Música

Xurxo Fernandes presenta hoxe "Levaino!" no Teatro Rosalía Castro

As entradas para o concerto, que comezará ás 20.00 horas e que contará coa participación de Pandeireteiras sen Fronteiros, están esgotadas

Xurxo Fernandes presenta hoxe "Levaino!" no Teatro Rosalía Castro
Levaino - Xurxo coa banda
Levaino - Xurxo coa banda

Levaino! propón ao público percorrer unha ducia de paisaxes sonoras, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais

A Coruña, 9 de abril de 2021.- O músico e investigador coruñés Xurxo Fernandes presenta hoxe, venres 9 de abril o seu novo traballo discográfico, Levaino!, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. As entradas para a cita, que comezará ás 20.00 horas, están esgotadas.

O álbum achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva. Trátase dunha proposta exquisita, dotada dunha sonoridade peculiar e repleta de virtuosidade que Xurxo Fernandes completa cunha voz cálida, potente e chea de matices e expresividade.

 

 

Xurxo Fernandes - Levaino!

O recoñecido entógrafo, fundador de proxectos como Radio Cos ou Jako el Muzikante, presenta en Levaino! doce temas, a meirande parte deles recollidos polo propio artista en territorios tan diversos como son Coristanco, Samakov, A Mezquita, Salihli, Tordoia, Larache ou Tel Aviv. Con eles, o artista convida ao público a percorrer unha suxerente viaxe entre Galicia e o oriente a través dunha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas, que comezan no Mediterráneo Oriental e que rematan en Galicia, que explicitan e manifestan os vínculos entre ambas culturas e tradicións orais.

O concerto contará coa participación da banda que tamén colabora no disco, conformada por Pedro Lamas, Rubén Montes, Rafa Morales e Roberto Comesaña, ademais das voces e enerxía das tocadoras e cantareiras de Pandeireteiras sen Fronteiros (PAN.SEN.FRON), agrupación que tamén é protagonista do sorprendente videoclip de presentación de Levaino!, asinado polo realizador finalista dos Mestre Mateo Xaime Miranda.

O álbum estará á venda unicamente en tendas físicas e na nova páxina web do artista www.xurxofernandes.gal a partir de hoxe, venres 9. Os puntos de venda anunciaranse nos perfís que Xurxo Fernandes ten nas redes sociais Instagram e Facebook.

Comentarios
Xurxo Fernandes presenta hoxe "Levaino!" no Teatro Rosalía Castro