Eleccións municipais | BNG

Jorquera quere un Concello que lidere a recuperación do emprego

O candidato nacionalista á Alcaldía participou na manifestación convocada pola CIG con motivo do Primeiro de Maio e volveu reclamar un plan de desenvolvemento económico para a comarca.

Jorquera quere un Concello que lidere a recuperación do emprego
Jorquera e mebros do BNG da comarca no Primeiro de Maio na Coruña
Jorquera e membros do BNG da comarca no Primeiro de Maio na Coruña

A Coruña, 1 de maio.- “Diante da ameaza certa de que a comarca e a cidade se convertan nun deserto industrial, como vimos advertindo e veñen tamén advertindo os sindicatos en xornadas coma a de hoxe, o Concello da Coruña non pode mirar para outro lado: ten que elaborar un plan de desenvolvemento económico, consensualo con outras administracións, coa Universidade, cos axentes sociais... ten que exercer un papel de liderado”, indicou Francisco Jorquera esta mañá durante a manifestación convocada pola CIG con motivo do Primeiro de Maio. “Ese plan ten que apostar pola industria como sector estratéxico e ter entre outros pilares a diversificación e a achega de coñecemento e valor engadido ao tecido produtivo”, engadiu o candidato.

Tamén se referiu Jorquera a cuestión do emprego, e dixo: “As políticas que nos son impostas impiden que moita xente teña un traballo digno en Galiza e a única alternativa sexa emigrar. Pero se queremos unha cidade modelo, a cidade ten que estrar comprometida coa xeración de emprego e a cohesión social”.

O programa nacionalista nestes ámbitos pretende unha administración áxil e eficaz e unha política de investimentos e contratacións públicas que dinamicen a economía; e inclúe, entre outras cuestións, o impulso á Cidade das TIC e ao desenvolvemento das distintas áreas de investigación biomédica vinculadas ao CHUAC e á UDC, así como a creación dun Consello Económico e Social que sexa un marco de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais.

Jorquera quere un Concello que lidere a recuperación do emprego