AXENDA CULTURAL | CULTURA DE BARRIO 2018

1+1 Play Videoarte: proxección de Curtas Experimentais

A Asociación Cultural  Sen Ánimo de  Nome presenta a súa primeira edición do 1+1Play Videoarte, que terá lugar no CGAI da Coruña o martes 13 de novembro ás 6pm para gozar da proxección de curtametraxes experimentais.

https://www.facebook.com/events/183205975918342/

1+1 Play Videoarte: proxección de Curtas Experimentais
Cartaz 1+1Play Videoarte - martes 13 Nov_2018
Cartaz 1+1Play Videoarte - martes 13 Nov_2018

Os seus protagonistas son Inma Veiga, galega instalada en Oporto e Emanuele Dainotti, italiano instalado en Milán.

Unha iniciativa que busca dar máis visibilidade ao cinema independente e de autor, e compracer ao público coruñés coa proxección de curtametraxes artísticas cheas de contido conceptual. Deixarlle viaxar nun espazo temporal onde non se pretende deixar ningunha mensaxe específica senón outorgar á mente a libre interpretación.

O proxecto entra dentro  do  programa da  nosa asociación 1+1 Play Artistas en  Microresidencia.  

[Programación Cultura de Barrio 2018 -   Concello de Cultura da Coruña].

  • Día e hora: martes 13 de novembro, ás 18:00h.
  • Lugar: CGAI – Centro Galego de Artes da Imaxe. Rúa Durán Loriga, 10, A Coruña.

Proxectaranse un total de 6 curtas por un total de 43 minutos:

  • Mulher CactoInma Veiga 6:17 min
  • Brthr Inma Veiga 8:06 min
  • Pestanas PostizasAntía Carreira e Inma Veiga 3:20 min
  • San NepomucenoEmanuele Dainotti 5:03 min
  • Santa TeresaEmanuele Dainotti e Alessandro G. Capuzzi 12:06 min
  • Genesi di una Luce al buio - Emanuele Dainotti 8:48 min

Ademais da proxección das 6 curtametraxes, haberá un agasallo para o público: a proxección dun proxecto experimental no que traballaron Emanuele e Inma ao longo deste último mes.

ENTRADA DE BALDE

Inma Veiga

Inma Veiga naceu en Parga (Lugo) no ano 1995. Estudou o Grao de Son e Imaxe na Escola Superior de Artes e Design das Caldas da Rainha (Portugal). Actualmente reside en Oporto e cursa un Máster en Fotografía e Cinema Documental. Empezou a súa traxectoria no mundo artístico máis interesada pola fotografía, pero actualmente o vídeo é a súa principal forma de expresión.

Influenciada pola estética e o estilo visual de directores como Greta Gerwig ou Xavier Dolan, durante o seu proceso creativo déixase levar pola intuición. O seu traballo baséase, en gran parte, na experimentación e non necesariamente en crear a partir dun concepto. Brthr (2017), o seu segundo short-film, foi seleccionado en varios festivais internacionais no último ano.

Recentemente integrou a programación do dokumentART (Neubrandenburg) e acadou o premio do xurado na categoría de “Mellor Filme de Escolas Portuguesas no Queer Porto”.

Emanuele Dainotti

Emanuele Dainotti (Milán, 1987) é artista e cineasta. Os seus traballos foron presentados e premiados en exposicións e festivais en Italia e no estranxeiro, incluíndo Filmideo (Estados Unidos); Museu de Arte Moderna do Rio de Janeiro (Brasil); XIV Mostra Internazionale del video d’autore Avvistamenti (Italia); VAFT (Finlandia), Salón Internacional de la Luz (Colombia); Festival de Miden (Grecia); Fonlad (Portugal).

A súa investigación móvese na fronteira entre o cinema e o videoarte e na idea mesma dunha fronteira. A súa atención céntrase na creación de estruturas narrativas abertas e alternativas que se establecen, sen impoñerse, en diálogo cos usuarios. Unha investigación non asertiva.

Interésanlle as preguntas para as que non se pode atopar unha resposta. Examinar o final como imposibilidade. Examinar a dúbida.

Desde un punto de vista visual e formal, a súa atención diríxese a un concepto de síntese sintáctica, narrativa e compositiva. Algúns dos temas recorrentes na súa investigación son a finitud do home, a relación entre o home e a morte, o home e a natureza e entre o home e a arte.

Sobre Sen Ánimo de Nome

Sen Ánimo de Nome nace en xuño 2015 como asociación cultural sen fin de lucro. Un movemento, un colectivo artístico coa necesidade de axuntar esforzos para producir obra artística. Xeramos proxectos de xestión cultural, exposición de obra propia e doutros artistas, creación de eventos culturais e xestión de talleres relacionados. A intención é de seguir organizando proxectos culturais, sociais e ambientais; empuxar pola difusión dos artistas, dos xestores e asociacións e os seus proxectos; fomentar a arte en terra galega. Interésannos os proxectos culturais colectivos, loitar pola convivencia e abrir fronteiras, irmandando proxectos culturais nacionais e internacionais.

Sobre 1+1 Play

Sen Ánimo de Nome desenvolveu un programa enfocado en artistas nacionais e internacionais, ofrecéndolles a oportunidade de traballar e colaborar para organizar unha exposición conxunta. É unha experiencia de convivencia, de crecemento persoal e profesional; enfrontar as súas técnicas e filosofías de traballo para crear algo novo. Durante días de intenso traballo os artistas crean obras inéditas de forma dual, conversando entre elas e co espectador. Ademais, os artistas crean un lazo de amizade e traballo que esperemos dure moito tempo e produza novos encontros e proxectos; á fin e ao cabo este é o fin último do 1+1 Play. O traballo finaliza coa inauguración dunha exposición nun espazo cedido.

O 1+1 Play quere crear unha rede de artistas, xestores culturais, espazos e compradores. Servir de plataforma de difusión e de promoción de artistas dentro do ámbito estatal e europeo. Crear pontes duradeiras entre artistas, espazos e xestores culturais de diferentes países.

Comentarios
1+1 Play Videoarte: proxección de Curtas Experimentais