Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica urxe ao goberno local a sacar adiante un novo plan de choque con maiores axudas, e máis áxiles, para os sectores afectados

O número de locais que non volverán levantar a persiana medra cada día, mentres Inés Rey ten aínda unhas 600 axudas sen pagar do Presco aprobado en xuño de 2020

A Marea Atlántica urxe ao goberno local a sacar adiante un novo plan de choque con maiores axudas, e máis áxiles, para os sectores afectados
axudas
axudas

A hostalería, que acusa as principais restricións sanitarias, precisa axudas directas e inmediatas, e un sistema de bonos adaptado á realidade

A Coruña, 15 de febreiro de 2021.

O grupo municipal da Marea Atlántica urxe ao goberno de Inés Rey a poñer en marcha un novo plan de choque contra a crise sanitaria, social e económica que estamos a vivir, e a abrir novas liñas de axudas para os sectores máis afectados. A nosa voceira, María García, lembra que “desde decembro escoitamos anuncios fantásticos sobre un segundo Presco, pero a realidade é que aínda non vimos nin un borrador e quedan unhas 600 axudas sen pagar”.

García insta ao PSOE a reaccionar ante a constante pingueira de peches de pequenos negocios na Coruña, pois “cada día son máis os locais que non volverán a levantar a persiana”. E fai un chamamento a aprender dos erros da primeira convocatoria de axudas: “Precisamos incrementar as contías, desde logo, pero tamén reducir os procedementos burocráticos e os tempos de tramitación. Nove meses de demora nunhas axudas de ‘urxencia’ son intolerables”.

Reforzo de bonos e axudas á hostalería

A portavoz da Marea Atlántica referiuse especialmente aos problemas da hostalería, que volve estar pechada por motivos sanitarios e que asume as restricións máis duras, pero non por iso ten as compensacións equivalente. “É moi triste que Fegamp, Xunta e Deputación non fosen quen de poñerse de acordo nunha única liña de axudas ao sector, pero A Coruña terá que reaccionar para que non se perdan centos de postos de traballo”.

Neste sentido, María García insta a crear medidas específicas e adaptadas á realidade, tal e como veñen reclamando as plataformas profesionais do sector. Por exemplo, é necesario manter e mellorar o Bono Hostalería, que resultou un fracaso na primeira convocatoria por non ter en conta os peches e as restricións horarias. Debe facerse máis flexible e sinxelo no seu uso para converterse nunha axuda real.

Non esquezamos o eixe social

Insistimos, ademais, na necesidade de reforzar e repensar o eixo social do Presco, que quedou en gran parte sen executar en 2020. Non pode ser que mentres afrontamos unha crise social, sanitaria e económica sen precedentes, o goberno de Inés Rey deixe cartos sen gastar mentres a Renda Social e as axudas de emerxencia non chegan a tempo.

Comentarios
A Marea Atlántica urxe ao goberno local a sacar adiante un novo plan de choque con maiores axudas, e máis áxiles, para os sectores afectados