Medio ambiente | Nota de prensa

Ecoloxistas en Acción por unha pesca e un turismo sustentable

O veleiro Diosa Maat de Ecoloxistas en Acción percorre as costa galegas por vez primeira co obxecto de poñer o foco sobre os problemas que ocasionan sobreexplotación pesqueira, a degradación das costas e a turistificación

Ecoloxistas en Acción por unha pesca e un turismo sustentable
Ecologistas en Acción velero
Ecologistas en Acción velero

Mañá 27 xuño dende Ecoloxistas en Acción (EeA), lanzamos a campaña de “De ría en ría pola xustiza ambiental” coincidindo coa chegada do veleiro DIOSA MAAT ás nosas costas.

O Diosa Maat navega todo o litoral norte por unha pesca e un turismo sostible. O pasado 15 de xuño o noso veleiro, comezou en Santander esta travesía para seguir o percorrido por augas cántabras, asturianas, galegas e vascas nunha viaxe que se prolongará ata o 16 de agosto, nun percorrido no que participarán máis de 36 persoas voluntarias realizando labores divulgativas para loitar contra a sobrepesca, a turistificación, a deficiente depuración das augas que verten nas nosas rías e a degradación das costas e os ecosistemas mariños.

EeA en coordinación con outras plataformas (Mar de Fábula, APDR, Vida e Ría, Plademar, Mina de Touro Non, Fridays For Future...) elaboramos un programa de actividades abertas ao público é gratuítas, que darán comezo o vindeiro 27 de xuño coa proxección do documental Lourizán, paraíso Roubado no centro cívico de Monte Alto (rúa Vereda do Polvorín S/N) ás 19 horas. Contando coa presenza de Antón Masa, Presidente de Asociación pola Defensa da Ria de Pontevedra (APDR).

Seguindo cos actos programados na campaña, o domingo 30 de xuño ás 11:45 continuaremos co parladoiro “Industria turística sobre os cruceiros e o seu impacto no medio mariño” para o que contamos con Xosé Manuel Barros, socio Fundador de Mar de Fábula, que terá lugar na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panaderas, 12).

Esa mesma mañá ás 13 horas, realizaremos un roteiro con saída dende a Autoridade Portuaría da Coruña baixo o nome “Dársenas Disputadas: Roteiro crítico arredor dos usos presentes e futuros da costa Coruñesa” no que nos acompañarán persoas do equipo de redacción da proposta Porsuporto gañadora do concurso de ideas convocado polo Concello da Coruña sobre a transformación do Porto Interior da cidade.

As persoas interesadas estarán convidadas a achegarse e acompañarnos nas diversas accións. 

O veleiro Diosa Maat, que permanecerá atracado ata o 30 de xuño no porto da Coruña ofrecendo unha xornada de portas abertas o sábado de 19:00 a 20:00 e continuará o seu percorrido pola costa galega con paradas en Vigo o 5 de xullo, Pontevedra o día 7 e en Esteiro, na ría de Muros e Noia, o día 9 con fin de tratar en cada un dos lugares as problemáticas locais como: o deficiente estado das redes de saneamento e os verquidos que se producen ao medio natural, a presión contaminante das distintas instalacións industriais situadas nas nosas costas, a presión urbana e os problemas derivados da turistificación das nosas cosas e paraxes naturais, etc.

A tripulación do Diosa Maat estará a disposición de xornalistas e entidades interesadas en divulgar estas preocupacións.

Ecoloxistas en Acción por unha pesca e un turismo sustentable