CORONAVIRUS

A Marea Atlántica esíxelle á Inés Rey que pida desculpas aos Grupos de Apoio Mutuo da Coruña

O edil de Facenda acusou a este colectivo cidadán que está a facer un labor impagable fronte á crise do coronavirus de ser un “chiringuito para aproveitarse das necesidades da xente”

A Marea Atlántica esíxelle á Inés Rey que pida desculpas aos Grupos de Apoio Mutuo da Coruña
GAM
GAM

A Coruña, 5 de xuño de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica considera gravísimos e moi desafortunados os ataques do portavoz do goberno municipal aos Grupos de Apoio Mutuo (GAM) da Coruña. O tamén edil de Facenda, José Manuel Lage Tuñas, arremeteu no Pleno ordinario de onte contra este colectivo cidadán, no que centos de veciños e veciñas da cidade se organizaron nos últimos meses para prestar axuda ás persoas que o precisaban nos primeiros compases da crise social e económica desatada polo coronavirus. O concelleiro referiuse a estes grupos de apoio mutuo como “chiringuitos que tratan de aproveitarse das necesidades da xente”.

As manifestacións de Lage Tuñas, a xuízo da Marea Atlántica, amosan o desprezo do goberno local polo labor solidario e desinteresado da cidadanía e son un burdo intento de desacreditar unha iniciativa plural, xenerosa e moi necesaria. Todos os medios de comunicación da cidade informaban hai escasas semanas de que estes Grupos de Apoio Mutuo (GAM) atenderon nos dous primeiros meses do estado de alarma máis de 5.000 persoas, con servizos como o reparto de comida e mascarillas de tea. Motivo máis que suficiente para que a señora Rey agradeza este labor, no canto de atacala de maneira inexplicable.

Que a concelleira de Benestar Social accedese onte ao Pazo de María Pita por unha porta lateral para evitar que unha ducia de representantes dos Grupos de Apoio Mutuo lle fixesen chegar cartas de persoas que non están a recibir a atención social que precisan, a pesar do indubidable esforzo do persoal municipal, que aproveitamos para destacar e agradecer, xa foi cualificado polo grupo municipal da Marea Atlántica como “indecente”. Pero as declaracións do portavoz do goberno esixen unha rectificación inmediata e unhas desculpas públicas por parte da señora Rey.

Unha cidade con veciños e veciñas que se autoorganizan para axudar a quen teñen ao seu carón nun momento de emerxencia é unha cidade mellor. Darlle as costas a esa cidadanía empoderada e solidaria ou, o que é peor, tratar de estigmatizala e metela nunha lista negra presupoñéndolle afinidade coas forzas políticas da oposición é un comportamento sectario e falto de empatía.

Comentarios
A Marea Atlántica esíxelle á Inés Rey que pida desculpas aos Grupos de Apoio Mutuo da Coruña