Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama que se paguen canto antes as 600 axudas pendentes do Presco de 2020

Na segunda semana de marzo aínda descoñecemos cantos fondos haberá dispoñibles para implantar novas medidas e mellorar o plan de choque contra a pandemia

A Marea Atlántica reclama que se paguen canto antes as 600 axudas pendentes do Presco de 2020
Manifestación hostalería imaxe da Marea Atlántica
Manifestación hostalería imaxe da Marea Atlántica

María García: “O Presco, aprobado por unanimidade no Concello, foi unha boa idea, pero mal executada. Precisamos datos e análises para que o seguinte sexa máis eficaz”

A Coruña, 9 de marzo de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica reclámalle ao goberno de Inés Rey que pague canto antes as 600 axudas atrasadas do plan de choque contra a pandemia, o chamado Presco, que levan pendentes desde xullo de 2020. O concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, recoñeceu os problemas na tramitación e a semana pasada a alcaldesa fíxose a terceira foto en catro meses co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, prometendo outra vez os fondos suficientes para solucionar os atrasos. Ata agora, todo quedou niso, nunha foto e varios anuncios.

“O Presco, confeccionado e aprobado por unanimidade de todos os grupos do Concello da Coruña, foi unha boa idea, pero mal executada. Quedaron centos de axudas sen pagar e moitos fondos na caixa que o goberno non foi quen de destinar a outros fins. Temos que aprender destes erros para deseñar un plan de choque mellor para 2021”, explica a voceira da Marea Atlántica, María García. E engade que, “a 9 de marzo, descoñecemos cantos fondos haberá para o novo plan de choque. Pedímoslle a Inés Rey que poña xa unha cifra sobre a mesa”.

Ausencia de datos e análises

A nosa portavoz reclamou tamén os datos pendentes sobre o grao de execución do Presco 2020, así como as análises cualitativas e cuantitativas das distintas medidas postas en marcha o ano pasado. Algunhas deron bo resultado, como o Bono Cultura, sendo só unha pequena parte do orzamento. Outras, coma o Bono Hostalería, non funcionaron e deixaron máis de 400.000 euros sen investir, que non se destinaron a outras áreas. “Hai erros que corrixir, desde logo, pero o primeiro é identificalos con honestidade”, afirma María García.

O novo plan de choque para afrontar as consecuencias da pandemia en 2021 leva en boca de Inés Rey desde o mes de decembro. Pero, nestes momentos, o único real que se viu foi un documento de tres follas e ningunha cifra, presentado hai quince días na Comisión de Facenda, sen máis avances desde aquela. Unha vez máis, a Marea Atlántica ten a man tendida para facer propostas e sumar na aprobación dun novo Presco. Pero é necesario que o goberno do PSOE se poña a traballar nalgo que non sexan anuncios e titulares.

Sen orzamentos e sen convenios

A necesidade dun plan especial contra a pandemia, innegable, non pode facernos esquecer que a cidade segue sen Orzamentos para este ano, por decisión unilateral da alcaldesa. A súa teima en gobernar cunhas contas deseñadas a finais de 2019 vai dificultar a posta en marcha de novas políticas públicas adaptadas á realidade e mesmo dos trámites máis rutineiros, como a renovación dos convenios. A data de hoxe, e a pesar do bloqueo das emendas da oposición, aínda non están aprobados definitivamente e van tardar en asinarse.

A Marea Atlántica reclama que se paguen canto antes as 600 axudas pendentes do Presco de 2020