Eleccións municipais | Marea Atlántica

Xulio Ferreiro salienta que “A Coruña conta hoxe cun carril bici que a sitúa á par das cidades europeas e que medrará até os 60 km

O alcalde e candidato á reelección levou a cabo un paseo en bici esta mañá pola nova rede de carril bici coa que conta a cidade. “Coa Marea, A Coruña avanzou nun novo modelo de mobilidade máis eficiente. Coa Marea, o prezo do billete de bus urbano baixou en vez de subir. No vindeiro mandato seguiremos a facelo”, reivindicou

Xulio Ferreiro salienta que “A Coruña conta hoxe cun carril bici que a sitúa á par das cidades europeas e que medrará até os 60 km
Roteiro en bici 2
Roteiro en bici

O alcalde e candidato á reelección, Xulio Ferreiro, paseou esta mañá por algúns dos novos tramos cos que conta o carril bici da cidade que, coa Marea Atlántica no goberno da Coruña, duplicou até os 35 os quilómetros de extensión. “Tras catro anos, A Coruña, ao igual que moitas outras grandes cidades europeas, é unha cidade conectada mediante unha rede ciclable. Ademais, conta cun sistema de transporte urbano cunhas tarifas máis baratas e xustas”, dixo, en alusión á baixa no prezo do bus impulsada polo goberno local, logo de que, durante os anos máis duros da crise, tanto o goberno bipartito como o do PP permitisen que o prezo do billete se encarecese na cidade un 33%, a pesar de tratarse dunha concesión municipal. “É curioso como as formacións que nunca apostaron por reducir a tarifa do transporte urbano sexan as mesmas que critican ao carril bici. Hoxe convideinos a vir coñecelo de primeira man, pero vese que non podían”, ironizou.

“Logramos iniciar un cambio no modelo de mobilidade que imos consolidar no vindeiro mandato”, manifestou Xulio, que recordou que o programa de goberno da Marea Atlántica para os catro anos que veñen contempla elevar, aínda máis, a rede de carril bici, até os 60 quilómetros. “Ademais, renovaremos o parque municipal de bicis con 25 novas estacións de BiciCoruña, que contará con bicicletas eléctricas”, sinalou, para indicar que tamén se creará unha Oficina da Bicicleta, destinada a impulsar o uso deste medio de transporte.

“Pero, por suposto, somos conscientes de que non todo o mundo pode empregar a bicicleta. Esta só é unha das patas do novo modelo de mobilidade, máis intermodal, máis metropolitano e máis sostible que estamos a poñer en marcha. Por iso, seguiremos avanzando nas melloras no transporte público. Reformaremos o sistema de autobús urbano, mellorando os percorridos das liñas, aumentaremos as frecuencias nos barrios peor comunicados hoxe e implantaremos unha nova liña de marcado carácter metropolitano, que conecte as vías de entrada á cidade coa estación de autobús e tren, o polígono de Agrela e a estrada de Baños de Arteixo. Fomentaremos a cultura do transbordo, melloraremos a conectividade cos centros hospitalarios e de saúde con máis paradas, máis liñas e máis frecuencias e ampliaremos o horario do bus nocturno na fin de semana”, dixo, á vez que indicou que coa modificación da Ordenanza municipal de Transportes que se prepara as bicicletas tamén poderán subir ao bus público.

“Ademais, seguiremos adiante fomentando o uso do autobús urbano. Crearemos novos perfís para que o billete siga baixando para as persoas menores de 26 anos e as maiores de 65, así como para as persoas en situación de vulnerabilidade e as que teñen diversidades funcionais”, indicou, para destacar que tamén se avogará pola renovación da flota, para progresivamente incluír autobuses máis sostibles xa que “planeta só hai un e hai que coidalo por todos os medios”.

O cambio de modelo na mobilidade pasa tamén, necesariamente, pola accesibilidade, cousa que xa se iniciou este mandato, coa accesibilidade de toda a flota de autobuses urbanos. “Imos continuar acondicionando as paradas do bus urbano e incrementando as licenzas de taxis adaptados”, explicou.

Remunicipalización dos aparcadoiros da cidade

Por outro lado, o goberno da Marea Atlántica continuará no vindeiro mandato o proceso de recuperación de até cinco aparcamentos da cidade que foron adxudicados en tempos do vazquismo e que tiñan numerosas cotas impagadas. “Aqueles que pretenden erixirse en adalides da boa xestión son, precisamente, aos que nunca lles preocupou solucionar unha situación tan encandalosa como que houbese empresas que non pagaban o canon anual ao Concello polas súas concesións. De novo, foi a Marea Atlántica a que viu poñer freo a esta situación. Garantiremos un servizo público de calidade e unha rede rexida por unha ordenanza común. Os servizos públicos deben estar ao servizo da cidadanía, non para o beneficio dos de sempre”, apuntou.

Palavea e Elviña

Por outro lado, o alcalde estivo pola tarde en senllos mitins en Palavea e Elviña. Ferreiro presentouse ante a veciñanza para dar conta dos plans previstos para os vindeiros catro anos en Palavea nun acto que tivo lugar ás 19.00 na praza Padre Bustos. “Será o tempo no que materialicemos moitos proxectos e programas que merecedes e que demandades”, dixo. Estas actuacións afondarán na mellora dos espazos verdes e de lecer no barrio, coa recuperación do río Quintas, un proxecto que conta cos fondos europeos conseguidos este mandato, e a compra ao Ministerio de Defensa do club social e o aparcadoiro da Fábrica de Armas, para o que hai reservado xa un millón de euros. “Desta forma, será posible que melloremos os equipamentos, esa piscina que estaba pechada e que legalmente non podiamos arranxar e tantas outras cousas. Temos que dar opcións para que vivades e vivamos unha vida saudable”, manifesta Xulio. As melloras na contorna chegarán tamén, explica, cunha mellor mobilidade e conexión do barrio, que estará reflectida no novo mapa de liñas de buses, e tamén no empeño de reclamar ante o goberno do Estado “que cumpra co seu compromiso, con ese que pelexamos e que pelexastes ao noso carón, o que pasa pola construción dunha pasarela peonil e ciclable”.

O alcalde tamén salientará un proxecto no entorno do barrio “que simboliza o futuro e o cambio”, como é a Cidade das TIC, e do que a Marea Atlántica tirou dende o goberno local xunto á Universidade e o sector TIC de Galicia. “Estamos botando a semente necesaria para poñer en marcha o que pode ser un dos grandes proxectos desta cidade para os próximos 50 anos, a Cidade das TIC, un espazo de oportunidade, centrando na innovación empresarial e na investigación académica. Un espazo para a atracción de talento e xeración económica”,apunta.

Por outro lado, as 20.00 horas tivo lugar o mitin de Elviña, na praza Isaac Díaz Pardo, na que, por certo, se remodelará a súa contorna para mellorar o estacionamento. Alí, o alcalde deu conta das actuacións que se realizarán no vindeiros catro anos. “Continuaremos o xa feito en Casares Quiroga e Díaz Pardo, reurbanizando as prazas Escultor Mon Vasco, Pintor Manuel Colmeiro e Pintor Laxeiro. Renovaremos a rede de alumeado público das avenidas de Salvador de Madariaga e Pérez Ardá e continuaremos mellorando a zona de xogo coa ampliación da área infantil da rúa Rafael Alberti”, explica. “O que precisamos é que Elviña estea máis conectado cos barrios veciños. Por iso continuaremos a humanización de Salgado Torres, construiremos unha escalinata que complete o traxecto até a rúa General Rubín. No bordo oposto de Elviña, na avenida de Monelos, ampliaremos a beirarrúa a carón das torres da Mariña e crearemos un carril bici no sentido de subida”,comenta.

Por outro lado, a Marea Atlántica porá en marcha o Plan Director do Barrio das Flores, que contempla diversas actuacións para revitalizar a zona, coa que A Coruña ten unha enorme débeda histórica. “Por outro lado, ademais, e entroncando coas actuacións en materia de Cidade Verde, no vindeiro mandato apostaremos pola recuperación e protección do río Monelos, que transcorre soterrado baixo as rúas do barrio”, salienta.

Xulio Ferreiro salienta que “A Coruña conta hoxe cun carril bici que a sitúa á par das cidades europeas e que medrará até os 60 km