Valoración das eleccións xerais

Xulio Ferreiro: “Cun esforzo de mobilización e responsabilidade, gañámoslle o futuro á dereita máis salvaxe”

O alcalde e candidato á reelección mantivo hoxe un almorzo informativo cos medios de comunicación, onde sinalou que “a mellor maneira de combater á dereita e á extrema dereita é un proxecto de maiorías, unido e solvente, no que se poida confiar. E iso na Coruña é a Marea Atlántica”

O venres 3 de maio, ás 19.30h, no Paraninfo da UDC, celebrarase un acto aberto para presentar o programa de goberno para os próximos catro anos

Xulio Ferreiro: “Cun esforzo de mobilización e responsabilidade, gañámoslle o futuro á dereita máis salvaxe”
Valoración de Xulio Ferreiro dos resultados das eleccións xerais
Valoración de Xulio Ferreiro dos resultados das eleccións xerais

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e candidato á reelección, mantivo hoxe un almorzo informativo cos medios de comunicación para valorar os resultados electorais da xornada do 28 de abril: “Somos moitas as veciñas e moitos os veciños da Coruña que sentimos alivio e orgullo . Alivio porque, nun momento excepcional, conseguimos o principal obxectivo: gañarlle o futuro á dereita máis salvaxe dos últimos corenta anos. E orgullo porque para conseguilo tivemos que facer un esforzo de mobilización e de responsabilidade sen precedente, ás veces incluso ao prezo de votar a quen non votariamos na nosa cidade. Sei que hoxe, na Coruña, hai moitas persoas aliviadas e orgullosas que senten que pagou a pena. Compréndoas: eu tamén son unhas desas persoas”.

“Galicia e o Estado pronunciáronse para manter a senda do progreso, para poñer as institucións ao servizo das maiorías sociais. Foi unha derrota sen paliativos da dereita, non funcionou o discurso salvapatrias”, analizou Ferreiro. E engadiu que “queda demostrado que “a mellor maneira de combater á dereita e á extrema dereita é un proxecto de maiorías, unido e solvente, no que se poida confiar. E iso é a Marea Atlántica na Coruña, un proxecto de confluencia que segue unido igual que o estaba en 2015”.

Para o alcalde, “chega por fin o momento de centrarse nas municipais do próximo 26 de maio, nas que volvemos decidir se queremos volver atrás ou seguir adiante cun proxecto de cambio”. Desde o goberno municipal, a Marea Atlántica conseguiu, a pesar dos obstáculos, “avanzar cara a unha cidade de dereitos, verde, que loita contra a desigualdade e contra o cambio climático, que aposta pola innovación e a participación democrática… Todo iso é o que nos xogamos nas municipais”.

O vindeiro venres, ás 19.30, no Paraninfo da Universidade da Coruña, Xulio Ferreiro presentará o programa de goberno co que se presenta para os próximos catro anos, que definiu como “un proxecto de cidade, serio e ambicioso, que manterá á Coruña na vangarda de Galicia”. Trátase dun acto aberto á toda a veciñanza, no que se falará do rumbo a seguir no vindeiro mandato.

Conseguidos os recursos para a campaña electoral

Ferreiro informou tamén de que, grazas á xenerosidade da veciñanza, a campaña de achegas para o financiamento da campaña da Marea Atlántica foi un éxito e “xa dispoñemos nestes momentos do máximo de fondos que a lei permite investir no período electoral, e conseguímolo sen necesidade de pedirlle créditos nin aos bancos nin a particulares, só con contribucións voluntarias”. Por iso, o alcalde deulle “un enorme agradecemento a toda a xente que confía en nós e está disposta a apoiarnos”.

“Faremos unha campaña próxima, a pé de rúa, falando coa xente cara a cara como sempre facemos. Ese é o noso terreo”, adiantou. O calendario concreto de actos darase a coñecer nos vindeiros días.

Retomamos as #PegadasDoCambio

A Marea Atlántica retoma mañá as etapas do roteiro aberto á veciñanza para seguir as Pegadas do Cambio polos barrios da cidade e que se celebrarán o martes, xoves e sábado desta semana. O primeiro partirá de Monte Alto, mañá ás 18.00 horas, coas hortas urbanas do parque de Carlos Casares como punto de saída. Desde aí transitará as rúas Vía Ártabra e Suevia ata chegar á Marola, no percorrido do proxecto denominado ‘Camiño do Vixía’, que contempla ir creando un itinerario de prioridade peonil que conecte os principais equipamentos do barrio e poña en valor o patrimonio. A seguinte parada levará ao centro Abeiro, o primeiro equipamento municipal de baixa esixencia para persoas sen fogar, ao que seguirá unha ruta pola rúa da Torre, recentemente reurbanizada no seu primeiro treito e que forma parte tamén do ‘Camiño do Vixía’, para continuar ata a praza das Atochas, onde comezou a darse cumprimento da Lei de Memoria Histórica coa retirada do nome que homenaxeaba a un militar franquista. A última parada estará na rúa Troncoso, unha das que iniciaron a reordenación de terrazas da zona centro da cidade.

O xoves 2 de maio terá lugar a etapa que percorre os barrios de Novo Mesoiro e de Feáns. O paseo a pé comeza ás 18.00 horas nos locais TEU da rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, e permitirá coñecer estas novas instalacións abertas ao uso libre por parte da cidadanía, así como as hortas urbanas do barrio, o proxecto de Bosques da Coruña e as obras de mellora realizadas para recuperar parte dos camiños tradicionais do núcleo de Feáns.

O roteiro das pegadas do cambio rematará o sábado 4 de maio cun percorrido que se realizará en bicicleta e que partirá das Naves de Metrosidero ás 12.00h, un espazo que albergará o primeiro equipamento da cidade deseñado de xeito colaborativo por e para a mocidade. O paseo continuará polas rúas libres de coches da Cidade Vella, nas que se poderá falar do novo enfoque que lle deu a Marea Atlántica ao urbanismo e ao coidado do espazo público, coa xente no centro, e de actividades culturais nas rúas, como os concertos do Noroeste que enchen as prazas da cidade. A seguinte parada será diante do hotel Atlántico, unha concesión municipal que foi revisada pola Marea Atlántica e pola que o Concello pasou de ingresar de 2.500 euros anuais a 1,56 millóns, que desde agora se poderán investir en melloras para a cidadanía. As pedaladas levarán á veciñanza polo bordo litoral da cidade, un espazo chave na futura configuración e no impulso á cidade que a Marea Atlántica quere gañar como solo público, ata o espazo de Tribuna Pública. Dende alí, seguirase o novo carril bici metropolitano ata o Faro de Oza, o primeiro TEU da cidade, un espazo aberto para o uso da cidadanía e co que se recuperou e abriu parte da memoria da Coruña para a súa veciñanza.

Xulio Ferreiro: “Cun esforzo de mobilización e responsabilidade, gañámoslle o futuro á dereita máis salvaxe”