CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 8

Entre xigantes

O Dépor topa con Stuani e un poderoso Xirona que frean en Riazor a sucesión de vitorias dos de Fernando Vázquez. Malia o empate, o equipo segue a progresar.
Entre xigantes
Mollejo, gol diante do Xirona.
Remate de Mollejo na acción do primeiro gol diante do Xirona. Fotos: LFP/RCD

Só hai dúas categorías de árbitros: os bos e os malos. A diferencia adoita estar nun intanxíbel que habitualmente se denomina "man esquerda". A arte da arbitraxe é entender o ton no que decorre o partido e afinar o chiflo para estar sen estorbar e intervir só cando o xogo se desvía do seu rego. 

Obxectivamente, a arbitraxe prexudicou onte ao Dépor. Jorge Figueroa esaxerou o celo para xulgar as accións defensivas dos branquiazuis e foi permisivo co Xirona na presión tras perda desde moi cedo. Riazor sulfurouse cando Aketxe viu a primeira tarxeta do partido no minuto 35 despois de soportar a agresividade ao límite dos rivais. O colexiado converteuse nun lastre.

Jorge Figueroa só demostrou man esquerda evitando expulsar a Stuani por un golpe a Peru. O dianteiro visitante tiña unha amarela, o partido ía 2-1, o Xirona apertaba e o árbitro decidiu non intervir… Apenas uns minutos despois, si interveu nunha acción imprudente de Montero que acabou con Brandon no chan sen que o auxiliar de banda dixese mu -os auxiliares cada vez pintan menos-. O árbitro non tivo man esquerda co Dépor e pitou falta. O VAR decretou penalti. Tirouno Stuani.

Ás veces tócache un mal árbitro e hai que apandar.

Está sendo bonito, tremendo, por veces irritante, moi humano… e os deuses do fútbol seguen mirando os partidos deste Dépor. Non se amolen. Pensen que son eles, os deuses, os que de cando en cando mandarán un árbitro coma o de onte.

Gaku, diante do XironaMais o que de verdade estorbou o camiño do Dépor cara a súa oitava vitoria consecutiva foi o Xirona, que despregou sobre Riazor toda a súa ambición, intelixencia e espírito de loita. Foi un adversario á altura deste Dépor. Unha batalla entre xigantes, con distintas armas, pero xigantes poderosos a estas alturas de liga, diga o que diga a clasificación, o famoso tope salarial ou as respectivas historias en sepia. O feito até hoxe non importa, proclama FV; e Martí, o adestrador rival, que se declara admirador do galego, volveu a Riazor coa táctica do mestre ben estudada. 

O Xirona abriu o campo todo o ancho. Colgou a Stuani arriba para desgastar aos centrais, avanzou a presión até os tres cuartos, recuperou con solvencia e atacou con insistencia polas bandas, en especial polo franco esquerdo do Dépor, no que Mollejo sufre. 

FV repetiu debuxo e once (Sabin, recuperado, volveu como nove). O Dépor parece cada vez máis sólido. Mujaid emerxe como un central sen fisuras nunha defensa de cinco. Montero vai asentándose… Pero o golpe levouno Somma, até onte o líder na sombra da defensa. Rompeu aos 7 minutos. E esa lesión (as primeiras informacións din que é grave) condicionou todas as decisións tácticas durante o resto do partido.

Mentres, Sabin Merino volveu á mina neste Dépor que se agrupa e lanza balóns para que o nove os descolgue e irse estirando. Merino non conseguiu que o árbitro recompensase con algunha falta a favor tanto traballo. Desesperou, mais nunca se rendeu. O gol custa. Volverá anotar, pero antes quédalle seguir picando na mina.

O de Stuani é diferente. Stuani chantou unha trincheira en metade da liña de centrais. De cando en cando collía os guantes e saía a boxear. O Xirona xoga para alimentar a Stuani e o dianteiro é voraz. Durante 77 minutos, Mujaid e Peru conseguiron contelo a base de anticipacións e moito corpo a corpo. Durante máis dunha hora, o Xirona botou saques de esquina (sumaría 8 en total) e disparou insistente desde lonxe (até 20 disparos no partido). Puido marcar de calquera maneira, pero está afeito a que marque Stuani, que se revolveu no segundo pau tras o barullo nun lanzamento de córner para facer o primeiro. Despois regresou á pelexa para golpear a Peru, anotar de penalti o empate e encoraxar Riazor (e Çolak) coa súa celebración. 

A parada de Riesgo 

Pode que o miolo do partido estivese neses minutos que protagonizaron Stuani, o árbitro e a liña defensiva local na área branquiazul. Pode que estivese nos minutos inmediatamente anteriores, cando a defensa impenetrábel do Dépor parecía ter vencido á insistente ofensiva visitante.

AlexXusto antes do gol de Álex Bergantiños deu a impresión de que a presión avanzada do Xirona se desorganizara, por fatiga ou por frustración. Gaku, que adoita a gañar presenza nos tramos finais, e Çolak, coa reserva da calidade cando o ar empeza a faltar no campo, descubriron camiños para salvar a presión rival, o Dépor estirou de vez e agradeceuno Merino. O tanto de Bergantiños (minuto 60), un disparo espléndido coa zurda, non resolvía a contenda… pero case.

A ocasión de pechar o partido deuse pouco antes de que se sucederan as malas noticias. O Dépor trazou rápido pola banda esquerda, Salva prolongou na área para a chegada de Çolak e o turco rematou a gol. Impediuno Riesgo cunha saída perfecta. 

Ás veces topas cun porteiro inspirado e hai que apandar.

FV, condicionado 

Se o miolo non estivo en ningunha desas dúas fases do partido durante a media hora final, quizá estivo no vestiario do Dépor durante o descanso. Fernando Vázquez decidiu o relevo de Mollejo por Salva Ruiz. Mollejo tiña unha tarxeta, estaba sufrindo en defensa e falando demais co árbitro. A prudencia, con 1-0, aconsellaba o cambio. Pero foi unha decisión arriscada que acabou por condicionar a FV nunha segunda metade que o Dépor empezou como rematara a primeira, defendendo moi atrás, cada vez máis atrás.

Sabin Merino volveu á mina neste Dépor que se agrupa e lanza balóns para que o 'nove' os descolgue e irse estirando. Merino non conseguiu que o árbitro recompensase con algunha falta a favor tanto traballo. Desesperou, mais nunca se rendeu.

Cun só cambio por facer, cos tres homes de arriba (Merino, Çolak e Aketxe) soportando un enorme desgaste, co Xirona botado enriba da área local, roubando rápido e chegando fácil, Vázquez pasou os primeiros dez minutos da segunda metade intentando encontrar no campo unha solución ao asedio que tampouco tiña no banco.

A solución foi resistir. Peru dominou o xogo aéreo e Mujaid e Eneko pecharon o franco dereito. Pola esquerda, Montero e Salva tiveron os maiores problemas. Por ese lado desequilibraría o Xirona o partido no seu favor…

Competitividade + Eficacia

Víctor Mollejo diante do Xirona en Riazor.Todos eses carreiros enmarañados polos que decorreu o partido na segunda metade empezaran a perfilarse nos primeiros corenta e cinco minutos.

As limitacións de FV (pola lesión de Soma e os padecementos de Mollejo), a desconfianza sobre o colexiado, o muro que estaban a levantar Mujaid e Peru, a constancia de Merino perseguindo sombras, o oficio de Bergantiños que comprendeu que o árbitro podía ser un problema e tratou de calmalo, a crueldade de Stuani, a disposición do Xirona para atacar e atacar despois de encaixar, o don de Eneko para participar do gol (dos dous), o compromiso total de todos os xogadores que fan deste un conxunto competitivo ao máximo nivel da categoría, a eficacia do Dépor para facer poucas cousas e facelas todas ben...

Así chegou o 1-0, unha triangulación de Bergantiños, Aketxe e Eneko que centrou desde a cal da liña de fondo para que no segundo pau Mollejo cabecease con precisión ao pau cambiado. Era o minuto 17 e xa acontecera a lesión de Somma e estaba por pasar todo o demais… 

Foi unha bonita forma de empezar a cálida tarde-noite dun 14 de febreiro no que parte da afección viña de asistir a unha manifestación en contra das casas de apostas, un problema que o fútbol profesional debería mirar de cara (non todo vale), e despois ocuparse de asuntos menores, como a formación dos árbitros para aprender a manexar fobias internas e ambientes hostís ou da educación dos xogadores que demasiadas veces perden o control das emocións e provocan situacións violentas. Igual os problemas maiores empezaban a solucionarse arranxando estes asuntos menores dentro do estadio.

Non se amolen. O Xirona, só podía ser un xigante, tronzou a racha do Dépor. Mais quedan 14 partidos e os de Fernando Vázquez (só) necesitan 6 vitorias. A remontada, improbábel hai xusto un mes (cando empezamos esta crónica o 15 de xaneiro), vese hoxe posíbel. Falta moito, e mellor, porque o camiño está sendo bonito, tremendo, por veces irritante, moi humano… e os deuses do fútbol seguen mirando os partidos deste Dépor.      

Non se amolen. Pensen que son eles, os deuses, os que de cando en cando mandarán un árbitro coma o de onte, ou outro Stuani do carallo.

A ficha do partido

Capítulos anteriores

#ResisteDéporResiste


 

Entre xigantes