CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 20

O gran fútbol volve ao Dépor

O Dépor xoga como nunca, mais sufre coma sempre, nun partido que debeu gañar diante do Tenerife e no que por fin o técnico puido despregar o seu plan máis ambicioso.
O gran fútbol volve ao Dépor
Borja Valle, onte diante do Tenerife. @RCD
Borja Valle, onte diante do Tenerife. @RCD

Diante do Tenerife empezou todo e estaba escrito que tiña que rematar aquí. Esta crónica continuará porque a remontada aínda está pendente, pero o círculo fechouse nas illas, sen modorra sen fortuna, pero cos deuses descaradamente a favor do Dépor, aínda que poida parecer o contrario. A Liga devolveu Vázquez ao seu trono, malia que o árbitro amargase a tarde. Os árbitros tamén son circunstancias... ás veces son pedras no camiño, pero o que importa é o camiño todo.

A falta de cinco partidos, o Dépor está a cinco puntos do obxectivo que se marcou Vázquez cando se fixo cargo do equipo en decembro pasado despois de que Luís César sumase a súa única vitoria na Liga diante do Tenerife cun gol de Peru, hoxe lesionado. 

Seis meses despois, suspensión da Liga polo medio, non hai nada daquel equipo amedrentado, débil, sen confianza no plan nin plan asentado. Non era Anquela, non era Luís César, nin sequera o presidente que xa ninguén lembra nin o polémico secretario técnico... eran circunstancias, pedras no camiño, parte da representación, o prólogo ao regreso de Vázquez, do Dépor, homenaxe a Arsenio incluída, os vinte anos daquela Liga, o fío reencontrado dos magos do fútbol. 

Foi chegar Vázquez e decretar humildade e fe no único tanxíbel ao que se pode amarrar un grande sumido na nostalxia: aos seus afeccionados. Riazor rescatou o Dépor. Despois Vázquez reclamou tempo e confianza. O rescate dun fútbol de gran equipo chegou onte...

Vázquez presentou de inicio un equipo ambicioso, o mesmo que superou ao Elxe xogando unha hora cun menos. Estaba vez estaban Uche e Gaku e unha defensa de cinco traballando para gardar a portería propia, e Mollejo e Vallejo, con Sabin na punta, ameazando a contraria. O plan tardou en impoñerse ao do Tenerife porque a lesión de Uche fixo que o equipo perdese primeiro o balón e, despois, a confianza no plan.

Borja Valle aínda ten que convencerse a si mesmo e aos seus de que pode xogar no eixo, que sabe coidar as costas tan ben como distribuír o xogo. Empeñado en explotar a polivalencia dos xogadores, Vázquez acaba de abrir un futuro para Valle...

Na primeira metade o Dépor apenas sufriu, mais tampouco fixo sufrir o rival. Despois dun inicio acelerado, con remates e chegadas a unha e outra área, o partido abandonou ás áreas e toda a pelexa centrouse no medio, onde Uche e Gaku desactivaron o home que Vázquez sinalara como principal ameaza: Milla. 

Cando chegou a pausa para beber, Uche xa non estaba no campo e a batalla esmorecera mentres Milla exhibía repertorio de pasador desde o seu campo sen crear desorde no Dépor. O partido foi unha sesta até o descanso. E non por culpa da calor. 

Na segunda parte, o plan do Dépor desarborou ao Tenerife. Foi un efecto parecido ao que sufriran os de Vázquez hai uns días diante da Ponferradina, pero desta volta, xerárono eles. Un paso adiante na defensa, un pouco máis de velocidade na circulación, balóns á área e, inmediatamente, Aketxe. 

A Vázquez non o colleu esta vez o vento en contra nin precisou facer tres cambios de golpe para reorientar o xogo. Foi suficiente con colocar a Aketxe, o dez, no carril do oito. Mollejo e Sabin, noutro remate excelente, ameazaran Ortolá; nada mais entrar no campo, Aketxe volveu avisar nun centro-chut que bateu en Eneko. 

O Dépor esmagou o Tenerife durante moitos minutos. Mais o gol é caro. Nin Sabin nin Mollejo acertaron. E Vázquez decidiu cargar máis a ofensiva. No minuto setenta, o Dépor estaba xogando co Valle e Gaku polo centro, Çolak e Aketxe nos interiores, dous laterais avanzados, Ruiz e Simón, e un punta chantado na área, Santos.

Xogando ao toque, pechando ao rival, pausado, buscando ocos para sorprender con chegadas desde atrás, o Dépor volveuse sentir un grande e debeu marcar nunha combinación Çolak-Gaku-Ruiz, co lateral no bordo da área pequena pasando atrás para que Santos rematase a pracer... Sacou a perna Ortolá.

Ese é o camiño. E as pedras importan pouco.

O Dépor volveu ser grande, sentiuse forte sen Riazor detrás, dominou o rival como poucas veces dominou un rival esta tempada, recuperou o gusto polo toque, por moer o xogo, a pausa e a espada. Fixo o suficiente para saír satisfeito da tarde, da longa viaxe, da dura tarefa á que está atado este ano... O Dépor volve ser un gran Dépor.

Despois da parada de Ortolá veu o penalti que sinalou o árbitro (desta non se pode atribuír o erro a Mujaid), o gol de Milla, a expulsión de Vázquez. O medo apoderouse do Tenerife e o Dépor, que se sabía superior e coa seguridade de que podía volvelo facer, foi pola remontada. Meteu o Tenerife baixo os paus até que conseguiu o empate.

Hai tardes así, nas que non importa tanto o resultado porque sucedeu algo moito máis importante.


A ficha do partido
 

Comentarios
O gran fútbol volve ao Dépor