“Libredón 2.0”

Inauguración da exposición do escultor Nando Pereiro

A Fundación Rodríguez Iglesias acolle o venres 8 de xuño, ás 20:00 horas, a inauguración da exposición “Libredón 2.0” do escultor Nando Pereiro, que estará aberta ao público do 11 de xuño ao 13 de xullo.

Inauguración da exposición do escultor Nando Pereiro
Libredon 20
Libredon 2.0

 

A exposición é un tributo do artista ao Liberum Donum ou Bosque de Libredón, un bosque de árbores autóctonas que hai centos de anos poboaba o espazo que actualmente ocupa a cidade de Santiago de Compostela.

 

Dende algúns anos, Pereiro vén facendo acopio de “materia prima” procedente dalgúns dos enclaves nos que aínda sobreviven redutos dese bosque atlántico. Trátase de madeiras recuperadas, que el “intervén” mostrando sempre un absoluto respecto polo medio natural, co obxecto de “reanimar” esa substancia avocada a rematar apodrecendo no monte ou convertida en combustible para a lareira. Foron nacendo así seres, metade humano, metade criatura mariña, ente mitolóxico ou ser alieníxena que dialogan con outras moitas pezas xurdidas do granito, dos xistos ou da lancarita.

 

Con esta mostra, as creacións que formaron parte dunha fraga ou dun monte chegan ao mesmo Orzán para seren coñecidas polos descendentes da tribo ártabra e transmitirlles a súa sabedoría e o seu feitizo, lembrándolles aos poboadores desta cidade cosmopolita e moderna que o bosque segue aí, moi preto, disposto a agromar mil primaveras máis, mesmo coma neste caso, despois da vida e en forma de arte.

 


 

 

Nando Pereiro, formouse na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, onde exhibiu as súas obras ao finalizar a súa formación en 2004. Pero o seu interese polo debuxo e a pintura xa lle viña desde neno, a pesar de que na súa formación decidiu especializarse en estudos de artes aplicadas da escultura.

 

A súa obra foi adquirida por coleccionistas privados de distintos países europeos e por institucións como o C.A.B Obradoiro e o Concello de Malpica. A nivel individual destacan exposicións en Santiago de Compostela e en Malpica, Rianxo e Boiro. Ademais, participou en mostras colectivas con outros artistas.

 

Inauguración da exposición do escultor Nando Pereiro