POLÍTICAS MUNICIPAIS DE AXUDA AO COMERCIO

Unha oportunidade inesperada para o libro

A finais de outubro o goberno municipal da Coruña acordou ampliar o programa de bonos PRESCO para incentivar o consumo no pequeno comercio, na hostalaría e de produtos culturais. Nesta serie de tres artigos contaremos, da man de establecementos dos barrios da Agra e dos Mallos, como lle van as cousas a estes tres sectores.
Unha oportunidade inesperada para o libro
A Livraria Suévia, na rúa Vila de Negreira, 32.
A Livraria Suévia, na rúa Vila de Negreira, 32.

“Solicitamos á Xunta de Galicia a declaración da cultura como ben de primeira necesidade”, anotaron sete organizacións sectoriais apoiadas pola principal asociación de cooperativas do país nun manifesto publicado a comezos do outono.

O 22 de setembro, o goberno da Generalitat catalá declarou a cultura como “ben esencial”. Ese mesmo día, un acordo no Senado instou o goberno español a promover unha declaración no mesmo sentido. O texto subliñaba que 700.000 familias viven da industria cultural no Estado. Na Galiza son unhas 30.000 familias, segundo cifras da Agadic.

As restricións derivadas da alerta pola covid golpearon á maioría das actividades da industria cultural. E mentres a afluencia de público diminuía a capacidade dos cines, teatros e salas se ía reducindo e as condicións de acceso complicándose polas esixencias sanitarias. Nas últimas semanas as medidas de limitacións horarias sumáronse á ampla lista de incomodidades para non saír o cine nin o teatro nin a concerto ou representación ningunha.

Para a industria do libro e as súas canles de distribución o perigo parecía chegar por parte da competencia das grandes distribuidoras que se ían beneficiar dunha aceleración do negocio de compra e venda a través de Internet. Amazon era o gran monstro de boca ancha que comerá todas as pequenas librarías cos seus estantes e baldas cargadas de libros.

Mais non aconteceu... cando menos, polo momento.

“A xente volveu ás tendas de barrio porque atendemos clientes de maneira máis persoal, sempre con máscara, e entran de a un e a porta permanece  sempre aberta. Supoño que todo iso dá sensación de seguridade. Despois están os bonos. Foi moi positiva porque os descontos son importantes e maiores que os que poidan facer mesmo nas grandes superficies. Temos máis venda de libros, sobre todo libro infantil, que son un pouquiño máis caros; agora, ademais, temos novos clientes”, conta Ermitas Valencia, da Livraria Suévia, na Agra, unhas das que se esforza en manter viva a cultura do libro e, de paso o libro en galego, neste barrio. 

María Reimóndez e Ledicia Costas comparten escaparate con Davila, Carreira, Helena Miguélez ou Uxío-Breogán Diéguez. O confinamento tirou do consumo a través da web. Ermitas atende ducias de mensaxes de Whatsapp con pedidos, reservas, preguntas. Inesperadamente a situación sanitaria tamén rescatou espazos para a lectura. Mais o que de verdade sorprende á libreira é que o programa de bonos animou á veciñanza a gastar en libros, en libros máis caros, non só (aínda que ese foi o principal efecto do reforzo das economías familiares) libro escolar e infantil. “Veu xente completar coleccións ou xente que non tiña noticia do programa de descontos e se animou a mercar un libro, ou un libro máis...”

Durante a “desescalada” foron os clientes-militantes os que animaron o negocio, conscientes da desfeita que suporía perder unha libraría máis, calquera libraría, nuns barrios coma estes, estigmatizados durante a pandemia, camiño do deserto cultural se o virus non remite e a Sala Gurugú, o Centro Ágora, a Asociación de Veciñas ou a Suévia, se apagasen.

Agora o abano de clientes abriuse mais, aínda coas restricións máis restritivas. E iso nun contexto que, pola tendencia dos últimos anos, non parece favorábel ao libro. O consumo retrocede constantemente desde a anterior crise, a do 2008, na Galiza como no resto do Estado. Baixou o gasto en libro e en prensa. Os lectores baixaron menos co gasto, e a produción editorial e o número de librarías resistiu aínda algo mellor. No país, as librarías foron pechando en menor proporción co resto do pequeno comercio. 

E chegou a pandemia e volveron os medos.

Durante a “desescalada” foron os clientes-militantes os que animaron o negocio. Agora o abano de clientes abriuse mais, aínda coas restricións máis restritivas.

O Concello da Coruña elaborou un plan de incentivos para o consumo cultural que puxo no peto (propiamente, nos teléfonos móbiles) das veciñas e veciños un bono de desconto do 40%, que desde principios novembro estirouse até o 50%, e un teito inicial de 5.000 euros por negocio, agora duplicado, para que os establecementos de produtos culturais se viran beneficiados. 

“Algunhas librarías chegaron ao tope moi axiña, outras tardamos máis porque moita xente pensou que se a vixencia do bono era até novembro, pois había tempo... e sucedeu que chegaron a tendas que xa non podían facer máis descontos a través do bono porque xa completaran a súa cota”, di Ermitas Valencia. 

Segundo o informe do comercio interior do sector do libro en España, as librarías representan o 52% da cifra de negocio por puntos de venda (e a porcentaxe é máis elevada no segmento infantil). Mais a competencia das grandes plataformas de distribución, sinaladamente Amazon, levou ás libreiras e libreiros a crear ferramentas para competir na canle dixital. Varias librarías da Coruña están adheridas á rede todostuslibros.com. Hai outras. En Catalunya dispoñen dunha rede propia do país. Pero Ermitas Valencia advirte que as librarías máis pequenas teñen dificultades para participar desas redes polos custes de entrada (o desembolso preciso para asociarse e, despois, as comisións por vendas) “e por riba ao consumidor cóbraselle o envío”. 

A propietaria da Suévia está conforme coa súa propia canle de venda e distribución comercial a través dun servizo de Correos que lle permite non repercutir custe adicional ningún sobre o cliente. En calquera caso, a porcentaxe de negocio que se xera on line aínda está por baixo do 15% dos ingresos do sector a nivel estatal. O efecto dos bonos foi levar xente á tenda física. Vellos e novos clientes. Menos incómodos aquí cos protocolos sanitarios e con sensación de maior seguridade que a que poidan ter nunha grande superficie.

Ermitas gosta do trato persoal, na tenda, e nun segmento do mercado como o do libro infantil que precisa da recomendación experta. As librarías volverán resistir á última crise que ameazaba con extinguilas. E, con elas, o libro en galego e a industria editorial galega. Desde a Suévia, Ermitas mantén unha visión de conxunto. “Se tivese que facer unha recomendación para estes tempos da covid, eu recomendaría ler en galego, dá igual o xénero ou se o autor é de aquí ou é traducido. O que me interesa poñer de relevo é que se lemos en galego estamos a soster unha industria cultural galega, unhas editoriais, unhas imprentas do país. Eu recomendo: editado na Galiza”, remata a libreira que apunta unha última reflexión sobre o éxito dos bonos culturais municipais: axudou ás librarías máis que a outros sectores culturais polos condicionamentos da covid, e tamén axudou ás economías familiares para rebaixar o acceso a un ben que debe estar nas mans de todas e todos. Porque A Coruña é unha das cidades con máis librarías e con máis venda de libros por habitante en todo o Estado, mais son poucos os cidadáns que poden manter un gasto regular en libros. 

Ás veces, os efectos inesperados de determinadas políticas públicas teñen máis potencia de cambiar as cousas que a idea que deu pé á iniciativa. Isto está a pasar cos bonos para libros. O resto da industria cultural espera que alguén dea coa tecla. 

Comentarios
Unha oportunidade inesperada para o libro