CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 5

Estado de Festa (do traballo)

O Dépor gañou o partido co lateral esquerdo cazando un pase sobre a cal da liña de fondo para colocar un centro que o lateral dereito rematou a gol no bordo da área pequena. Co que había hai un mes, quen dá máis? 
Estado de Festa (do traballo)
Os xogadores celebran o gol de Eneko Bóveda. Foto: RCD
Os xogadores celebran o gol de Eneko Bóveda. Foto: RCD

O Dépor é unha festa. Riazor é un forno que abrasa os rivais e aviva un equipo que é todo fe: a fe dos xogadores no adestrador, a fe da grada nos xogadores, a fe do adestrador na grada.

A xente vai a Riazor ver TRABALLO, ver como se traballa unha vitoria, gozando con cada detalle, mascando os minutos o ritmo que o equipo moe o partido. 

Dúas veces puido marcar As Palmas no arranque do encontro, e non fixo. O Dépor empezou atrás, deixando toda a iniciativa a un rival moi elegante. Era o plan establecido até que aparecera Aketxe a balón parado e Sabin Merino, tocado polos deuses, para converter o gol (unha falta mal defendida polos canarios que terminou ca pelota pasando entre as pernas do porteiro). 

Nesas controversias que animan os debates sobre o fútbol, hai quen sostén que os grandes noves xogan o seu propio partido, divinos e egoístas. Merino, non. Fai parte dunha idea, vén educado nela. Merino pelexa todo o tempo e remata cando cadra. Fai o seu traballo, sempre competente, como Giménez.

Cumprido o minuto 18, o nove branquiazul estableceu un fito na historia do club: é o primeiro xogador en anotar un gol en cada un dos seus catro primeiros partidos (Guimeráns, Elícegui, Rábade, Gullón e Bebeto fixérano en tres, segundo informa o Deportivo). 

Non hai mellor liña que a xenealoxía do gol para esculcar glorias ou desventuras [ver nota final 1], os presaxios que gardan os deuses cando os seus dedos tocan un equipo. 

O premio está en cada detalle

O Dépor despregou o plan sobre Riazor tal e como o debuxara na pizarra Fernando Vázquez. “Hai dúas formas de gañar”, explicou didáctico na rolda de prensa do venres, “nós optamos por agruparnos e aproveitar os espazos que deixa o rival”. Desta volta, a defensa de cinco mudaba a catro co lateral esquerdo, Mollejo, avanzado no medio campo cando tocaba atacar. O Dépor é cauto, porque o adestrador é consciente das limitacións do equipo, mais é tan ambicioso como calquera.

Cumprido o minuto 18, a primeira parte do obxectivo estaba conseguida. Quedaba seguir moendo o fútbol cada décima de segundo, en cada carreira, en cada esforzo para chegar o cruce, en cada roubo de balón que se celebra, en cada despexe, en cada salto, control, regate, parede, desmarque… alento, sufrimento e goce na grada. 

O premio está en cada detalle. Fútbol a flor de pel. Isto é: defender, chocar, cortar, correr sen balón, manter a orde, a paciencia, a fe. Esperar. Un equipo que hai mes e medio era un pesadelo levado até os límites das súas posibilidades. 

12deporlaspalmasEn Riazor a afección declarou o Estado de Festa a partir dun 5-4-1, quen o diría… Festa do traballo. O defensivo debuxo de Vázquez asumido e apoiado con absoluta incondicionalidade. A xente lembrou que o fútbol de elite é un regalo, e lembrou que ás veces hai que deixar de mirar cara atrás e cara adiante e gozar con cada detalle. Iso fai Riazor, en comunidade co técnico e cos xogadores, comprendendo que toca remar, de costas á meta, deixando a alma en cada pancada.

Así se desenvolve o Dépor nesta altura: como unha traíña: un bloque que defende e un boque que ataca. Un sistema no que non hai especialistas liberados de determinadas funcións. Todos defenden, todos atacan. A falta de extremos, laterais chegando por banda...

Debate Mollejo

Os seareiros están entregados a Mollejo. Fernando Vázquez anda procurando sitio ao dianteiro porque precisa dun futbolista que axite o equipo, mais non llo topa arriba. Mollejo é un novo caso de atacante recolocado na liña de atrás e o ensaio suscita certa controversia (mesmo entre os autores desta crónica: Estévez di A; Piñeiro di B). Defende peor o Dépor?, podería atacar mellor? 

A Mollejo véselle capacidade para traballar unha banda atrás e adiante. Quizá a súa forma de romper a defensa non sexa tanto o regate como a velocidade. Non se sabe se a demarcación do toledano responde máis ás circunstancias ou a unha visión do técnico, pero é certo que hai exemplos notábeis de dianteiros reconvertidos en carrileiros. En calquera caso, na concepción do fútbol de Vázquez, as demarcacións atribuídas a cada xogador son pura anécdota. Todos defenden, todos atacan.

O Dépor gañou o partido co lateral esquerdo cazando un pase sobre a cal da liña de fondo para colocar un centro que o lateral dereito rematou a gol no bordo da área pequena. Esa xogada termina co debate… polo de agora. A falta de extremos, laterais chegando por banda. 

Eneko Bóveda, un defensa o que lle custa aparecer arriba, explicou ao final que Vázquez insiste aos laterais para que sexan profundos. Pero Vázquez tamén di que este equipo non tiña homes de banda, e agora fichou dous extremos.   

O partido en once minutos

Co 1-0, con Sabin no libro de historia e  Mollejo no altar destes días, cos centrais a sobresaltos, o Dépor preparouse para executar a segunda parte do plan. O equipo non se parte. TRABALLO. Todos defenden, atacan todos. Polo de agora, defenden ben. Está por ver se poden atacar mellor. Non é cómodo moverse á beira do precipicio, mesmo nun Riazor que roxe como garganta do deus do océano.

O Dépor botouse atrás no arranque da segunda metade (un pouco de máis, para gusto de Vázquez, segundo confesou despois na sala de prensa) e As Palmas dominou tres cuartos do campo, deu en abrir as bandas, en pisar a área local, tivo un par de remates con intención, houbo un par de saídas do Dépor buscando o 2-0… todo dentro do previsto.

Entón (minuto 63), Montero sufriu unha lesión e foi substituído por Bergantiños, que por unha cousa ou por outra sempre acaba aparecendo nos momentos de agonía. Peru pasou a xogar de central pola dereita e Mujaid, pola esquerda. As Palmas aproveitou as urxencias e empatou por culpa dun mal golpeo de Somma nun centro lateral (minuto 67).

A continuación rompeu Sabin Merino (minuto 69) e Vázquez tivo que cambiar de dianteiro cando o Dépor estaba máis obrigado a estirarse. Malia a vertixe e a falta de hábito, o equipo estirou. Gaku e Çolak (e Eneko e Mollejo) deron un paso adiante. 

Gaku e Çolak son futbolistas que crecen ao redor do balón. Despois de máis dunha hora correndo para defender e correndo para contraatacar, Gaku e Çolak empezaron a combinar con pausa e a meter velocidade cando convén. O Dépor tardou cinco minutos en fabricar o gol do triunfo.

Mollejo e Eneko apareceron na área e o Dépor matou o partido (minuto 70) que comezara coa lesión de Montero e o re-axuste defensivo.

Despois volveu o plan.

E Riazor ruxindo. Con fe. Fe na proposta do adestrador, no compromiso dos xogadores, no rol que lle toca aos seareiros que queren gozar do fútbol que está nos detalles, no esforzo, na orde e na constancia. TRABALLO.

Iso pasou no campo. O que rodea o fútbol do Dépor é agora mesmo unha especie de cegueira movida pola fe: non se repara na realidade dunha defensa animosa pero xustiña, dun medio campo apañado, dun dianteiro na racha da súa vida. Non reparar niso e botarse a xogar con intelixencia para gañar, dúas, tres, catro, cinco veces seguidas. Que non pare. Afrontar a liga bogando de costas, sen mirar á meta… e que non pare a festa. [ver a nota 2]

13deporlaspalmas[nota final 1]

Manuel Guimeráns e Julio Elícegui compartiron equipo. O vigués anotou o gol do ascenso na tempada 40-41, e Elícegui, na campaña seguinte, foi o autor do primeiro gol do Deportivo en Primeira División. Gullón tamén participou do ascenso a Primeira en 1966. Rábade tivo un paso fugaz, con 19 anos marcou tres goles en tres partidos no comezo da liga do 51. Despois caeu enfermo e só regresou anos despois, sen sorte, nun breve paso polo Celta.  

[nota 2]

O Dépor, segundo as contas de Vázquez, aínda necesita gañar 7 partidos, tantos como gañou até o de agora nesta liga. Moitos miran á promoción, a 9 puntos. O Dépor mantén o ritmo dos equipos punteiros, pero o descenso segue a ser unha ameaza, onte o 19º estaba só catro puntos abaixo, mais se esta noite o Oviedo gaña, o corte quedará a dous puntos. Nun artigo na Voz, Alexandre Centeno lembra as palabras de Arsenio: “Ollo á festa, que cha quitan dos fociños”.

A ficha do partido

#ResisteDéporResiste

Comentarios
Estado de Festa (do traballo)