CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 26

Desenlace aberto

O partido decisivo da tempada máis estraña non se xoga pola infección de varios futbolistas do Fuenlabrada (primeiro beneficiado), a LFP obriga a disputar o resto da xornada e, con menos presión, gañan os rivais do Dépor (seguintes beneficiados). O Dépor pelexará nos despachos o que non lle deixaron pelexar no campo.
Desenlace aberto
Cadro técnico e xogadores do Dépor, onte en Riazor. @RCD
Cadro técnico e xogadores do Dépor, onte en Riazor. @RCD

A secuencia de acontecementos que abocaron o Dépor a Segunda B foi máis ou menos a seguinte:

1) O Fuenlabrada viaxa para xogar en Riazor coñecendo que pode ter xogadores infectados por coronavirus despois de que o sábado detectase un caso tras realizar probas PCR a toda a plantilla.

2) O Fuenlabrada, xa na Coruña, informa horas antes do partido de novos casos.

3) A LFP e a Federación Española de Fútbol deciden suspender o partido de Riazor e informan ao CSD que se mostra de acordo.

4) Nin a LFP nin a Federación nin o CSD consideran a posibilidade de suspender toda a xornada, malia que hai outros cinco partidos con equipos disputando obxectivos co Dépor (a permanencia: Albacete, Lugo e Numancia) e co Fuenlabrada (o play off: Elxe e Raio).

5) Dispútase a xornada malia as queixas de varios dos clubs implicados (non se queixa o Fuenlabrada, causante do problema). O Albacete e o Lugo gañan os seus partidos co que Numancia e Dépor descenden a Segunda B. Elxe e Raio tamén gañan, pero quedan á espera do resultado do Dépor-Fuenlabrada, no que os locais xa non se xogan nada e aos visitantes alcánzalles cun empate para lograr o seu obxectivo.

Conclusión: o causante do problema (puntos 1 e 2) vese beneficiado polas decisións dos organismos competentes (puntos 3 e 4) e o Dépor, o Elxe e o Raio fican prexudicados. Aínda que de terse desenvolvido normalmente a xornada e os resultados producisen idéntico efecto (punto 5) é evidente que a competición foi adulterada polo Fuenlabrada (por erro ou omisión) e pola LFP, a FEF e o CSD.

Tebas e a ausencia de normas

A decisión xera controversia, probabelmente non teña volta atrás, pero o resultado é que Tebas (Javier, o presidente da LFP, máximo responsábel da competición) expulsou o Dépor da Liga de Fútbol Profesional e condenouno o descenso de categoría sen sequera poder defender no campo as súas opcións de permanencia. Agora o Dépor terá que pelexar nos despachos (quen sabe se nos tribunais ordinarios) pola súa praza na categoría.

Ao parecer, non hai un protocolo para este tipo de situacións: que facer se por cuestións de saúde pública é preciso suspender un partido na última xornada cando todos os partidos se xogan á mesma hora.

O Fuenlabrada, perdón e vitoria

Tampouco está escrito en ningures que medidas tomar contra un club que se despraza xogar un partido coñecendo o risco de que parte do cadro de xogadores e acompañantes poidan estar infectados. O Fuenlabrada xogou á ruleta rusa coa Liga e co Dépor. Porén, ninguén pensou en sancións ou castigo para o culpábel, mentres si correron as ameazas para os descontentos.

Se o Dépor perdeu sen xogar, ao Fuenlabrada sucedeulle todo o contrario. Se Tebas consegue impoñer nos despachos o seu criterio, o Dépor-Fuenlabrada disputarase en Riazor cando ao Fuenlabrada lle conveña e cos locais xa sen nada polo que loitar e nunhas condicións psicolóxicas difíciles.

Logo:

1) O Fuenlabrada é o gran beneficiado da desfeita de Tebas. Non se desgastou nun partido a vida ou morte co Dépor, e coñece xa o que ten que facer (bástalle cun empate) para superar a Elxe e Raio que onte xogaron coa máxima presión, sen ter ocasión de meterlle presión o Fuenlabrada...

2) O Albacete e o Lugo son os outros dous beneficiados porque xogaron os seus partidos sabendo que, pasase o que pasase, ían rematar por riba do Dépor e cunha bola extra (o Fuenlabrada en Riazor). Precisaban gañar, pero tamén o empate ou mesmo a derrota non os conducían ao descenso. Competiron con menos presión (e tamén contra rivais menos esixidos polo resultado en Riazor). 

3) O Dépor, que perde a categoría, e en menor medida o Numancia; o Elxe, en praza de play off, e en menor medida o Raio, son os prexudicados.

4) Dado que a crise da covid19 aínda non foi controlada e o sucedido onte pode acontecer de novo sexa pola mesma ameaza ou por outra circunstancia semellante, o resto de clubs da LFP (incluídos os tres beneficiados) deberían esixir do organismo competente unha normativa precisa para resolver estas situacións.

Nos próximos días asistiremos a un debate sobre a solución máis xusta. O probábel é que se adopte unha decisión salomónica, castigando ao Fuenlabrada coa derrota administrativa e deixando todo o demais igual. 

As veces os deuses do fútbol botan man de personaxes funestos como Tebas ou Rubiales (presidente da FEF) ou Irene Lozano (presidenta do CSD) para provocar xiros inesperados no relato que complican a tarefa do heroe. 

Fernando Vázquez prometeu devolver o Dépor a Primeira e os deuses teñen escrito o camiño. Levará un pouco máis. Pero só hai un piloto capaz de regresar a nave a Ítaca entre estrañas tempestades e combatendo contra monstros idiotas.  

Continuará...

Comentarios
Desenlace aberto