Eleccións municipais | BNG

O BNG propón incrementar o persoal de base nos servizos sociais municipais

Francisco Jorquera e Avia Veira escoitan as demandas das veciñas e veciños de Labañou, preocupados polos efectos da crise no barrio, e comprométense a unha fonda revisión dos programas e da atención ao benestar social desde o Concello.

O BNG propón incrementar o persoal de base nos servizos sociais municipais
Labañou (5)
Jorquera e Veira en Labañou

A Coruña, 22 de abril.- En Labañou, a veciñanza denuncia as insuficiencias da rede de transporte público municipal e a desatención de determinados servizos sociais, imprescindíbeis nun barrio duramente golpeado polos efectos da crise: o desemprego, a emigración de mozas e mozos, o avellentamento da poboación, o peche de comercios, a xentrificación e certa sensación de inseguridade na rúa. Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, e Avia Veira, a portavoz nacionalista no concello, visitan o barrio acompañados por unha ducia de militantes e  detéñense a escoitar a veciñas e veciños. Escoitan queixas semellantes ás que veñen escoitando noutros barrios: o transporte, a falta de mantemento das árbores, o desleixo en instalacións municipais infrautilizadas... Mais en Labañou preocupa moito a atención social.

“Comprometémonos a traballar desde o Concello para que se reforcen os servizos sociais en barrios como este; comprometémonos na mellora os mecanismos de detección de problemas e para que se establezan protocolos de axuda e dalos a coñecer entre a poboación”, di Francisco Jorquera despois de escoitar a unhas veciñas relatar un caso recente no barrio, un suicidio a consecuencia dun desafiuzamento. 

O BNG levará ao seu programa electoral para as municipais propostas para unha fonda revisión das políticas de atención e emerxencia social, pero tamén das políticas de vivenda. Entre as medidas no apartado de benestar social, Jorquera salientou “o incremento do persoal de base, como auxiliares administrativos, traballadoras e educadoras sociais, e a estabilizacións desas prazas para a acabar coas acumulacións de tarefas”.

Respecto das políticas de vivenda e os desafiuzamentos, Veira e Jorquera lembraron que é intención do BNG facer operativa a Oficina Municipal de Vivenda “para que de verdade ofreza información e asistencia ás familias afectadas”, en palabras da concelleira nacionalista.

Queixas polo servizo de autobús, o campo de fútbol e o saneamento

En Labañou tamén hai queixas sobre o servizo de transporte urbano. Sobre todo, polas frecuencias: escasas. Especialmente nas liñas 3, 3A, 12 e 12A, que  atenden o barrio. Pero tamén polos recorridos. O da liña 14, a principal liña de saída, pero que non ofrece conexións cos polígonos industriais (unha demanda reiterada pola veciñanza dos barrios da contorna norte da roda de Outeiro). Tampouco hai fácil conexión co resto da cidade a través do Paseo Marítimo desde Labañoi nin desde o Portiño ou San Pedro de Visma.

As veciñas e veciños tamén sinalan o desleixo municipal nestes anos para mellorar a utilización das instalacións deportivas do barrio ou aproveitar os espazos públicos da escola de idiomas, do conservatorio, a UNED e a universidade abríndoos a outras actividades sociais. E lamentan o estado, deficiente, de conservación do campo de fútbol no corazón do barrio. E, finalmente, anotan máis queixas sobre o descoido nas árbores e mesmo na rede de saneamento nas casas do Carme.

O BNG propón incrementar o persoal de base nos servizos sociais municipais