.- Foi en maio deste ano cando desde a Concellaría de Urbanismo se promoveu a suspensión de actividades do Centro Social Gomes Gaioso por carecer dunha declaración responsábel do labor –cursos, obradoiros e charlas- que se desenvolve no seu baixo da rúa Marconi.

A suspensión é produto dunha actuación da Policía Local, que actuou ao recibir as queixas dun veciño.

Na exposición de motivos desta iniciativa, Avia Veira explica que durante o proceso administrativo tramitado polo Departamento de Disciplina Urbanística a Asociación Cultural que xestiona o Centro Social formulou alegacións para evitar o fechamento do seu local.

“O problema é que Goberno Municipal non só rexeitou as alegacións e ordenou o peche do local, senón que non mantivo ningún tipo de diálogo coa asociación”, critica Avia Veira.

Ese diálogo podería ter servido para “poder asesorar a entidade”, de modo que esta, “cumprindo por suposto a normativa municipal, non se vise abocada ao fechamento da súa sede.

Veira recalca que Gomes Gaioso desenvolve desde hai 14 anos “un labor cultural e divulgativo moi dinamizador” no barrio de Monte Alto e, por tanto, pídelle ao Goberno Local que dialogue coa asociación cultural para esta retomar a súa actividade.

Comentarios
O BNG pídelle ao goberno local que dialogue coa asociación cultural Gomes Gaioso