BNG | nota de prensa

Pontón pide unha gran mobilización contra a especulación no Porto na manifestación baixo o lema "A Coruña non se vende"

Reclama a Feixóo que deixe os piropos a Ábalos e defenda os intereses da cidade: condonar a débeda e conexión ferroviaria con Punta Langosteira

Pontón pide unha gran mobilización contra a especulación no Porto na manifestación baixo o lema "A Coruña non se vende"
PORTO DA CORUÑA (7)
Ana Pontón no porto da Coruña

O BNG, lonxe dos bandazos de PP e PSOE, aposta por darlle usos públicos a uns terreos que son propiedade dos coruñeses e das coruñesas

Santiago de Compostela, 27 de Maio 2021.- A portavoz nacional, Ana Pontón, desprazouse A Coruña para trasladar o total apoio do BNG á mobilización convocada para este domingo baixo o lema A Coruña non se vende, en contra da especulación cos terreos interiores do porto e en defensa de que sexan devoltos á cidade unha vez que perdan o uso portuario.

“Os terreos do Porto son desta cidade, da súa veciñanza, e son unha oportunidade de futuro para A Coruña que non se pode perder, a última gran transformación. Non imos deixar que nin a discriminación do Goberno do Estado, antes e agora, nin os intereses especulativos duns poucos lle rouben a cidade esta gran oportunidade de futuro”, explicou a líder do Bloque, tras indicar que ela mesma estará na mobilización “porque se trata dunha cuestión que afecta a esta cidade e tamén é ao conxunto do País”.

Pontón animou a veciñanza a participar de xeito masivo, lembrando que foi precisamente a mobilización social a que freou a aplicación do convenio de 2004, asinado con Feixóo como conselleiro de Política Territorial. Mobilización que volve ser necesaria ante un presidente da Xunta, “máis empeñado en facer de comercial de determinados intereses especulativos que en defender os intereses da Coruña”.

Neste sentido, a portavoz nacionalista instou ao xefe do Executivo a dar a cara por Galiza en lugar de compracer ao titular de Fomento. “Despois do encontro entre Ábalos e Feixóo houbo moito intercambio de piropos e titulares de prensa, pero a conexión ferroviaria a Punta Langosteira segue sen licitar, tras dez anos de retraso. Sen esa conexión están condenado ao porto exterior, facendo imposible que sexa competitivo, tras un investimento multimillonario”, argumentou.

A inmediata licitación da conexión por tren é unha das cuestións clave nas que debería traballar o presidente da Xunta, indicou. A outra é a condonación da débeda do Porto coruñés.

“Por que Valencia si e A Coruña non? Porque o Goberno central condona unha débeda de 310 M€ en Valencia e aquí pretende que paguen os coruñeses e as coruñesas unha obra aprobada no consello de ministros”, interpela Pontón, denunciando que sería unha nova discriminación. “Alegan escusas de mal pagador pero o único que se precisa é vontade política para non discriminar A Coruña e Galiza”.

Fronte aos bandazos de PP e PSOE, en función de quen se sente na Moncloa, a posición do BNG mantense firme e coherente cos intereses da cidade: condonación do 100% da débeda, licitación inmediata da conexión por tren, devolución dos terreos ao patrimonio da cidade e que o uso futuro se defina en función do interese publico.

“Temos propostas para esa fachada marítima como potenciar a condición do porto como motor económico, cun desenvolvemento sustentable vinculado ao mar, que favoreza unha economía azul e verde, que aposte pola innovación e pola investigación”, indicou. Igualmente, facilitar o reencontro da cidade co mar a través de espazos verdes e de equipamentos públicos e apoiamos uso residencial con carácter público e libre de especulación”, sintetizou. En todo caso, recalca, correspóndelle á cidade definir os usos.

Pontón tamén deixou claro que o BNG rexeita a proposta de Feixóo de comprar unha parte dos terreos.

“Non ten sentido destinar cartos públicos por uns terreos que xa son públicos e non deixa de ser un intento de esconder unha operación especulativa. Feixóo ten que deixar de ser o representante de intereses especulativos e poñerse a traballar para conseguir a condonación da débeda, a conexión por tren e que os terreos pasen A Coruña”, concluíu.

Invasión de competencias fiscais

A preguntas dos medios en relación o proxecto de lei que afecta ao herdanzas aprobado polo Consello de Ministros, a líder nacionalistas considera que supón unha invasión de competencias que non se pode admitir.

“Temos unha posición moi clara no BNG e é que Galiza ten dereito a decidir neste ámbito e estamos ante unha invasión das nosas competencias que, ademais, non beneficia á maioría dos e das galegas e, como xa anunciamos no Congreso, estamos en contra desta decisión que invade competencias e nos prexudica”, recalcou.

Pontón pide unha gran mobilización contra a especulación no Porto na manifestación baixo o lema "A Coruña non se vende"