Dereitos Humanos

Estado de dereito, silencio e solidariedade

Presentación onte na Sisargas de "Novas do exterior" (Axóuxere), sobre a vida da familia dun preso galego.

Estado de dereito, silencio e solidariedade
Xose Luis Santos 3-min
Xosé Luís Santos, onte na Sisargas,

Vitoria e Xosé Luís falaron onte na Sisargas do peche dun ciclo vital doloroso. Presentaron na Coruña Novas do exterior, un libro de denuncia e agradecemento no que dan conta (escribe el, falan os dous) dos cinco anos que pasaron, que pasou a familia, baixo a bota do Estado de dereito do Reino de España.

Un dos seus fillos, Antom, foi detido, acusado, encarcerado, incomunicado e xulgado por pertencer a unha organización terrorista que iso que se chama o aparto do Estado ía construíndo a medida que reprimían a uns mozos e estigmatizaban as súas familias.

Sucedeu en decembro de 2011. Unha tarde, en Lugo, policías e xornalistas esperando pola foto do rapaz, profesor de historia na USC. Detivérono a el e logo á moza, María. Aplicáronlles a lei antiterrorista, foron xulgados na Audiencia Nacional e condenados a dez anos de cadea. Houbo outros detidos, que seguen presos. Tamén María. Despois de sucesivos xuízos e rebaixas, Antom foi liberado o pasado mes de abril. A María, que por problemas de saúde pasara un tempo en liberdade condicional, inda lle queda un ano máis. Antom vai visitala todas as semanas.

Vitoria e Xosé Luís fixeron o mesmo por Antom durante estes anos (63.000 quilómetros). O libro remata no 2016, foi publicado no verán de hai un ano. Son as crónicas que Xosé Loís foi escribindo para o grupo de amigas e amigos da familia que “teceron unha rede de solidariedade”. Quedan as feridas, “espero que cicatricen”, dixo o pai, que onte na Sisargas falou de solidariedade e agradecemento. Empezou pola historia dunha remitente anónima que axudara ao fillo a romper os muros da cadea. “Non coñecía a Antom, enviáballe cartas con citas ou pasaxes dun libro que Antom non coñecía. Despois, cando María e Antom decidiran casar, quíxolles facer chegar un libro encadernado por ela, un agasallo de casamento coa carta do mes. Devolvéronllo cunha notiña: No pasa el control de seguridad”. A remitente chámase Sara Plaza, e enviou o agasallo a casa dos país, “a carta máis fermosa que recibimos na nosa vida”. Sara Plaza aprendeu galego e fai parte de Novas do exterior.

Xose Luis Santos 2-min

O libro é abafante xa nas primeiras cincuenta páxinas, narra o camiño cara o inferno dunha familia baixo a bota da Lei, do sistema de represión, a crueldade. Na súa desesperanza, Xosé Luís, busca o significado da palabra cruel para entender o que lles está pasando a eles. O que lle está pasando ao fillo non se pode explicar. “Non sé dá explicado. Para facerse unha idea de cómo é isto hai que estar dentro. Non se lle dá explicado a ninguén de fóra”. Son as palabras de Antom recollidas nunha cita que abre o relato.

Alguén na sala da Sisargas recorda a súa experiencia na cadea, e advirte da “banalización” do cárcere. Di que a privación de liberdade é só unha parte, logo están as crueldades. “Non, non se pode explicar”.

Hai un silencio respecto do que significan, do que pasa nos cárceres que contrasta co barullo que se monta a través dos medios de comunicación de masas cando o aparato do Estado pulsa a tecla terrorismo. “A meu fillo chegáronlle a atribuír a fundación do Exército Guerrilheiro Galego, tería que telo feito con oito anos…”. Nun delirio ben articulado para crear inimigos que atemoricen as poboacións, no caso de Antom e os outros mozos (Eduardo e Teto seguen, como María, na cadea) a prensa fixo a súa parte como bota do Estado. “Man dereita”, “número dous”, “ideólogo”, “escalada de violencia”, “principal ameaza por riba de ETA”. A prensa nunca lles preguntou a eles –“salvo unha vez, un xornalista de Lugo, non volvemos saber del”– porque a prensa só precisa unha versión, a oficial.

A defensa de Antom foi conseguindo manter vivo o proceso e gañando días de liberdade a base de desmontar os argumentos do Estado. E tivo que ser unha xornalista, Helena Domínguez, desde a academia, a que desmontara o relato mediático analizando a maneira na que se fora construíndo. Hoxe Antom está en liberdade, inhabilitado durante dez anos para calquera cargo público (non pode volver á universidade) e sen dereito a cobrar nin sequera unha axuda social coma calquera desempregado. O Estado inda non perdeu e por iso pode seguir aplicando a bota.

Malia todo, o ex preso inda ten unha tarefa, ir dando conta da vida de María desde o exterior, como fixeron por el seus pais. Hai outros, e no libro cóntanse algúns casos, que non reciben desde fóra nin unha pinga de solidariedade que mitigue as crueldades.


 

Estado de dereito, silencio e solidariedade