Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica organiza a ‘Operación Paella’ para reclamar a condonación da débeda do porto da Coruña

Coincidindo coa apertura do peirao de Transatlánticos á veciñanza, celebramos un acto festivo e humorístico para reclamar que se levante a hipoteca que pesa sobre os terreos do porto interior en forma de débeda inxusta
A Marea Atlántica organiza a ‘Operación Paella’ para reclamar a condonación da débeda do porto da Coruña
21_03_27_OperacionPaella3
21_03_27_OperacionPaella3

A Coruña, 28 de marzo de 2021.- A Marea Atlántica organizou hoxe un acto festivo e reivindicativo na Mariña, para reclamar a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña. Coincidindo coa apertura do peirao de Transatlánticos á veciñanza, cumprindo unha reclamación da Marea Atlántica que dixeron que era imposible, levamos unha paella simulada e música tradicional valenciana, para pedirlle a Puertos del Estado o mesmo trato que recibiu Valencia, onde Pedro Sánchez perdoou a débeda por completo.

“Hoxe quedou claro que abrir os peiraos á veciñanza era só cuestión de vontade política. E o mesmo ocorre coa condonación da débeda, pode facerse, Valencia o demostra, pero non queren”, afirmou a nosa voceira, María García

Durante o acto realizamos un reparto de folletos informativos que explican, de xeito sinxelo, a escandalosa diferenza de trato no caso da Coruña. Mentres en Valencia condonáronse 400 millóns de euros, que proviñan de pagar a Copa América e a Fórmula 1, na Coruña mantense unha hipoteca de 200 millóns nacida da construción do Porto Exterior de Punta Langosteira, unha obra de interese xeral  que afasta os petroleiros e mercadorías perigosas da cidade despois de padecer tres mareas negras.

Operación Paella

A débeda como escusa 

O préstamo que Puertos del Estado ten coa Autoridade Portuaria ten, ademais, condicións próximas á usura, con intereses dez veces superiores aos do Banco Europeo de Investimentos (o outro acredor do porto). Puertos del Estado suma boa parte dos seus ingresos financeiros de esprimir a caixa dos peiraos coruñeses

“Condonar a débeda é o único realista que se pode facer nestes momentos. Mentres haxa débeda, haberá unha escusa para vender os peiraos interiores, sobre todo o de San Diego pola súa maior superficie”, explica María García. Pero en San Diego é precisamente onde se sitúa boa parte da actividade pesqueira e a economía do mar. Fontes de emprego e riqueza sostible que deberían fomentarse e expandirse, en lugar de quitarlles sitio para facer vivenda, como estaba previsto en 2004. 

Finalmente, quixemos lembrar os consensos acadados nos últimos anos e ratificados xa en varios acordos do Concello da Coruña, a Deputación e o Parlamento de Galicia (de novo esta semana). Os mesmos que 5.000 persoas reclamaron na rúa en 2017, e os que insistiremos en renovar este mércores na Comisión do Bordo Litoral:

  • Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia. 
  • Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
  • Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Pode optar a fondos europeos Next Generation. 
  • Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
  • Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
  • Participación cidadá: tomemos as decisións en diálogo coa rúa, non tras a porta pechada dun despacho.

O acto reivindicativo de hoxe desenvolveuse ao aire libre en todo momento e respectando os límites marcados pola normativa sanitaria. Porque como demostrou a organización do 8M, a reivindicación é compatible coa protección da saúde. 

A Marea Atlántica organiza a ‘Operación Paella’ para reclamar a condonación da débeda do porto da Coruña