CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – 28 e fin

A tempada infinita

Un 27 de agosto, máis dun mes despois de rematada a competición que se estirou durante doce mes por mor da paréntese da covid, o Dépor coñeceu seu destino: Segunda B. 
A tempada infinita
Adestramento en Abegondo este agosto. @RCD
Adestramento en Abegondo este agosto. @RCD

Reparen ben na data. A estas alturas debería ter comezado a tempada 2020-21. Saltamos a rutina olímpica. A Champions xogouse en formato burbulla. E a liga eterna de Segunda foi concluíndo por fases nunha desescalada inaudita como esa restra de ciclistas chegando á meta exhaustos nunha etapa do Tour… que se corre estes días de final de verán. 

Final de verán, vertixe do que está por vir. Case que o do Dépor é o de menos. Pero pode abstraerse o fútbol desta paisaxe desolada? E non falamos do Messi...

Ben mirado, o recurso a Fran e Valerón é como botarse en man de heroes de ficción e esperar que se fagan reais. O Dépor está en Segunda B despois de que as institucións encargadas de arbitrar a xustiza deportiva no Estado licuasen. A solución xusta tivo que ser unha destas: descender o Fuenlabrada (como pedía o xuíz federativo) e que o Dépor ocupase esa praza, ou invalidar todos os descensos e que a próxima fose unha liga de 26. Non se deu ningunha delas.

Xa se sabe: no fútbol non hai xustiza e a vida parécese cada vez máis o fútbol, que deixa de ser o espello e vai converténdose nunha instancia de adestramento para a vida.

Estamos en Segunda B, ídevos facendo á idea. 

Fracasou Fernando Vázquez, o noso heroe de verdade tráxico, a última áncora coa vida soñada. A remontada non chegou a porto. Era imposíbel ao principio e acabou de mala maneira despois de ter espertado ese soño. Aketxe e Çolak non teñen a culpa, mais por un intre foron Fran e Valerón. Tampouco deberiamos reprochar a Sabin, Uche e Bergantiños que por momentos parecesen Makaay, Mauro Silva e Voro. O fútbol na burbulla da covid produce pantasmas.

Se alguén ten a culpa é Vázquez. A culpa é de Vázquez por facernos crer, facernos soñar e facernos chorar. Vázquez colleu o timón e lanzou a nave a unha conquista improbábel que só frustraron os elementos... eses que mesmo están por riba dos deuses.  O audaz Fernando, pés lixeiros, amado pola fortuna, foi abatido desde un escuro despacho por poderes escuros, alleos e violentos. Os deuses andaban distraídos. Chegou agosto, Tebas marcou os tempos, o goberno do deporte non quere leas porque non sabe saír de ningunha e o Dépor, a parte máis débil, foi sacrificado sen que ningún outro club dixese ren. Caeu o Dépor. Sozinho.

Antes xa perdera no campo. É certo. A primeira volta da tempada foi un desastre de tal dimensión que en xaneiro xa marcharan o presidente, dous adestradores e o director deportivo. O desastre deixou o club en mans dun banco, o mesmo que lle dá nome ao estadio. Do desastre intentou Vázquez rescatar un equipo deprimido.

E cos mesmos xogadores máis algunha incorporación notábel e toda a forza que é capaz de transmitir a afección desde a grada de Riazor, o técnico foi quen de tocar cos dedos a proeza da permanencia... O Dépor foi, xunto co Tenerife, o mellor equipo da segunda volta e chegou ao penúltimo partido dependendo de si propio. 

Caeu o Dépor. Sozinho. Non foi quen de gañar nin un deses tres últimos partidos antes de chegar a data da controversia co Fuenlabrada, cando xa dependía dun erro do Lugo ou do Albacete. Os 51 puntos que Vázquez estableceu como meta en xaneiro non alcanzaron. Fallaron os cálculos. Faltaron as forzas e certa serenidade no tramo final. E despois apareceron os tramposo para arrebatarlle o Dépor a derradeira oportunidade. Foi cruel, pero foi real. 

Estamos en Segunda B, ídevos facendo á idea.

Esta tempada infinita non rematará nunca. Ficará na memoria dos seareiros, dos xogadores, de Vázquez e, por suposto, dos deuses de uniforme branquiazul que cociñan a vinganza. Sempre lembraremos aqueles partidos do 2020 antes da covid con Riazor fervendo tras un gol de Sabin. Aquela noite contra o Xirona de Stuani e esa viaxe a Oviedo, coas esperanzas enchidas, que non chegou... 

Mais esta crónica ten que acabar aquí. Empeza outro fútbol, outra vida, co mesmo Dépor de sempre.
 

Comentarios
A tempada infinita