Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica presenta a súa Oficina dos Dereitos

A Oficina dos Dereitos ofrece asesoramento gratuíto a quen o precisa para defender os seus dereitos sociais e acceder a axudas das administracións públicas

A Marea Atlántica presenta a súa Oficina dos Dereitos
María García e Rodrigo Gil na rolda de prensa
María García e Rodrigo Gil na rolda de prensa

Desde o verán estivo funcionado en fase de probas e resolveu 120 solicitudes. A partir de novembro ampliará horarios ante a crecente demanda

O acceso á vivenda, a falta de recursos económicos, a saturación dos servizos sociais ou a dificultade das xestións via telemática son os principais problemas que estamos a detectar

A Coruña, 16 de outubro de 2020.- 

A Marea Atlántica presenta a súa Oficina dos Dereitos, unha iniciativa para ofrecerlle de balde asesoramento xurídico e administrativo ás persoas en situación de vulnerabilidade social. Finánciase co excedente salarial dos nosos cargos públicos, ao igual que outras iniciativas como a Xanela de Proxectos, e tras uns meses en fase de probas, comezará a funcionar a pleno rendemento en novembro. Xa atendeu 120 solicitudes, complementando o traballo que están a facer as institucións e as entidades do terceiro sector nesta materia.

Para solicitar a axuda da Oficina dos Dereitos, pode pedirse cita previa no correo [email protected] ou no teléfono 604 086 724.

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o responsable da Oficina dos Dereitos, o educador social Rodrigo Gil, presentaron hoxe esta iniciativa que nace do compromiso da nosa organización coa xustiza social e a defensa dos dereitos, “algo que se demostra con feitos, non con retórica”, tal e como explicou García.

A nosa portavoz lembrou que “o PSOE subiu o soldo dos cargos políticos a inicios do mandato, pero na Marea Atlántica seguimos a cobrar dentro dos límites do noso Código Ético. O resto vai para financiar iniciativas sociais coma esta Oficina dos Dereitos, unha man tendida para que ninguén quede atrás na Coruña”. O obxectivo da oficina é asesorar, gratis, a persoas en situación vulnerable sobre os seus dereitos sociais e as prestacións ás que poden acceder desde as administracións públicas. Orientámolas, acompañámolas no proceso e proporcionamos o apoio necesario para que se empoderen. Atende a quen o precise, aínda que centra a súa actividade na cidade da Coruña e o seu Concello.

Pola súa banda, Rodrigo Gil sinalou que “estamos a detectar unha verdadeira necesidade de axuda. Existe un gran descoñecemento entre a poboación sobre as medidas sociais das institucións, sobre como solicitalas, ou o seu alcance… Moita xente que ten dereito a cobralas queda sen elas, e para que non pase iso nace esta Oficina”.

Esta iniciativa pretende canalizar as demandas cara os recursos públicos dispoñibles na Administración e nas entidades do terceiro sector que prestan un traballo fundamental dende hai moitos anos. O obxectivo é que as axudas dispoñibles cheguen a quen as precisa.

Oficina dos Dereitos

O acceso á vivenda e a falta de recursos, principais problemas

As principais necesidades detectadas son a falta de recursos económicos e de acceso á vivenda, a saturación dos servizos sociais que se traduce en tempos de agarda demasiado longos. A fenda dixital é tamén un problema para moitas persoas, que se atopan sen recursos para desenvolverse na administración electrónica.

O educador social detalla que “a desigualdade era un problema xa desde a crise de 2008, e coa pandemia estase incrementando, pero hai amplos sectores sociais a quen non chegan as axudas. A Oficina dos Dereitos trata de actuar de inmediato nesta fenda, colaborando e asistindo a quen o requira nas axudas e servizos dispoñibles na nosa cidade”.

A partir de agora comezarase a traballar tamén para dar formación ás persoas que o soliciten e tecer redes entre quen teña necesidades e problemas comúns, para que poidan ter máis ferramentas coas que facer valer os seus dereitos.

“Damos estes paso porque son momentos críticos, porque temos enriba unha crise que só empeza a desenvolverse e os servizos sociais están desbordados, aínda que o goberno municipal o negue. Hai moita xente desamparada e sen a formación necesaria para facer valer os seus dereitos. E porque darlle voz a quen o precisa é unha das razóns de ser da Marea Atlántica”, concluíu María García.

Comentarios
A Marea Atlántica presenta a súa Oficina dos Dereitos