CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 18

Traballo, intelixencia e Mollejo

O Dépor volve gañar co plan de xogo que máis éxitos lle reporta noutro partido agónico cun chisco de intelixencia e outro de fortuna.
Traballo, intelixencia e Mollejo
Hugo Vallejo, no centro, celebra o gol con Mujaid, Mollejo e Montero. @RCD
Hugo Vallejo, no centro, celebra o gol con Mujaid, Mollejo e Montero. @RCD

Xusto un ano despois da decepción en Mallorca naquel play-off de ascenso que se torceu de mala maneira ao final, o Dépor sumou en Elxe un triunfo que confirma que a remontada (improbábel hai seis meses) é posíbel e está próxima: pode que alcance con 9 puntos máis. E este equipo está en condición de sumalos nos últimos sete partidos.

Despois de tres empates moi sufridos no inicio desta Liga post-covid, o Dépor amarrouse en Elxe ao plan inicial de Fernando Vázquez cando se fixo cargo do equipo na segunda volta: defensa de cinco, repregado e un nove para estirar o equipo a base de balóns largos. Un plan sinxelo que exixe fe e traballo, e un chisco de inspiración dos eventuais puntas.

Con Bergantiños como central e Uche no eixo do medio campo, Vázquez garante unha cousa: o Dépor sabe o que xoga e xogará a iso dure o que dure o partido. Traballo neste equipo é concentración e sacrificio. 

E non hai futbolista que mellor represente esas virtudes que Gaku. Nunha Liga larga, como a que se interrompeu en marzo, o xaponés tería sido titular con continuidade. Agora o escenario é outro. E Vázquez dosifica a todos (excepto, até hoxe, Dani Jiménez). Gaku era unha peza básica para o partido que quería xogar o Dépor diante do Elxe, un equipo que segundo advertira o adestrador branquiazul, era rápido e moi perigoso á contra. 

Así que Vázquez cedeu terreo ao rival, dispuxo un medio campo para non ceder unha cuarta a base de orde e non eludir ningunha disputa. Arriba, confiou no oficio e na abnegación de Sabin

Todo ía polo carreiro e sen sobresalto ningún até que Gaku excedeuse nunha acción innecesaria. A entrada foi dura e puido parecer extemporánea a quen non xoga o partido co rigor do xaponés. O árbitro interpretou expulsión.

O Elxe, que non sufrira para defender e furaba fácil polo único oco (a cabeza de Jonathas) que lle deixaba o rival, pensou que tiña gañado o partido antes de marcar o primeiro. Non tivo présa Pacheta, o técnico local, que esperou até a segunda parte para mover pezas e cargar o Elxe de dianteiros (acabaría metendo a todos os que tiña no banco) mentres alixeiraba a defensa.    

Para o Dépor, a pausa do Elxe foi un bálsamo. Recompuxo a liña do medio campo, cedeu uns metros máis e mesmo pareceu abandonar Sabin.

O Elxe, que non sufrira para defender e furaba fácil polo único oco que lle deixaba o rival, pensou que tiña gañado o partido antes de marcar o primeiro.

Vázquez mantivo aos dez no inicio da segunda parte para ver cal era a aposta de Pacheta. Apenas tardou dez minutos en responder: primeiro protexeu o lateral esquerdo (Luis Ruiz tiña unha amarela e o Elxe dispuxo un extremo para percutir pola súa banda) e deseguido incorporou a Mollejo e Hugo Vallejo como interiores, buscando o único camiño á portería contraria, o do contraataque.

O éxito da resposta dependía tanto das forzas de Sabin como da frescura e da rapidez de dous novatos (Mollejo e Hugo). Funcionou na primeira ocasión. Hugo lanzouse contra un disparo ao borde da área do Dépor, Eneko recolleu o balón e mandou un pase cara o nove. Sabin aguantou até caer, e cando a xogada parecía morta, apareceu Mollejo como unha bala. Conduciu, levantou a cabeza e precisou o centro que rematou na área pequena Hugo. 

A xogada durou 18 segundos, recorreu uns 70 metros, un rebote contra o corpo de Hugo, dous toques de Eneko, un de Sabin, tres de Mollejo e remate de cabeza de Hugo. 

Era o minuto 65, Sabin foi substituído un par de minutos despois, saíu Aketxe para colocarse na liña de medios e manexar as contras. O Elxe seguiu avanzando, metendo dianteiros (Escriche e Nino). O partido quedou onde o levara o Dépor. Os locais atacaron máis e con máis. Tiveron ocasións, pero crearon pouco perigo. O Dépor atacou menos e con menos, pero dispuxo de varios remates francos (cando menos tres de Hugo, Uche e Simón) na área local.

Elxe(2) Uche

O partido morreu aí, na área do Elxe, porque na visitante, Bergantiños e Uche seguiron moendo o plan inicial, dure o que dure o partido… e Mollejo botou unha man caendo a un lado e a outro e provocando primeiro unha tarxeta e despois a expulsión de Tekio.

Foi a véspera de san Xoán, un ano despois da desilusión de Mallorca, noutra noite de lume amargo, na Liga post-covid co Dépor medio a salvo, unha tarde quente en Elxe sen público nas gradas, cun Uche enorme, con dous rapaces que xa avanzaran diante do Raio que son dous diaños cando aparecen na área: Hugo Vallejo e Mollejo. Dentro dun ano, se cadra, estaremos botándoos de menos, como aquel Fede Cartabria que non apareceu en Son Moix a véspera de san Xoán do ano pasado. Foi a de Elxe unha tarde para listos. Outra tarde na que Fernando Vázquez gañou unha partida rápida de xadrez poñendo cara de póker no descanso. A diferencia de cambiar no momento xusto, ao xogador xusto. A diferencia de colocar a Mollejo, un tipo listo, nunha posición algo máis avanzada para que chegue fresco á área.

O Dépor foi o máis parecido a ese Dépor que arrancou en decembro esta crónica dunha remontada improbábel. Foi fiel a si mesmo, a Vázquez: traballo (constancia), intelixencia (aproveita as súas virtudes) e Mollejo (antes Sabin, tamén agora, claro).

O sábado, en Riazor, diante do Ponferradina, volve xogar o Dépor. E a xente volve ter ganas de velo sabendo cal é o plan e crendo nel. Hai tres partidos que gañar.

A ficha do partido
 

#ResisteDéporResiste

Comentarios
Traballo, intelixencia e Mollejo