Ampliación do CHUAC

O Concello da Coruña muda de posición e acorda coa Xunta orientar a ampliación do CHUAC cara as vivendas

O Concello da Coruña muda de posición e acorda coa Xunta orientar a ampliación do CHUAC cara as vivendas e non cara o Parque de Eirís, salvando o aparcadoiro privado e condenando as vivendas das veciñas e veciños de Eirís.

O Concello da Coruña muda de posición e acorda coa Xunta orientar a ampliación do CHUAC cara as vivendas
Núñez Feijóo e Inés Rey
Núñez Feijóo e Inés Rey

A Coruña, 26/01/2021.- Durante 11 meses a Alcaldesa e o Concelleiro de Urbanismo da Coruña defenderon públicamente que a ampliación se faga cara o norte, abrindo o CHUAC cara o Parque de Eirís, na avenida da Lamadosa humanizándoo, facéndoo máis accesible e facilitando a convivencia deste co barrio. Defendendo que a ampliación non tiña por que ir cara arriba, sobre as casas, senón que podía abrirse cara a avenida da Lamadosa, de xeito que tería luz directa, ventilado e coas vistas despexadas dende ambos lados dos edificios, e non como proxectaba a Xunta, converténdoo nun búnker de formigón onde o 75% das habitacións terán vistas a un calexón inhumano e a máis habitacións.

A apertura cara o parque melloraba tamén o acceso, xa que facilitaba tanto o acceso peonil, nunha zona plana, como o transporte público, facilitando a comunicación con boa parte da cidade e reducindo os tempos. Ó mesmo tempo, salvaba do derrube ás vivendas de 27 familias, que con este cambio pódense ver incrementadas a 43. E deixaba aberta a opción de futuras novas instalacións nese mesmo espazo nun futuro, xa que a parcela que ocupa o parking privado é moito maior que a que ocupan tódalas vivendas.

O pasado martes 19 de xaneiro, na xuntanza mantida novamente coa Alcaldesa e co Concelleiro de Urbanismo, reiteráronnos, coma na entrevista anterior, que non mudaran a súa posición. Pero onte pola tarde convocaron un Pleno extraordinario para aprobar o Convenio coa Xunta na que, como puidemos saber pola prensa, recollese expresamente que a orientación das novas edificacións será dirección suroeste, cara o Castaño de Eirís, acumulando nuns poucos metros no alto dunha rocha todas as instalacións hospitalarias para os 28 concellos da Área Sanitaria da Coruña, con cerca de 550.000 habitantes, xa que con esta ampliación desaparecerán o Centro de Especialidades do Ventorrillo, o Materno e o Centro Oncolóxico.

Descoñecemos se mudaron agora de posición ou se en realidade o fixeron xa durante estes meses. Tentamos comunicarnos con eles pero foi infrutuoso.

Por outra banda, na única documentación da que dispoñemos (publicada o 30/12/2020 na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia correspondente á licitación que está en curso para a contratación da redacción do proxecto da ampliación do CHUAC) non está definido con claridade o ámbito de actuación, xa que, si ben é certo que no “estudo previo de mobilidade” figuran relacionadas unha serie de parcelas próximas ó hospital e as afectadas por viais, nin neste nin en ningún dos outros documentos figura como posible zona de actuación a parcela do aparcadoiro privado da avenida de Lamadosa, e entendemos que isto pode condicionar as propostas dos licitadores.

Tampouco temos novas da Xunta, segue sen haber prevista ningunha xuntanza, a pesares do compromiso adquirido con nós hai xa un ano de manternos informadas en todo momento, polo que seguimos dependendo do que sae na prensa e nas redes sociáis, a pesar de ser afectados pola ampliación do CHUAC.

Como neste pleno non se vai permitir a participación como público, as veciñas e veciños afectados participaremos dende a Praza de María Pita.

Mónica Díaz, Presidenta da AVV e Voceira da Plataforma

O Concello da Coruña muda de posición e acorda coa Xunta orientar a ampliación do CHUAC cara as vivendas