BNG | nota de prensa

Jorquera critica que Feixoo “en vez de exercer como presidente da Xunta, prefire facelo como promotor inmobiliario”

“Feixoo retorna a súa foto de 2004 con Francisco Vázquez e Álvarez Cascos cando asinaron un convenio que hoxe o conxunto de forzas con presenza no Concello considera obsoleto e superado"
Jorquera critica que Feixoo “en vez de exercer como presidente da Xunta, prefire facelo como promotor inmobiliario”
Francisco Jorquera
Francisco Jorquera

A Coruña, a 29 de marzo de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, saíu hoxe ao paso das declaracións realizadas a fin de semana por Feixoo en que o presidente da Xunta se mostraba favorábel á construción de vivendas a gran escala no peirao de San Diego.

“Lamentamos que Feixoo, na vez de exercer como presidente da Xunta, prefira exercer como promotor inmobiliario ao defender que San Diego se converta nun novo barrio residencial da Coruña”, di Jorquera.

Para o voceiro nacionalista, o que fai Feixoo con estas declaracións é retornar a unha foto de 2004, a instantánea que recollía o momento en que el, naquela altura como conselleiro de Política Territorial, asinaba o convenio sobre o porto da Coruña cos daquela alcalde e ministro de Fomento, Francisco Vázquez e Francisco Álvarez Cascos.

“Todos os grupos do Concello consideran, consideramos, que eses convenios ficaron obsoletos e non responden ás necesidades actuais da cidade e do porto. Pois ben, Feixoo no fondo quere volver a eles, quere facer de San Diego unha oportunidade para un gran pelotazo urbanístico no canto de a ver como unha grande oportunidade para a cidade, para abrir realmente A Coruña ao mar, dotala de amplas zonas verdes, de máis equipamentos públicos, e de novas infraestruturas que resolvan os problemas de mobilidade que temos”, indica Jorquera.

Mais non é só que Feixoo alente a especulación urbanística, é que, alén de máis, “fai deixación de responsabilidades” ao non demandar do Goberno central que se outorgue á Coruña o mesmo trato que a Valéncia, isto é, que se condone a débeda que pesa sobre o noso porto.

“Se Feixoo abre a billa para que se constrúa a grande escala en San Diego, para que se faga un novo barrio en San Diego, en realidade está a efectos prácticos a renunciar á reivindicación de que se condone a débeda. Está a retornar ao modelo de 2004, isto é, á lóxica de financiar o porto exterior especulando cos terreos do interior”, argúe o voceiro nacionalista.

“Niso”, remarca Jorquera, “Feixoo vai ter o BNG absolutamente en fronte. A Coruña necesita outro modelo, non retornar ao modelo fracasado de 2004”, conclúe.

Jorquera critica que Feixoo “en vez de exercer como presidente da Xunta, prefire facelo como promotor inmobiliario”