CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 24

Situación fóra de control

O Dépor dilapida en tres partidos a vantaxe que mantiña sobre o Albacete e o Lugo e xa non dependerá de si mesmo na última xornada.
Situación fóra de control
@RCD
@RCD

Hai tres partidos, doce días apenas, que o Dépor de Fernando Vázquez gobernaba a Liga e o obxectivo da permanencia parecía un simple trámite a completar. Non o completou. E o equipo foise sumindo nunha depresión futbolística vítima do estrés, canso e desorientado, sen que aparecese líder ningún nin no campo nin no banco. Non houbo un por que, unha razón concreta, nin un detonante nin un estoupido... simplemente, apagouse.

Apagouse Aketxe, apagáronse Mollejo, Gaku, Dani, Sabin e un detrás doutro todos os que viñan sostendo o equipo que parecía ter o control da situación.

A situación quedou definitivamente fóra de control onte, en Miranda do Ebro, nun partido no que o Dépor estivo sempre por debaixo do rival e no que pasou vinte minutos en praza de descenso polos resultados noutros campos e, cando as contas aínda daban para pensar que gañando o último partido en Riazor chegaría, veu o gol do Lugo... que hai doce días, tres partidos, estaba a unha distancia sideral do Dépor e despois de vencer o Tenerife depende, el si, de si mesmo. E tamén depende de si mesmo o Albacete, que lle espetou catro goles o Zaragoza.

Se ningún dos dous falla na última xornada, o Deportivo xogará a próxima tempada en Segunda B.

Onte, no pequeno campo de Anduva, o Dépor volveu regalar os primeiros corenta e cinco minutos, nos que ademais cedeu o gol que finalmente decidiría o resultado. Errou Vázquez no deseño. Peru volveu para xogar como medio centro e nin defendeu ben nin axilizou a circulación do balón. O equipo partiuse por aí, con Gaku peor que de costume e Mollejo e Hugo desnortados sen balón. Tampouco funcionou Santos como 'nove'. O que lle pediu o técnico non foi quen de cumprilo. O equipo recibiu un gol nunha falta mal defendida pola barreira e o porteiro e achantou. Todas as limitacións físicas e técnicas dos branquiazuis quedaron expostas a causa do que pareceu un medo incontrolábel...

EdKRBBqXoAYdVoTVázquez corrixiu tras o descanso. Borja, Aketxe e Keko recompuxeron o medio campo e Sabin pasou a facer de 'nove'. Borja ordenou Gaku, o Dépor adiantou uns metros a presión, deu en recuperar o balón e pasou a dominar o entrexogo. Aketxe dirixiu o ataque e Keko e Mollejo pola esquerda e Hugo pola dereita percutiron con constancia. 

O Mirandés, que a esas alturas xa non se xogaba nada, recostouse atrás sobre unha defensa ben plantada, concedeu algunhas ocasións e dispuxo das mellores para matar o partido moito antes do final.

Mujaid aguantou o resultado e Aketxe, Sabin e Keko dispuxeron de oportunidades para, cando menos, empatar. Co empate chegaba para saír enteiros (dependendo de si propios) na última xornada. Un empate en Málaga, un empate diante da Ponferradina... que estiveron na man. O empate que ben puido ter merecido onte. Pero o Dépor non chegou até aquí por conformarse... Quizais non soubo xestionar estes tres últimos partidos. 

No último, o próximo luns diante dun Fuenlabrada que entrará no seu primeiro play-off de ascenso si suma un empate, non será difícil de xestionar. Xestionarano outros, o Lugo na casa, o Albacete no carnaval do ascendido Cádiz. Pode pasar calquera cousa. Tamén, o peor. 

Hai doce días, apenas tres partidos, ninguén contaba con isto.


A ficha do partido
 

Comentarios
Situación fóra de control