Cine

Chega á Coruña FilMesturas, mostra de curtametraxes en linguas minorizadas

Miguel Pernas, César Cambeiro, Isabel Risco, Fernando Morán, José Antonio Jiménez ou Lois Basallo, participarán desta mostra que se extenderá por catro concellos da comarca coruñesa.

Chega á Coruña FilMesturas, mostra de curtametraxes en linguas minorizadas
De esquerda a dereita; Xosé Antón Moure, Xurxo Couto e David Neira
De esquerda a dereita; Xosé Antón Moure, Xurxo Couto e David Neira

Coa colaboración da área de Cultura da Deputación da Coruña ven de se presentar a iniciativa FilMesturas, un certame de pezas audiovisuais de corta duración que se desenvolverá entre o venres 9 e o luns 12 en varios concellos da comarca coruñesa, coa particularidade de seren todas, curtas realizadas en linguas minorizadas.

Xustamente, o deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto destacou “a honra que supón para a Deputación colaborar cunha iniciativa cultural de base plantexada co obxetivo de amosar á sociedade un mundo plural e diverso, con culturas e linguas como a galega, que loitan por se desenvolver nunhas circunstancias moitas veces adversas, e logran levar adiante proxectos audiovisuais dignos e de calidade”.

O director e guionista Xosé Antón Moure, asesor das xornadas, destacou “a participación de primeirisimos nomes a nivel galego, como Miguel Pernas, César Cambeiro, Fernando Morán, Isabel Risco, José Antonio Jiménez ou Lois Basallo”. Moure fixo tamén fincapé “no singular de apostar pola vertente máis sociolóxica, educativa e lingüística do audiovisual, incorporando voces como as da presidenta da AS-PG, Patricia Varela, o presidente da Mesa, Marcos Maceiras, a tradutora Iria Taibo ou a asesora lingüística Estefanía Busto”.

O coordenador do evento, David Neira destacou “a vocación comarcal de FilMesturas. Desta volta estaremos na Coruña, Sada, Oleiros e Cambre, pero a idea é ir medrando para sucesivas edicións” ao tempo que destacou a proxección de filmes en “catalán, éuscaro, gaélico, quechua, samoano, tagalo, africáns... e algunha pequena sorpresa”.

Neira avanzou que FilMesturas comezará o venres 9 ás 19h no Centro Cívico da Cidade Vella, nunha sesión pensada para reflexionar sobre o audiovisual infantil e xuvenil, visionando pezas de Os Bolechas e Cocorico, e contando coas intervencións de Patricia Varela e Marcos Maceira.

O sábado 10, FilMesturas chegará ás 19h á capela de San Roque de Sada, cando será presentada “O Xeneral”, obra de Carlos Prado Pampín gañadora da última edición do MOV.LAB impulsado pola Asociación Cultural Senunpeso de Vedra. Ademáis pasarase “Un bo final” filme realizado pola equipa de normalización da Escola Oficial de Idiomas da Coruña protagonizada por Fernando Morán, que acompañará a presentación da mesma. Estefanía Busto e Iria Taibo realizarán sendas intervencións abordando cuestións coma a dobraxe ou a calidade do idioma no audiovisual.

Oleiros acollerá a FilMesturas no teatro As Torres de Santa Cruz o domingo 11 ás 19h, coa presenza do director de “As Costureiras” e “O Castelo da Lúa”, Lois Basallo, xunto a el tomarán a palabra dous actores referenciais da escea galega que participan nas citadas curtas: César Cambeiro e Miguel Pernas.

FilMesturas despide os pases presenciais o sábado 12 ás 19 no centro sociocultural da Barcala, cunha tarde adicada ás produccións máis comprometidas dende o punto de vista social. Rescatarase un traballo sobre Manuel Antonio realizado hai case 40 anos por José Antonio Jiménez e establecerase un coloquio coa participación de Isabel Risco.

Xurxo Couto animou a asistencia ás proxeccións, que se realizarán cumprindo todas as normativas de seguridade sanitaria e subliñou “a necesidade de que a Cultura non pare, cuestión na que estamos moi involucrados dende a Deputación, animando a celebración de eventos coma FilMesturas”.

Comentarios
Chega á Coruña FilMesturas, mostra de curtametraxes en linguas minorizadas