#CUACRESISTE

A Xunta de Galicia arquiva a sanción a Cuac FM, pero prohíbelle emitir na frecuencia modulada

A Xunta de Galicia ven de resolver o procedemento sancionador SXMEDIOS 16/2017 co arquivo das actuacións incoado a Cuac FM o pasado mes de setembro. A Xunta acepta as alegacións presentadas polo Colectivo de Universitarios Activos, que solicitaban o arquivo do expediente .

A emisora comunitaria da Coruña non terá que afrontar a sanción de entre 100.001 e 200.000€ por emitir os últimos 21 anos na frecuencia modulada coruñesa.

A Xunta de Galicia arquiva a sanción a Cuac FM, pero prohíbelle emitir na frecuencia modulada
CUAC_ASAMBLEA_PECHEFM02-1
CUAC_ASAMBLEA_PECHEFM02-1

A Xunta de Galicia recoñece explicitamente que Cuac FM leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro, valorando positivamente o cese das emisións na FM no momento de recibir a notificación da sanción.

Sen embargo, a Xunta de Galicia advirte unilateralmente que esta resolución “racha calquera expectativa de Cuac FM para volver  a emitir na FM, e ameaza con novos expedientes sancionadores en caso de volver a emitir por ondas.

A Xunta establece esta prohibición a pesar de recoñecer na súa resolución que  a interpretación da Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual “pode crear certas dúbidas interpretativas”, e ademais recoñece explicitamente que “os mandatos do artigo 32 e da Disposición Transitoria 14ª de dita resultan actualmente incumpridos (pola Administración), pois aínda non se materializaron”.

Cuac FM lamenta que a Xunta de Galicia opte por unha interpretación restritiva do dereito constitucional a comunicar recollido no artigo 20.1.a) da Constitución Española do 1978, e respalde de facto as barreiras administrativas que impiden o cumprimento do artículo 4.1 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual que afirma que “Todas las personas tienen el derecho a que la comunicación audiovisual se preste a través de una pluralidad de medios, tanto públicos, comerciales como comunitarios que reflejen el pluralismo ideológico, político y cultural de la sociedad.”

Despois de celebrada unha Asemblea Xeral Extraordinaria para poñer en coñecemento das persoas e colectivos integrantes de Cuac FM o contido desta resolución, CUAC desexa facer públicas as seguintes cuestións:

  1. CUAC lamenta a interpretación restritiva la Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual, e  recorrerá esta resolución en tempo e forma, ao estimala inxusta e contraria á lei vixente, xa que impón unha situación de facto que impide o exercicio de dereitos fundamentais.

  2. Mentres non se substancie este recurso (e a Xunta de Galicia resolva o noso recurso de alzada), Cuac FM continuará emitindo exclusivamente por internet, a través da súa páxina web, servizos de streaming e podcasting,  e aplicacións para dispositivos móbiles.

  3. Cuac FM desexa agradecer ás persoas, colectivos e institucións que amosaron publicamente o seu apoio e asinaron o MANIFESTO POLO DEREITO A COMUNICAR. Moitas grazas polo voso apoio, compromiso, confianza e o afecto co que nos premiades cada día. Temos a seguridade de que o arquivo desta sanción non se tería producido se vós non estivésedes aí. GRAZAS.

  4. Cuac FM empregará todos os medios dos que dispoña para garantir o cumprimento real e efectivo dos dereitos do público a recibir información e opinión a través de medios comunitarios, xa que as administracións públicas semellan ineficaces para elo. Pode que a vontade de servizo á comunidade non sexa condición suficiente para facer cumprir a letra e o espírito das leis, pero sen dúbida é unha condición necesaria. Por nós non vai quedar.

  5. Nas vindeiras datas informaremos cumpridamente dos vindeiros pasos a dar, que non serán poucos.

Moitas grazas pola atención.

#CUACRESISTE

Comentarios
A Xunta de Galicia arquiva a sanción a Cuac FM, pero prohíbelle emitir na frecuencia modulada