PENSIÓNS PÚBLICAS

Modepen súmase este 17 de xuño á convocatoria para esixirlle a Pedro Sánchez unha defensa firme das pensións públicas

  • O Movemento en Defensa das Pensións convida a toda a cidadanía a acudir o vindeiro luns ao Obelisco, ás 19.30h, para reclamar unha xubilación digna, pública e igualitaria.
  • Modepen tamén celebrará o 18 de xuño, ás 18.00h, unha asemblea na Casa-Museo de Casares Quiroga para decidir as súas próximas liñas de actuación.

 

Modepen súmase este 17 de xuño á convocatoria para esixirlle a Pedro Sánchez unha defensa firme das pensións públicas
Cartaz MODEPEN 17 de xuño
Cartaz MODEPEN 17 de xuño

A Coruña, 12 de xuño de 2019.- O Movemento Galego en Defensa das Pensións (Modepen), que forma parte da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións (Coespe) convoca para o vindeiro luns 17 de xuño unha concentración no Obelisco, ás 19.30 horas, co obxectivo de lembrarlle a Pedro Sánchez a necesidade de defender as pensións públicas. Deste xeito, Modepen súmase a unha convocatoria unitaria en todo o Estado que procura afastar ao Partido Socialista das tentacións dos pactos neoliberais que prexudicarán ao conxunto da cidadanía.

As reivindicacións que Modepen e Coespe lle trasladan ao novo goberno do Estado son:

  • Blindar o dereito ás pensións na Constitución.
  • Revalorización automática das pensións en relación ao IPC real anual.
  • Igualar a pensión mínima co Salario Mínimo Interprofesional.
  • Derrogación das reformas do 2011 e 2013, que empobreceron ás persoas pensionistas.
  • Medidas para eliminar a fenda de xénero nas pensións.
  • Derrogación das reformas laborais que espallaron o traballo lixo.
  • Eliminación de calquera copago farmacéutico.
  • Restablecer os 65 anos como idade de xubilación.

Por todos estes motivos, Modepen fai un chamamento a toda a cidadanía, ao estudantado, traballadores, desempregadas, mocidade e maiores para que se mobilicen polo dereito á xubilación pública, para que as novas xeracións non teñan unha vida peor.

Asembleas do Modepen

Doutra banda, o martes 18 de xuño, Modepen celebrará unha asemblea local na Coruña, para preparar as vindeiras mobilizacións e organizar o traballo antes do verán. Terá lugar na Casa-Museo Casares Quiroga, a partir das 18.00 horas, e o acceso é libre para calquera persoa interesada en colaborar coa loita por unhas pensións públicas dignas e igualitarias.

Dúas semanas despois, o sábado 29 de xuño, A Coruña acollerá a asemblea galega de Modepen, na que se reunirán agrupacións locais de todo o país para poñer en común as ideas que foron recollendo. Será no centro cívico do Castrillón, ao longo de todo o día.

Modepen é un movemento social apartidista, asembleario, aberto, transversal e inclusivo no que teñen cabida todo tipo de persoas, e cuxo único obxectivo é a defensa do sistema público de pensións.

Comentarios
Modepen súmase este 17 de xuño á convocatoria para esixirlle a Pedro Sánchez unha defensa firme das pensións públicas