Cultura

Que quere facer Inés Rey co Gomes Gaioso?

O Centro Social Gomes Gaioso leva tres meses fechado e o goberno municipal segue sen lle dar unha solución a un problema que creou o propio goberno municipal.

Que quere facer Inés Rey co Gomes Gaioso?
CS GG 02
Centro Social Gomes Gaioso

“En catorce anos que levamos aí, nese mesmo local da rúa Marconi, nin un só problema co Concello. Nin con gobernos do PSOE nin do PSOE co Bloque nin con gobernos do PP nin tampouco coa Marea… E, de súpeto, un día aparece unha patrulla da Policía Local. Fai unha inspección sen orde de inspección ningunha nin aparato para medir o ruído... e ao cabo dunhas semanas topámonos cunha orde de feche”, resume Xavi, un dos portavoces do Centro Social Gomes Gaioso, na Coruña.

A visita da Policía foi o 19 de marzo. No local estaba a celebrarse unha asemblea con seis persoas –o límite de aforo permitido. Os policías pediron acceder o interior para comprobar a denuncia dun veciño por ruído excesivo. “Deixámolos entrar e foi cando dixeron que ían facer unha revisión do local”. Os socios do Centro Social negáronse. Se querían medir o ruído que mediran, pero sen orde de inspección non tiñan por que revisar nada. “Entón chamaron por outra patrulla que quedou na porta e pedíronnos todos os papeis”.

O Gomes Gaioso seguiu coa súa actividade ordinaria, que non é moita xa desde antes da pandemia. O Local apenas se usa uns días a semana, para obradoiros e charlas habitualmente. Ocasionalmente hai algún concerto. “Sempre dentro do horario establecido polas normas que rexen para este tipo de espazos”, subliña o portavoz.

Mais o informe que deu aquela parella de policías locais, e que acabou sobre a mesa dalgunha responsábel municipal de urbanismo, apreciaba que o Gomes Gaioso era “un bar”. E refería a presencia dun futbolín, xente bebendo (os seis socios –“tomabamos cervexas e refrescos”, lembra Xavi, que era un dos que asistían a asemblea) e un altofalante como evidencias do uso do local.

Segundo o portavoz, ese informe foi a base para que o departamento de urbanismo do Concello da Coruña emitise unha orde de feche do local advertindo de posíbeis sancións e indicando que o local carece da licenza necesaria para desenvolver a súa actividade.

Iso sucedeu a principios de maio. O Centro Social fechou.

Buscaron avogado. Presentaron un escrito diante de urbanismo. Sinalaron, entre outras cuestións, que o Gomes Gaioso está inscrito como asociación no REMAC, o rexistro municipal de asociacións. O Concello da Coruña non respondeu. A asemblea de socios decidiu non levar o conflito á area pública confiando en resolvelo pronto. Pero o Concello ignorou os seguintes escritos e todas as peticións de reunión.

O Gomes Gaioso conta con unhas cen socias e socios. Ten un perfil político moi definido. “O Centro Social Gomes Gaioso é umha associaçom cultural com umha trajetória de 14 anos a defender o galego, a cultura popular, o desporto de base, o conhecimento da contorna, e a servir de plataforma para diversas iniciativas do tecido associativo local”, sinalaban nunha publicación en Facebook o 7 de maio pasado na que anunciaban o cese de actividade.

Hoxe corren malos tempos.

“Cando un goberno municipal, que alardea de esquerdas, ataca a unha entidade como Gomes Gaioso privándoa do seu local, contribúe a crear unha situación de desconfianza e descrédito deica ese goberno municipal. Claro que a sostida situación de pandemia non axuda precisamente a crear un ambiente favorábel ao traballo destas entidades, mais resulta esaxerado que nunha cidade con experiencias asociativas como A Coruña poida chegarse a tales extremos de confusión”, reflexionaba hai uns días Ricardo Vales, un veterano do movemento veciñal coruñés, nun artigo que inesperadamente publicaron os dous xornais de maior difusión na cidade.

“Non sabemos que pasa, porque estamos tramitando unha licenza para seguir facendo o que facíamos e intentamos falar con Urbanismo para mostrar boa disposición. Pero non responden. O único que queremos é recuperar a actividade básica que tivemos durante estes 14 anos. Non somos un bar. Sempre cumprimos a lei. E si, celebramos concertos algunha vez, pero foron concertos acústicos. Mais se non podemos manter esa actividade, pois non faremos concerto ningún. Temos toda a vontade de solucionar o problema, pero o Concello parece que non”, di Xavi.

Quizais como mostra desa boa vontade, o Gomes Gaioso permaneceu calado estes dous últimos meses. O Concello da Coruña leva mes e medio sen resolver o expediente. Rexeitou todas as alegacións dos afectados. A actitude municipal está a tomar un cariz preocupante. A Policía Local actuou sen atender determinados protocolos. Urbanismo abriu un expediente sen reparar niso. "E, por riba, incumprindo neste expediente a ordenanza sobre a lingua, en vigor desde xuño, emitindo unicamente comunicacións en castelán".

O Centro Social Gomes Gaioso era –e pretende seguir sendo– un foro crítico dos que abundan na cidade. Espazos onde se cuestionan políticas públicas nunha loita de décadas entre o poder que fai negocios co territorio e o contrapoder popular que se resiste a ceder ese territorio ao ámbito dos negocios. No Gomes Gaioso falouse–e estaba previsto seguir falando antes da pandemia, e despois…– da ameaza da implantación de universidades privadas, da xestión da cidade, das alternativas de resistencia do galego… un nivel de crítica que soportaron os sucesivos gobernos municipais e que fai da Coruña un deses lugares refuxio para valores como a tolerancia, a creatividade, a participación e a liberdade aos que se refire Ricardo Vales no seu artigo en defensa do Gomes Gaioso.

Por iso a pregunta que se fan os movementos de base da cidade é: Que quere facer Inés Rey co Gomes Gaioso? E nesa pregunta está implícita a que fai Vales: Que quere facer Inés Rey coa tolerancia, coa liberdade…?

Son respostas que teñen certa urxencia nestes tempos que corren.

Comentarios
Que quere facer Inés Rey co Gomes Gaioso?