Salienta que "non tería triunfado no deporte senón fose por esta cidade"

A pregoeira das Festas de María Pita, Sofía Toro, destaca o mar "como un dos maiores patrimonios da Coruña"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou que a medallista olímpica “reúne en si mesma moitos dos felices elementos que este agosto imos festexar”. “A Coruña é loitadora, náutica e deportista”, dixo

A pregoeira das Festas de María Pita, Sofía Toro, destaca o mar "como un dos maiores patrimonios da Coruña"
PregónFestas
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a regatista olímpica Sofía Toro, no pregón das Festas de María Pita 2016

Fonte: Concello da Coruña | 01/08/2016

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta tarde, na Praza de María Pita, á pregoeira das festas da cidade deste 2016, a regatista Sofía Toro (medalla de Ouro en Londres 2012), encargada de abrir as celebracións deste agosto. O rexedor destacou ante unha destacada afluencia de público, a chegada "dun dos momentos máis agardados do ano". "É un mes no que recibimos a milleiros de persoas e demostramos que a nosa é unha cidade especial, un lugar onde todo é posible para todos e todas". O primeiro edil coruñés destacou á regatista como "un orgullo desta cidade que reúne en si mesma moitos dos felices elementos que este agosto imos festexar". "A Coruña é festeira, é loitadora, náutica, deportista e campiona", manifestou. "Seguro que se nos preguntan que desexos temos para a nosa cidade, a maioría poderiamos asinar que queremos unha Coruña con proxección mundial e unha Coruña onde as mulleres ocupen o lugar que merecen, lonxe de desigualdades", indicou, facendo referencia á importacia do deporte feminino.

Pola súa banda, no sei pregón, a deportista destacou que o feito de ser coruñesa, así como a relación da cidade co mar, determinou en gran medida os éxitos colleitados no terreo deportivo. "O carácter orgulloso, humilde e de superación dos e das veciñas desta cidade impregnoume desde pequena e penso que foi determinante para enfrontar os retos que superei. Creo que Sofía Toro non tería chegado a onde chegou neste deporte se non tivese nacido nesta cidade atlántica, onde todo está marcado polo mar que nos rodea", dixo. "Son unha persoa comprometida coa Coruña e estou orgullosa de levar o seu nome por todo o mundo, por todos os mares do mundo: presumo de terra, de cultura, de gastronomía, da nosa lingua, das nosas rías e as nosas praias, da Torre de Hércules, da nosa historia e dos nosos ventos", manifestou a deportista olímpica.

"Non podo entender esta cidade sen as festas de agosto, desde os concertos de María Pita ao Salón do Cómic, a Feira do Libro ou as atraccións dos barrios, como tampouco podo entender esta cidade sen o mar", dixo, para recordar que "o mar da Coruña é moito máis que mar. O noso mar é cidade, é o noso espello, un dos nosos maiores patrimonios, e está presente en todos os ámbitos da vida dos e das coruñesas. O mar é traballo, é alegría, é reunión... e tamén é deporte".  Nese sentido, salientou o "lugar privilexiado" que é A Coruña para a práctica dos deportes náuticos e recordou que o ano do seu nacemento, agosto de 1990, foi o verán en que a regata Tall Ships Races, que este mes terá na Coruña a súa última parada, retomou a súa ruta pola Coruña.

Tamén, na súa intervención, a pregoeira fixo unha petición aos centos de coruñesas e coruñeses que acudiron a escoitala á praza de María Pita: "Coidade o mar que nos rodea, o mar que nos fai ser que somos", subliñando que ademais de ser "un lugar de goce e un auténtico recinto deportivo para moitos e moitas de nós", é tamén un ecosistema imprescindible. "O mar non é un vertedoiro, iso debemos recordalo", incidiu, e salientou tamén a importancia da rexiclaxe na recollida de lixo nas propia casa. "O mundo produce innumerables toneladas de residuos ao día e, ao final, todo acaba no mar, así que a única maneira que temos de coidar o que nos rodea é reciclando", apostou.

Durante o seu discurso, Toro, que agradeceu o apoio da súa familia, dos e das súas compañeiras e de todos e todas as coruñesas ao longo da súa carreira deportiva, quixo recordar ao resto de olímpicos. "Neste día tan importante para min, coincidindo co ano olímpico, quero facer un recoñecemento a todos os e as olímpicas, a aquelas persoas que pasaron, pelexaron e gozaron dunhas Olimpiadas, e a todas as que se preparan para os Xogos de Río", manifestou a atleta, que destacou as figuras de Andrés Díaz, ou de Javier Gómez Noya, "incríble deportista, un exemplo para todos e todas nós, que por unha lesión non poderá estar en Brasil".

Á vez, Toro tamén mencionou de xeito especial as mulleres olímpicas. "A igualdade de homes e mulleres tamén debe estar presente no mundo deportivo. Londres 2012 marcou un antes e un despois na historia das mulles olímpicas do noso país, acadando 11 das 17 medallas conseguidas por España. Aínda así, existen moitas desigualdades no noso mundo", comentou, á vez que felicitou ao Deportivo da Coruña, "que este ano estrea equipo feminino". A regatista tamén desexou sorte ao atleta paralímpico coruñés Alberto Seoane, "así como ao resto das galegas e galegos" que competirán nesta modalidade. "Eles son o exemplo de que esta é unha terra de deporte, onde non existen disciplinas minoritarias, e onde as bases se coidan con mimo", valorou.

Antes de dar paso ao concerto de Carlinhos Brown, a regatista convidou a toda a cidadanía a practicar exercicio físico ao longo da vida, para evitar os problemas derivados do sedentarismo, e puxo en valor a "multitude de posibilidades para a práctica deportiva que ofrece a cidade". "A saúde é o noso ben máis prezado", destacou, ao tempo que animou ás mozas e mozos da cidade a descubrir as súas habilidades, "traballar por cumprir os propios obxectivos e gozar do camiño para cumplir os soños". "O verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos", rematou a pregoira, citando a Castelao.

A pregoeira das Festas de María Pita, Sofía Toro, destaca o mar "como un dos maiores patrimonios da Coruña"